Opinión

A última esperanza

Na pasada fin de semana visitei a costa belga, Oostende para ser máis exactos. O billete saíume de balde, pois a compañía dos camiños de ferro belgas tivo feliz idea de ofrecer a todos os cidadáns que así o pediran unha ducia de viaxes en tren até calquera punto do pais. Pode parecer unha contradición en momentos de limitación da mobilidade, mais éo só parcialmente. 

A costa belga converteuse así, para milleiros de cidadáns na ultima fronteira da saúde mental, ese lugar onde todo é como antes, onde se pode pasear sen máscara e coa brisa asolagando os pulmóns de iodo e recendo a mar. 

Cando contemplo as lindes difusas dos areais que se estenden até onde chega a vista, eses que se moven na distancia son xente que, ao abrir o sol, ven na liña de costa a súa única esperanza de ar limpo, de saír do seu ovo, da súa matriz, do seu labirinto. Saíron facer voar papaventos cos cativos, a xogar cos cans na mallante, a recoller cunchas ou a deixarse levar polo automatismo da marcha. Van en grupo familiar, en parella máis ou menos locuaz e namorada e algúns, coma min, camiñan solitarios. Eu imito a unha tribo de veteranos que camiñan de pes nus. Despois de refucir as perneiras dos vaqueiros até media caña, entro na auga –xélida-. A dor ascende até os xeonllos e as coxas, mais fai acordar outros sentidos adurmiñados após tantos días de reclusión. O mesmo aconteceu dias atrás coa neve e o frío seco en contraste co caloriño da casa. 

Por que lles conto isto, dirán se até aquí chegaron. Pois porque penso que nestes tempos de reclusión, de arrefriamento das relacións sociais, de distancias e pantallas, é na natureza onde atopamos a nosa medida e, por tanto, o noso consolo. Na beira dun mar de augas xeadas ou na cornixa dunha montaña, na maxestade dun bosque de faias ou paseando de pes nus na pradería que abeira unha lagoa. E mentres camiñamos e respiramos podemos pensar na relación entre a pandemia e o cambio climático, esa si a última fronteira da Humanidade.

Comentarios