luns 03/08/20

A natureza do mal

Dicía Hitler que a ‘solución final’ non consistía nun asasinato en masa senón en proporcionar aos inimigos ‘unha morte suave’. A solución consistiu non só na aniquilación progresiva dos disidentes do Reich, como suxerira Himmler ou na estimulación do autoodio nos contrarios á norma estabelecida como propagou Goebbels, senón tamén na emigración forzada que organizou Eichmann baixo a supervisión de Heyndrich.

Escollan vostedes quenes son nesta farsa a elite nazi e pensen noutros secundarios desta solución final que é, como adiviñaron, a desaparición de Galiza como entidade diferenciada, o abandono da súa lingua e da súa cultura, ou o que é peor aínda a súa conversión nun cliché de si mesma, onde o castrapo trufado de gheada e seseo é o xeito simpático de masacrar a nosa lingua, mentres a nosa tradición cultural vese reducida a pantagruélicas festas grastronómicas, manifestacións esotéricas de celtismo atávico ou lugares comúns como a nosa tendencia innata á emigración, a morriña ou ao autoodio.

Non se confundan, os nosos emigrantes pasados e presentes, e temo que futuros, non emigran polo gusto da aventura e nós, como pobo, non só non deberiamos celebrar que sexan galegos un taberneiro en Dakar ou quen rexenta unha pizzeria na Avenida Corrientes de Bos Aires, o que leva un colmado en Durban ou o que traballa de capataz nunha factoría en Düsseldorf, senón todo o contrario.

O noso orgullo debería ser que regresaran para construír un país digno da herdanza recibida e non desta miseria ética á que nos levaron estes pousafoles embarcados na destrucción sistemática do país. Non falo só dos que gobernan. Nada poderían facer sen o silencio dos máis, que se deixan gañar por un prato de lentellas ou unha presada de euros.

Pensan que esaxero, como pensaban a meirande parte dos alemáns que deixaron en mans do Partido Nazi, non só os destinos do país senón tamén a construcción dun novo estado que tiña como obxectivo único o afortalamento da barbarie ética.

comentarios