Opinión

A cabeza perdida

Veño de revistar a novela “A cabeza perdida de Damasceno Monteiro”, de Antonio Tabucchi, que fala sobre a xustiza. Acontece en Portugal. A tese é que a xustiza non é nin imparcial nin universal. Non é imparcial pois a palabra dun sarxento de policía vale máis ca dun travestí. Non é universal pois non se aplica coa mesma forza a todos os cidadáns, variando coa etnia e a condición social. Se cadra as características máis sobranceiras da xustiza, sostén a novela, resultan a contrario, a súa parcialidade e o seu carácter discriminatorio.

Entendo que ser xuíz e condenar a membros dos corpos de seguridade do estado por torturas debe resultar ben difícil. O pobre do xuíz que así o faga deberá de se confrontar non só co rexeitamento e a exclusión social dos seus colegas, que, no caso da máis que probábel reclamación, actuarán a contrario, senón tamén coa oposición frontal dos corpos de seguridade e do goberno, calquera que sexa a cor do mesmo. Por iso os xuíces, cando se ven na obriga de xulgar sobre acusacións de torturas da man da policía, rematan todos eles por actuar de xeito conservador, refractarios a calquera idea de equidade. Polo medo.

A xudicatura é o único dos tres poderes do estado que usa uniformes. Un non entende unha ministra de toga ou un deputado con colares e pendóns. Que tiren as togas xa!, símbolo de poder mais tamén dun pensamento retrógrado e clasista. O poder xudicial, di a novela, representa o sector menos democrático do estado. O poder discrecional, aquel que só defende os privilexios de clase. Esa é a idea que transmite a novela de Tabucchi.

Lembro fotos aparecidas nas revistas durante ‘a transición’. Os hematomas nos corpos dos detidos non mentían. Aqueles aos que se lles ‘fora a man’ eran sempre protexidos polos seus mandos e polos gobernos foran demócrata cristiáns ou social demócratas, caras elas da mesma moeda, aínda que unha teña un rostro máis amábel. Na fin, como a novela, todo é unha mestura de ficción e realidade.

Comentarios