Opinión

A barbarie ética

Cando triunfa a barbarie ética non é necesariamente pola forza que eses bárbaros poden ter (que tamén), senón de xeito principal pola debilidade e, por riba de todo, pola capitulación dos civilizados. Así esta epidemia de vulgaridade institucional e política que sufrimos non é senón o resultado do silencio dos años. Calar convértese non sei se na actividade máis sabia, mais na que menor número de problemas persoais comporta. Levo por volta de trinta anos, se cadra demasiados, neste rôl de victime, expresando a miña opinión nestas páxinas e nas daqueles medios que as precederon, Sermos Galiza, A Nosa Terra, o Diario Cultural da Radio Galega, a plataforma dixital Vieiros, e de xeito esporádico noutras publicacións periódicas que así o solicitaran. Case sempre de xeito amador, polo pracer egocéntrico de dar opinión. Tentei argumentar quer en crónicas radiofónicas, quer en columnas de opinión ou artigos algo pesados, tal vez aínda molestos e nalgunhas ocasións (se cadra menos das que eu quixera) afastados da norma e da ortodoxia dos gardiáns das esencias. En ocasións tiven que facer malabares cos caracteres ou coa duración máxima das gravacións para poder satisfacer as esixencias de espazo e tempo. 

E esa liberdade de falar/escribir e non calar, de argumentar e non apandar non me fixeron acadar prestixio senón indiferenza e aínda comentarios acres ou críticas aceiradas. Non escribía ou falaba o que eles querían ler ou escoitar. Non repetía consignas nin sermóns partidistas e daquela era sospeito de traizón. 

Hai por aí soltos bárbaros que, arborando bandeiras obsoletas ou agochándose baixo anónimas personalidades, braman a súa xenreira cando non coincides con eles ao 100% dos seus delirios.  
Chegaron descualificacións e palabras de odio, cando non exabruptos ou repetición de consignas importadas, coma se a verdade estivera ligada á repetición ou á violencia (dúas características da propaganda nazi).  

Calar nin sempre é a opción máis sabia. Iso é o que quixeran os sectarios.

Comentarios