Opinión

9 de maio, día de Europa

Cando isto escribo, o sábado 9 de maio, declarado día de Europa, levamos 55 días de encerro dende mediados de marzo, cando nos deron a triste noticia de que, polo ben común, deberiamos ficar na casa, coa mobilidade restrinxida, atrapados cada un de nós no noso labirinto existencial. Pasaron moitas cousas a nivel individual e colectivo dende ese primeiro instante de estupor e de submisión. Algunhas coido en pensar que positivas, aínda que é ben cedo para facer unha avaliación avisada do que en realidade aconteceu. Incrementáronse as chamadas e as mensaxes de xeito exponencial. Outras cotiás aumentaron a súa frecuencia, multiplicándose. Este incremento nas comunicacións a distancia, incluídas as videoconferencias foi algo que marcou claramente esta xeira difícil.

Non se sabe ben cal vai a ser a resaca despois destas circunstancias excepcionais. Semella ben claro que o mundo vai mudar. Non en todas as súas interaccións, normas e comportamentos, nin falta que fai, mais si vai quedar prendido na memoria este encerro como un macro experimento sociolóxico do que se derivarán innúmeras análises dos académicos. Eu non son académico, ou sexa que esperarei polas palabras dos especialistas para entender mellor as consecuencias a curto, medio e longo prazo.

Semella que as liberdades individuais (esa quimera) veranse afectadas. Xa se viron claramente restrinxidas por declaracións do ‘estado de alarma’ nalgúns países ou directrices abusivas noutros moitos. Cadaquén coas súas peculiaridades, sen unha coordinación efectiva, de xeito que houbo momentos no que o caos foi a norma.

En Europa, que é onde eu moro, houbo aínda episodios de agresión verbal entre os gobernos dos estados membros da Unión. A solidariedade, eixo central da política europea, converteuse na excepción e non na norma. Agora entramos nunha xeira menos crítica (o perigo non desapareceu ao completo), supoño que haberá tempo para reflexionar. Terémolo que facer todos, Europa tamén.

Comentarios