Opinión

11-S

Hai días que por algunha razón, sexa esta festiva ou lutuosa, fican na memoria. Un deles é o 11 de setembro. Unha rápida consulta dá para lembrar o inicio do exterminio xudeu en Bielorrusia, en 1943. O mesmo día, en 1973, as forzas armadas e de carabineiros lideradas polos xenerais, de infausta memoria, Augusto Pinochet, Gustavo Leigh, José Toribio Merino e César Mendoza, perpetraron un golpe de Estado en Chile, derrocando o Goberno socialista de Salvador Allende e dando comezo a una ditadura militar. Sería oxímoro dicir que esa ditadura encheu de represión, sangue e horror a sociedade chilena e tivo réplica noutras ditaduras en Sur América.

Xa despois, nese mesmo día de 2001, aconteceron os atentados nos que dous avións tripulados por comandos suicidas se estrelaron contra as torres do World Trade Center de Nova York, outro impactou no edifico do Pentágono en Washington e aínda outro en Shanksville, no estado de Pensilvania. Os atentados sacudiron os EEUU, en primeiro lugar, mais xeraron unha reacción internacional que levou aparellada unha confrontación larvada a nivel planetario, con futuras réplicas deses atentados en varias capitais europeas.

Podería pescudar e de certo atoparía varias outras efemérides, mais por diversas razóns, de tempo e necesidade non o vou facer. O horror do Holocausto, a represión en Chile, os atentados suicidas e as súas secuelas, son razóns bastantes para non esquecer este día 11 de setembro.

Xa máis próximos no tempo, e algúns pensarán que son noticias menores, este mesmo 11 de setembro trouxo a noticia das mortes do escritor español Javier Marías (ao que eu admiraba na súa literatura) e da resistente cultural Saleta Goi (á que eu admiraba no seu compromiso coa cultura galega). Tamén foi o día que saín pasear en Vigo por unha Senda Verde e despois, enfastiado, fun tomar un xeado, como case todas as tardes.

Todos os días teñen as súas efemérides, mais só algúns regresan cada ano á memoria, nunha fulguración de horror.