Opinión

O voto que lles doe

O sábado pasado, xantando co David Fernández das CUP en Usurbil antes do acto con EH Bildu, reparei na camisola que vestía. Viure vol dir prendre partit. O lema estaba extraído dun dos textos máis coñecidos do comunista italiano Antonio Grasmci, "Odio aos indiferentes".

O sábado pasado, xantando co David Fernández das CUP en Usurbil antes do acto con EH Bildu, reparei na camisola que vestía. Viure vol dir prendre partit. O lema estaba extraído dun dos textos máis coñecidos do comunista italiano Antonio Grasmci, "Odio aos indiferentes". Xa sabedes: "Odio aos indiferentes. Penso que vivir quere dicir tomar partido. Quen verdadeiramente vive, non pode deixar de ser cidadán e partisano. A indiferenza e a abulia son parasitismo, son covardía, non vida. Por iso odio aos indiferentes." Ese texto, xunto co do "analfabeto político" de Bertolt Brecht, deberan ser case de lectura obrigatoria semanal. 

"A maioría da militancia do BNG, por exemplo, participa no seu día a día, para alén de no Bloque, nos colectivos de defensa da lingua, do asociacionismo de base, do veciñal, do deportivo, do ecoloxista, do feminista, do LGBTI, do estudantil, do sindical, .."

Non traio isto a colación por estarmos en campaña eleitoral. Sendo plenamente consciente da importancia que os resultados eleitorais teñen no fortalecemento das posicións partidarias, na conformación de hexemonías políticas e na percepción social que se instala sobre cada un dos actores do campo político-electoral, para min o prioritario é a acción colectiva, organizada, cotiá, no campo do social. Hai moitas formas de facer política, e non todas pasan polas eleicións, nin polas institucións, nin polos partidos. A maioría da militancia do BNG, por exemplo, participa no seu día a día, para alén de no Bloque, nos colectivos de defensa da lingua, do asociacionismo de base, do veciñal, do deportivo, do ecoloxista, do feminista, do LGBTI, do estudantil, do sindical, ... É minoría quen, moitas veces a maiores diso e conciliando como pode coa vida persoal, desenvolve tamén traballo político nalgunha institución. 

Vén o asunto a conto polo fenómeno da abstención, para min o elemento clave a non perder de vista neste contexto, e do que cómpre facer leitura política en dúas dimensións: a da desafección evidente cun rexime que perdeu a lexitimidade e a confianza popular, dun lado, e a da incapacidade das forzas da esquerda real para seren -sermos- percibidas como ferramentas de cambio e transformación ao servizo das clases populares, do outro. Esa reflexión hai que facela sen medos e con honestidade, se quixermos ampliar o espazo da rebeldía organizada e avanzar. 

Mais, ao tempo, tamén é vital explicarmos sen complexos que o voto, con todas as limitacións óbvias nesta democracia formal que vivimos, é un elemento máis que temos a man para mostrarmos a nosa posición e tomar partido. O meu chamamento é a facelo, claro, en clave de defensa dos dereitos sociais e dos intereses de Galiza. Contábame esta semana unha amiga que, nunha conversa co pai, este lle confesara as súas dúbidas sobre a quen votar nas Europeas. Despois duns intres, el mesmo se respondía... "Eu quero votar por quen defenda o país, así que supoño que o farei polo Bloque". Esa reflexión é enormemente relevante, e non é anecdótica, senón indicativa dunha asociación fondamente instalada na nosa sociedade. O BNG é quen defende a Galiza e os seus intereses. Se o BNG está, Galiza está.

"Estamos a facer unha magnífica campaña, reencontrando ou incorporando moita xente valiosa no camiño, sumando colectivos e persoas a través de iniciativas como o manifesto Os Pobos Deciden ou a plataforma Avante Galiza"

Estamos a facer unha magnífica campaña, reencontrando ou incorporando moita xente valiosa no camiño, sumando colectivos e persoas a través de iniciativas como o manifesto Os Pobos Deciden ou a plataforma Avante Galiza. Estamos no bo camiño, marcando o rumo sen complexos, e cun corpo social que volve estar ilusionado e orgulloso de ser o que é. Manteñamos o esforzo. Sexamos activas e activos no que resta, e apostemos por mobilizar apoios, persoa a persoa. Non é casual que nesta campaña haxa tanto interese en ocultarnos, en invisibilizarnos, en facer desaparecer a nosa voz. Somos, como di un dos nosos lemas, o voto que lles doe.  

Trátase, pois, de estar contra a UE realmente existente, mais trátase tamén de facelo desde a nosa realidade concreta. A propia visualización de Galiza como pobo diferenciado está en xogo nestas eleicións. Existiremos se nos facemos ver, por nós propios. Fagamos, na defensa das nosas vidas e do noso futuro, na aposta por unha sociedade diferente de xustiza social e liberdade, que lles saian ronchas o 25M ao comprobar que Galiza existe politicamente, que Galiza está, que non son quen de acabar con nós e que somos un país capaz de se poñer en pé. Decidindo sobre o noso, defendemos o de todas e todos. 

Comentarios