Opinión

Unha CRTVG que hai que defender 

Precisamos como país uns medios públicos que teñan Galiza como referencia, espazos de comunicación que asenten a mirada ao mundo desde nós e reafirmen no aspecto psicosocial que existimos, que Galiza existe como realidade de seu con dinámicas, identidade e natureza política, cultural e social propia. Por iso son imprescindíbeis a TVG e a RG, e o han de ser igualmente as diferentes canles que se deberan ir creando nos vindeiros anos en base ao novo modelo dixital, canles especializadas nos temas que sexa máis necesario para garantir unha sociedade capaz de producir contidos e de referenciarse como tal cara dentro e cara fóra: fomento da música de noso, programación infantil en galego…

A CRTVG é, desde os seus obxectivos fundacionais, unha ferramenta central para a normalización social da nosa lingua, o reforzamento da nosa cultura e a garantía dunha información independente -entendida como servizo público- aos galegos e galegas sobre os temas e cuestións que nos afectan e nos conforman. Precisamos espellos en que nos mirar e nos recoñecer e lugares de encontro cos demais. Por todo isto desde o nacionalismo sempre defendemos e defenderemos a existencia dos medios públicos galegos, e consideramos adecuado e positivo que parte dos nosos impostos se dediquen a sufragar a súa existencia. Porque hoxe, se cadra, aínda son máis necesarios nun contexto de acrecentada dependencia económica dos privados e cun marco comunicacional completamente españolizado. A nós, ao BNG, poden estar seguros e seguras, non nos verán apoiando ou ameazando con facer desaparecer a TVG como fixo ou fai o Partido Popular con Canal 9 ou TV3.

A nós, ao BNG, poden estar seguros e seguras, non nos verán apoiando ou ameazando con facer desaparecer a TVG como fixo ou fai o Partido Popular con Canal 9 ou TV3

 

Mais queremos unha TVG e unha RG plurais, independentes e representativas da realidade social e política do país, non o actual aparato de propaganda en que se teñen convertido ao servizo do Partido Popular. Un aparato de propaganda que, por exemplo, como denunciou a xornalista e deputada Olalla Rodil no Parlamento Galego, “durante a xornada negra e catastrófica dos incendios do 15 de outubro apenas emitiu un total de 12 minutos ao longo de todo o día sobre os lumes, pese a que Pontevedra, Ourense e Lugo ardían polos catro costados. E non foi ata as 22:46 minutos cando comezaron cun programa especial, cando xa tiñan confirmación de que faleceran dúas persoas”. Un aparato de propaganda que agocha ou directamente non informa sobre os casos de corrupción do Partido Popular, mais leva aos titulares do día as cuestións internas dos partidos da oposición. Un aparato de propaganda que conta cun xefe de redacción e presentador, Luís Ojea, que denomina “inframundo”, “carroñeros” e “gentuza” aos milleiros de galegos e galegas que se mobilizaron contra a pésima xestión dos incendios levada a cabo pola Xunta. Un aparato de propaganda que decide non cubrir actos como a presenza de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no Forum Europa en Santiago de Compostela, en que estaban o presidente do Parlamento ou o alcalde de Santiago, entre outras autoridades. Un aparato de propaganda que dá máis voz, nalgún dos seus espazos principais, a forzas inexistentes en Galiza como Ciudadanos (cero deputados, cero alcaldes) que ao propio BNG (6 deputados, dúas vicepresidencias provinciais e 27 alcaldías).  Un aparato de propaganda que nos espazos de tertúlia e opinión garante habitualmente unha proporción de tres cuartos ás persoas afíns á liña ideolóxica do Partido Popular. 

É momento de denunciar con claridade, por hixiene e dignidade democrática, o que está a facer coa CRTVG o Partido Popular

 

Por todo o anterior, hai que defender a CRTVG. Querémola e sentímola nosa. A ela, como servizo público, e á grande maioría de magníficos e magníficas profesionais cos que conta. Por iso pensamos que é momento de denunciar con claridade, por hixiene e dignidade democrática, o que está a facer con ela o Partido Popular: un uso corrupto que a prexudica gravemente, deteriora a súa imaxe e alimenta discursos proclives á súa desaparición por “innecesaria”. É xustamente todo iso, esa conversión da televisión e da radio de todas e todos os galegos no NO-DO de Feijóo e de Rueda, o que pon en perigo á CRTVG. E fronte a iso faise necesario que o tecido social galego actúe na vindicación colectiva duns medios públicos plurais e de calidade, verdadeiramente ao servizo da nosa sociedade. A actual liña informativa -puro sectarismo e propaganda do PP- convida unicamente a cambiar de canle ou de dial. 

Comentarios