Opinión

É tempo de Irmandades!

A ver se me explico. 

O primeiro é poñer Blood de Algiers no youtube. Gospel negro de Rinle, de Porto de Son, de Entrimo con fonética medieval. Que é como dicir Mamasunción, Querémolo todo!, o soño necesario de Nós, con Navia, Mini e Nao. Que sabemos das Irmandades? Convén ler Las naciones oscuras de Vijay Prashad. Convén ler a Literatura de resistencia de Bárbara Harlow. Si, para saber das Irmandades. Para ser quen queremos ser. 

Irmandades é lingua e cultura viva, canto conto, a miña lingua na túa boca. Cultura de base, ética, libre, creatividade e ideas que tecen comunidade. Tamén, claro, país que fala e mostra que é. Eles, elas, quizais non o saben, mais si... Thomas Dylan e Chicharrón, Why Go, Natasha Lelenco, O Leo, Lara Rozados, Lois Pereiro, Manuel María, Rosalía, Xohana Torres, Luísa Villalta, Dieste e Blanco Amor, Sargadelos, o Foucellas de Talía, Nunca Máis, Caxade e Marcos Abalde, Das Kapital, Numax, Xove Nuclear Non, Guadi Galego e Xacarandaina, a Central Folque, Emilio José, Ollo de Boi, Baldaio e As Encrobas, o Novo Cinema Galego, Seoane, Maside, Os Resentidos, Chanfaina Lab... Debatamos nós a nosa negritude. 

Somos nacionalistas porque somos do CNA de Nelson Mandela, facemos parte do Refugees Welcome, estamos co Black Lives Matter, cuspimos en Idomeni ao espello infame da Unión Europea

Mira aquí, en Betanzos, repara no manifesto de Lois Cortiñas, ano 1923. Ou na bandeira ergueita d´A Nosa Terra, na Coruña, 1916. Din: somos nacionalistas porque somos do CNA de Nelson Mandela, facemos parte do Refugees Welcome, estamos co Black Lives Matter, cuspimos en Idomeni ao espello infame da Unión Europea. Somos nacionalistas porque somos o sur do mundo, con Ana Tijoux e Shadia Mansour. A Ciudad Vampira de Nacho Vegas. A dignidade mapuche da Latinoamérica de Calle 13. En vermello, verde, lila, azul e branco debuxamos o horizonte. Reciclamos a cólera, con Michel Cloup, mentres arde a tarde pola recta de Vilalba. Cargamos mercancía no Ceao, mollamos as mans nas fábricas de frío de Celeiro, servimos cafés con leite en vasos de cristal, estudamos a represión do 36 contra as non militantes de Vigo, atendemos persoas doentes na pública, botamos unha man no Observatorio da Mariña pola Igualdade. 

Somos das Irmandades. Somos das Irmandades porque somos modern@s. Ou sexa, de verdade. A Galiza que participa desde si propia no mundo, a Galiza que ten voz de seu e está cos espazos máis vivos, dinámicos e creativos do presente. Aujourd'hui, maintenant. Connosco a mocidade perenne de Lois Porteiro Garea, María Miramontes, Elvira Bao, Amparo López Jean, os Vilar Ponte de Viveiro, Micaela Chao... Capiscas ou es incapaz de mirar pra outro lado que non sexa Madrí? Don´t believe the hype. Vista Alegre é un bairro de Compostela.  

Somos das Irmandades. Somos das Irmandades porque somos modern@s. Ou sexa, de verdade. A Galiza que participa desde si propia no mundo

Diciámolo hai tres anos sorrindo con Raúl, en Ribadeo, desde o colectivo Azou. Tomamos clara e abertamente partido: República Galega. Na liña principiada por Solís e os once valentes de Carral, contra a tiranía de Narváez, o sicario dos infames Borbóns. Non nos evadimos: invadimos a realidade. Recoñecémonos no mundo que está por construír: nos feminismos, nas diversidades cultural, lingüística, sexual, no ecoloxismo, na defensa das terras. Sen renunciar ao que somos. Porque sendo nós somos tamén obreiros de Vallecas e xornaleiros andaluces, Palestina Vencerá e kurdas do HDP, Aimé Cesaire, Rosa Luxemburgo e Thomas Sankara. Dicimos Yes Scotland e apoiamos o proceso independentista catalán. 

“O nacionalismo é unha afirmación: a afirmación da existencia propia; é unha creación: a creación do pensamento propio;  é unha acción: a acción complementaria do pensamento;  é pois un sempre un amor, expansivo e creador como todos os amores. Por iso o nacionalismo sempre é un apostolado fecundo e nunca un sectarismo intransixente. Cando berro Viva Galiza Libre! non fago máis que reclamar para a miña Terra vida e liberdade; e ao reclamar para a miña Terra estes dereitos veño a recoñecer tamén os mesmos dereitos para todas as demais terras. É pois, un berro de amor, un berro de irmandade” , Lois Peña Novo, A Nosa Terra, 1/11/1922.  

Non nos evadimos: invadimos a realidade

Irmandades, 2016. Fagámolas. Para articular politicamente a decencia e o benestar, nun espazo novo e galego. Para dar luz a un proceso real, de fondo, ambicioso, de creación política colectiva, que sume en clave nacionalista e de esquerdas, con vocación de maiorías, con audacia para rachar inercias no facer e mudar xeitos de explicar quen somos e que queremos, poñendo en primeiro plano os obxectivos que nos unen á maioría social e dirixíndonos desde eles á sociedade. Ensaiámolo con aquel Depende de Nós, nas municipais, lembrades? Fagámolas. Irmandades, formigueiros, redes flexibles e resistentes a un tempo.  

Porque somos das Irmandades e é tempo de Irmandades. Das primeiras e das de agora. Das precisas para erguer unha Galiza e un mundo máis xusto, máis humano, máis digno, no que sexa posíbel respirar. Somos o territorio do Estado español coa taxa máis alta de suicidios. Pensádeo. Con boa parte do país nun proceso de envellecemento e despoboamento acelerado. Coa mocidade emigrando forzosamente. Con altas taxas de paro e de precariedade, que impiden desenvolver os nosos proxectos de vida e nos condenan á ferida da ruptura co noso entorno, cos nosos afectos, coas nosas ilusións. E non, non nos dá a puta gana de aguantalo por máis tempo. De aguantalo porque si. Podédelo entender? Quen se aproveita ten nome.  Sabemos, temos a certeza, de que as cousas poden ser -e teñen que ser- doutra maneira. Tamén que para todo mudar é preciso decidirmos nós no noso. 

Gústanos a mañá, a conspirar na néboa verde das praias do norte. Non é que chova moito, hoxe non, mais ha de ir mollando. Aquí, ao teu carón, ves? tivo a imprenta Ánxel Casal. Sabes quen foi Ánxel Casal? Busca no google, anda, busca. Irmandades da Fala, 1916-2016. Todos os dereitos para todas as persoas. 

E viva Galiza Ceibe!

Comentarios