Opinión

Semente nas mans

A valoración dos resultados do 25M é estes días o asunto central dos medios, das redes sociais e das conversas informais e, como é lóxico, todas aquelas que nos chegan afectan ás nosas propias e ao estado de ánimo da nosa xente e do noso corpo social. 

A valoración dos resultados do 25M é estes días o asunto central dos medios, das redes sociais e das conversas informais e, como é lóxico, todas aquelas que nos chegan afectan ás nosas propias e ao estado de ánimo da nosa xente e do noso corpo social. 

"Non parecen adecuadas lecturas triunfalistas que dean sensación de conformismo e que poidan xerar, máis que outra cousa, desconcerto na nosa base social e electoral".

En relación aos resultados do BNG, de primeiras poderemos estar de acordo en que non parecen adecuadas lecturas triunfalistas que dean sensación de conformismo e que poidan xerar, máis que outra cousa, desconcerto na nosa base social e electoral. Resulta dificilmente explicábel ás persoas que durante esta semana nos ven na televisión ou nos len na prensa valoracións nas que un resultado no que padecemos perda de votos e pasamos a ser quinta forza resulta para nós motivo de alegría. A sensación que queda é, no mellor dos casos, a dun conformismo propio de quen acepta un papel marxinal ou secundario na política galega; no peor, a dunha forza política cuxa dirixencia vive na absoluta irrealidade. 

Procurando fuxir, pois, tanto do triunfalismo absurdo e contraproducente como da tendencia acusada que temos, en ocasións, á autoflaxelación pública, ha de haber espazo para análises ponderadas que nos permitan tirar conclusións úteis do proceso vivido. Cómpre avaliarmos os resultados, para iso, en relación ao contexto no que se deron, aos condicionantes da traxectoria recente da nosa organización e ás expectativas e obxectivos políticos previos que nos tiñamos marcados.

Permitídeme que comparta algunhas notas ao respecto, tanto dos aspectos xerais como dos que nos afectan directamente como BNG. 

1.- Os resultados non son explicábeis sen os enmarcar na fonda crise política que vivimos, derivada directamente da económica e que se manifesta a través de catro elementos que resultan de relevancia para nós: un alto grao de abstención como consecuencia da perda de lexitimidade do sistema de representación, unha caída drástica do bipartidismo, as evidentes dificultades das forzas da esquerda "histórica" para canalizar o descontento social e a emerxencia, nese sentido, de novos actores vinculados ao campo dos "hiperliderádegos/mediáticos/novidosos/non partidarios". O resultado é un escenario que ten características de "nova Transición", cunha notable fragmentación política e unha non menor confusión ideolóxica. 

"O resultado é un escenario que ten características de "nova Transición", cunha notable fragmentación política e unha non menor confusión ideolóxica". 

2.- A moi importante perda de votos e porcentaxe do PP e PSOE, tanto a nivel de Estado como en Galiza, mostran que a erosión ao bipartidismo comeza a ser unha realidade, con resultados políticos concretos. O rexeitamento ás políticas imperantes medra e o escenario político ábrese, mais sen que diso, polo momento, se derive ningún cambio estrutural de fondo que poña en cuestión o rexime actual saído do 78.

3.- Mentres en Euskal Herria e en Catalunya a contestación social e o voto de ruptura é canalizado polo soberanismo de esquerdas (EH Bildu, nun caso; ERC e CUP, no outro), a nivel galego o voto de protesta non se dá en clave nacional. A irrupción de Podemos, por canto é manifestación electoral do descontento social, exemplifica ao tempo dúas cuestións evidentes: a) a fraqueza do espazo político galego e a facilidade coa que se trasladan ao mesmo dinámicas políticas alleas e b) o feito de termos unha sociedade á que a crise está a facer máis dependente, menos consciente de si mesma e enormemente permeábel, no cultural e ideolóxico, ao sistema mediático estatal, cunha moi débil estruturación dun campo de referencias propio e autónomo. 

4.-O resultado do BNG, sen ser o desexábel, é digno. Após o convulso proceso interno vivido nos últimos anos e o pésimo resultado das Galegas de 2012, poucos daban por vivo ao BNG nestas europeas. As profecías xerais que escoitabamos –desexos agochados, en moitos casos- vaticinaban un descalabro maiúsculo, reforzado pola nosa seica “suicida” política de alianzas. Non houbo tal e o BNG resistiu. Dun 9% de voto en 2009 (antes da ruptura) pasamos a un 8% (nun escenario moito máis fragmentado e complexo, e cunha campaña na que houbo que contrarrestar estratexias de criminalización, ocultación mediática e intoxicación informativa). Eramos, en efecto, un voto que doía, que molestaba, porque amosaba unha vontade política inequívoca de dar voz á nación galega por si mesma, sen ataduras nin dependencias a Madrid, e cun discurso claramente soberanista e de esquerdas. Nese contexto, o obxectivo marcado de obtermos representación conseguiuse e Ana Miranda será novamente eurodeputada, a voz de Galiza en Bruxelas.

"Eramos, en efecto, un voto que doía, que molestaba, porque amosaba unha vontade política inequívoca de dar voz á nación galega por si mesma, sen ataduras nin dependencias a Madrid, e cun discurso claramente soberanista e de esquerdas". 

5.- A campaña e precampaña das europeas foi un proceso moi positivo a nivel interno, porque activou a unha parte significativa da nosa militancia, devolveu a ilusión á nosa xente, mostrou socialmente un novo BNG e serviu para tecer complicidades e recabar apoios de enorme valía política cara o futuro, a partir das iniciativas e manifestos Avante Galiza e Os Pobos Deciden, que cómpre reforzar e asentar. Hoxe somos un BNG cunha mensaxe moito máis clara, sen complexos, cun perfil recoñecible, socialmente activo e cun corpo militante e simpatizante que volve estar orgulloso de ser o que é. Temos unha organización en claro proceso de recuperación.

6.-Ese proceso interno, esa volta da ilusión e do orgullo militante, esa activación social do BNG, non deu aínda os froitos agardados no campo electoral, mais o camiño trazado é o adecuado. Non temos vocación de resistencia, senón de vitoria. Non podemos estar conformes con ser unha organización que se mova de xeito permanente nos lindes do 10% de voto. Mais ao tempo, no momento actual, cómpre poñer en valor os 80.000 votos do domingo porque mostran que, a pesar de todas as dificultades vividas, o BNG ten masa militante e votante a partir da cal construír. Hai semente nas nosas mans e estamos a pousala na terra. O camiño estratéxico -no político-ideolóxico- está trazado. Toca perseverar no traballo e adoptar as decisións tácticas que se vexan adecuadas, colectivamente, para podermos avanzar.

"Debemos ser capaces de reilusionar á sociedade á que nos diriximos e de xerar para ela unha proposta ambiciosa, con vocación de maioría, que nos posicione como alternativa transformadora para o país". 

7.- Analisar con normalidade os resultados non quere dicir instalarnos no inmobilismo. A sociedade, e moi especialmente aquela parte que nos votou, agarda que deamos pasos e movamos ficha neste novo contexto. Cómpre sermos conscientes de que a nosa percepción, como militantes ou simpatizantes, non é a percepción social maioritaria que hai neste momento sobre nós. O criterio principal co que grande parte da sociedade conforma a súa opinión sobre as diferentes forzas é, en boa medida, o seu resultado electoral. E nese plano non somos unha forza á alza. Resulta de vital importancia, por iso, reconducirmos esta situación con movementos na nosa estratexia que deben ser visualizados con claridade. A política é tamén un estado de ánimo. Debemos ser capaces de reilusionar á sociedade á que nos diriximos e de xerar para ela unha proposta ambiciosa, con vocación de maioría, que nos posicione como alternativa transformadora para o país. 

8.-Faise necesario desenvolver, con audacia, a liña política aprobada na nosa última Asemblea Nacional e apostarmos por xerar espazos de cooperación que permitan facer avanzar, no político e no electoral, o nacionalismo de esquerdas. O futuro de Galiza constrúese arredor da transformación social e da capacidade para decidir sobre o noso, e por tanto, arredor da existencia dunha maioría política e social que se mova en claves soberanistas e de esquerdas. Con xenerosidade, con honestidade e con altura de miras, o BNG vai estar nese compromiso.

Comentarios