Opinión

Precisamos da cultura

Se algo me deu e me dá satisfaccións na miña experiencia na política cultural -fose en Ribadeo, na Consellaría de Cultura ou agora na Deputación da Coruña- é comprobar como as ideas propias e as liñas de traballo que poñemos en marcha, e nas que un cre e deixa moitas horas, serven para axudar a facer realidade proxectos e ideas que se poden beneficiar da súa existencia.

Nos últimos anos estou especialmente orgulloso de apostas como o concurso Luísa Villalta de ideas para a igualdade ou de liñas de subvención como as de Proxectos Singulares ou a de Distribución de Contidos Audiovisuais en Lingua Galega. Sentín ese orgullo ao saber que foron útiles e importantes para que proxectos relevantes e significativos para a nosa cultura puidesen saír adiante, ben fose na súa produción ou na súa distribución. Proxectos como Vinte, é-baile, Mutacións Urbanas, Boísimo, O loro de Carlos V, Arima, Longa Noite, Tecido Resistente, Dorothée na vila, Luz Fandiño, Ferreñas e rock´n´roll, A nena azul, Elisa e Marcela ou Juana, por citar algúns deles.

O contexto actual que vivimos, coa crise do COVID19 e as consecuencias socioeconómicas que vai deixar, ponnos, a todo o sector cultural, nun escenario moi complexo e cos retos da supervivencia e da reactivación na cabeza da nosa listaxe de tarefas. Aínda non estabamos plenamente recuperados da crise-estafa capitalista do 2008 e chega esta nova. Veñen situacións duras e as administracións públicas debemos ter un papel central á hora de liderar as políticas de compensación e de apoio, especialmente para aqueles ámbitos en que o tecido social e económico é máis feble. Un deles é sen dúbida o da cultura, un sector grandemente atomizado e precarizado, financeiramente fráxil e con lóxicas dificultades de resistencia en contextos adversos como os citados. Sumémoslle o padecemento dunha década escura en orzamentos e interese público por parte da Xunta, e temos a escena completa. A saída para as e os profesionais do ámbito cultural non pode ser máis precarización.

Creo firmemente no público, na intervención pública, nas políticas públicas. E creo que somos nós, as administracións, quen temos o deber de nos adaptar canto antes, con comprensión e flexibilidade, ás necesidades creadas na realidade sobre a que operamos, para liderarmos a resposta a unha crise que removeu todas as planificacións e todos os escenarios.

Na medida das nosas posibilidades orzamentarias e competenciais, desde a área de Cultura da Deputación da Coruña faremos todo o posible por ser un porto seguro, cómplice e positivo para os sectores. Compartimos a preocupación e estamos estes días traballando nas medidas que poderemos aplicar na Rede Cultural, nas liñas de subvención, nas programacións propias... con esa mesma idea. Tamén a Xunta debera facer o mesmo, a comezar pola necesaria redefinición da programación do Xacobeo, para mudala en elemento central do apoio en 2021 aos nosos sectores culturais profesionais.

A cultura é o espazo da identidade, das ideas e dos valores. É fío para tecer cohesión social, autoestima e desenvolvemento. Nutre, mostra horizontes e fálanos para dicirnos quen somos e como somos. Precisámola para saír desta e recuperarmos a confianza, o sentido do colectivo, a alegría e a pertenza. Como escribe Xurxo Souto a diario, haberá primavera! Terá que habela. E xuntos e xuntas, traballaremos para traela canto antes.

Comentarios