Opinión

Mimosas, novos tempos e antigos valores 

Novos tempos, antigos valores reza o lema dun dos máis fieis grupos de seareiros do Deportivo da Coruña, os Old Faces. Se pasan polo Paseo de Ronda da Coruña poderán velos no seu local. Os de sempre seguen aquí, explican. Con gañas de verse unha vez máis en Riazor. Ou no bar. De divertirse. De pensar que son ferro nunha época de plástico. Que teñen unha traxectoria común detrás. Que disfrutaron e se defenderon entre eles. Que son a comunidade da bancada. Que seguen aí.

Fronte á sociedade líquida que describe Baumann, a aposta pola rede colectiva de emocións, tecidas desde a consciencia da identidade que nos une. En el fútbol, como en el amor, la lógica es solo para los oportunistas. La pasión no permite cálculos. Uno se enamora del que puede y luego a ver como sobrevive, escribe acertadamente Emilio Lezama nun artigo delicioso (West Ham, el problemas de las burbujas, El País, 12-05-2016). E continúa: En épocas de un capitalismo emocional rapaz, muchos escogen sus equipos porque les aportarán los triunfos suficientes para sentirse ellos mismos ganadores. (…) Alimentarse de los triunfos de los otros es fácil; construir a partir de su derrota es más complicado.
 
Dá igual o fútbol, a equipa. Falamos doutra cousa. A política, por exemplo, é tamén e sobre todo iso: construción dinámica de identidade en común, de sentido, proposta de horizonte compartido. A emancipación, a loita das e dos humildes, a consciencia de clase, o orgullo obreiro, a defensa dunha forma propia de estar no mundo. De novo a necesidade de sinalar o espazo compartido, de nos recoñecer nel e acordar o código que nos rexe. Se queren un exemplo, lean o Decálogo publicado por Juan José Morato en El Calendario del Obrero (1909). Ou a carta de despedida de Alexandre Bóveda, momentos antes do seu fusilamento. Ou fáganse fans dos Redskins, Dexys Midnight Runners, Fugazi. Xente con clase. 

Fronte á sociedade líquida que describe Baumann, a aposta pola rede colectiva de emocións, tecidas desde a consciencia da identidade que nos une

Sexa como for, recoñézome instintivamente nesa querencia polos vellos valores entendidos como un sentido que cohesiona, vertebra e dalgunha forma propón un certo estilo ou orde de comportamento na vida. Seguramente por iso me atraeu, de rapaz, a prosa que despregaba Kiko Amat no fanzine La Escuela Moderna, con esa mestura de rectitude anarquista (o nome provén do proxecto educativo de Ferrer i Guárdia), elegancia británica e paixón innegociábel pola música, os libros e o activismo político aos que se vinculaba, e igualmente por iso sintonizo de forma natural coa épica dalgunhas cancións do último Loquillo (Memoria de jóvenes airados, Hermanos de sangre) ou coa contundencia (nada relativista) dalgúns artigos de Juan Manuel de Prada (Pasoliniana, Moderaditos) aínda estando –sobra dicilo- nas antípodas das súas posicións e opinións na grande maioría de temas. 

Algo diso hai no que máis me conecta co último filme de Óliver Laxe, Mimosas. A impugnación do todo vale, do ter e do parecer sobre o ser, esa certa espiritualidade que outorga consciencia e transcendencia ao cotiá, esa ética –dos libros de cabalería (Con amor! Loitaremos con amor!) – e eses códigos de conducta (Non es un home!) que poñen por diante a necesidade de ter palabra, de ter honra, de ser legal. Cumprir o que se di, rematar o que se empeza, manterse na causa xusta. Todo iso é seguramente o que máis me interesa dunha película que por outro lado conta cuns actores marabillosamente escollidos, cunha capacidade comunicativa rebordante desde a propia forma de se mover, de mirar e de dicir, e cunha admirábel poética dos espazos, das paisaxes. A fotografía –estupenda- xoga a construír metáforas e símbolos que tamén operan na historia e nos convidan, como o propio director sinala, a descartar as lecturas máis cartesianas e racionais para abrirnos a sentir coa pel

Algo diso hai no que máis me conecta co último filme de Óliver Laxe, Mimosas. A impugnación do todo vale, do ter e do parecer sobre o ser

Mimosas ten moito de evocador e de terapéutico. Fala do amor, da vida,  da amizade e da procura dunha relación equilibrada co medio, cos demais, coa propia existencia.  E permítenos afondar en nós, porque non todo nos vén dado. No medio do escuro do Teatro Rosalía vinme outra volta con meu pai, no camión, cruzando as rectas de Vilalba de volta do Ceao, en tardes de verán que ardían en lila, vermello e azul. Ou entrando no polígono industrial ás seis da mañá, pola estrada de Meira, coas luces primeiras do amencer rotas entre a néboa fría do inverno. Esas son imaxes miñas. As de Óliver Laxe conseguen transmitir, e construír para a súa historia, un novo sentido a escenas nas que o máis importante non está no que se di, no que se mostra de forma explícita. Gustoume a súa película de forma serena, para degustar con calma. Porque máis alá da evocación estética, na narrativa da historia prima unha vocación de proposta ética de fondo. A necesidade de ter códigos de vida que nos estruturen, certo sentido moral no noso comportamento, principios cos que defender unha posibilidade de vida decente, no persoal e no colectivo. 

Vaian ver Mimosas, e vaian ver Esquece Monelos de Ángeles Huerta, outro filme de noso imprescindíbel, fantásticamente construído e necesario para sentir, pensar e actuar nestes tempos escuros que nos impoñen. E xa me dirán que tal. 
 

Comentarios