Opinión

Gañar un novo país

Falo co amigo Manuel López Foxo do debate do financiamento e enuncio a queixa: que tristeza a posición do PSdG, de Leiceaga, de Santiago Lago, alimentando o discurso da dependencia, do país subvencionado, da sorte que temos de estar como estamos. A Universidade galega crea colonizados, outra volta. 

Xa o dixo Suevos no 75, responde Foxo. E parece que nada mudou no esencial. A Fundación Galiza Sempre realizou no 2015 unha avaliación ben interesante dos resultados da autonomía, nas xornadas Fagamos contas, cuxos materiais están ao dispor de quen tiver interese na web ideas.gal. Será ben mandarllos ao Foro Económico de Galicia, que manifesta alegremente que “somos la envidia para muchos territorios de España porque en el pasado se negoció bien y nuestra posición de partida no es mala en términos comparados” (Europa Press, 20 de xaneiro). Droga dura. Para alén de falsa, non semella a afirmación a mellor estratexia de negociación para ir despois a Madrid. A quen serve quen advirte sobre o cupo mentres cala sobre a realidade social e económica á que nos levou o modelo da dependencia? Quen defende o statu quo debe responder unha pregunta: de que imos vivir os galegos e galegas? Cal é o horizonte que nos propoñen? 

O debate do financiamento non é para Galiza unha cuestión de cartos –que tamén-, senón fundamentalmente de modelo de relación. En consecuencia, non se debe reducir á comparativa  das balanzas fiscais. Volveuno explicar de xeito claro e pedagóxico Xavier Vence na conferencia impartida para a Asociación Cultural O Facho, na Coruña, hai unhas semanas.  Mais alá das cifras, que hai que analizar con rigor e sen apriorismos, o crucial é o debate sobre as competencias, sobre a capacidade real de autogoberno. Que autonomía, que posibilidades imos ter como país para decidir sobre as políticas a desenvolver conforme ás necesidades da nosa realidade social, económica e territorial? Velaí a chave. 

Precisamos mudar o modelo. Poder recadar nós os nosos impostos, decidir que política fiscal convén aplicar aquí e termos capacidade para definir as nosas prioridades de investimento. Ou sexa, tomar as rendas do noso propio país, responsabilizarnos como sociedade do noso presente e do noso futuro. Gañar soberanía. Sen esa mudanza non imos ter ferramentas políticas para dar a volta á desertización económica, ao declive demográfico, á emigración xuvenil, á precariedade e ao deterioro dos servizos públicos. Sábeo ben o propio Feijóo, que cada vez se escuda máis no escapismo discursivo e na obediencia mediática diante dos diferentes temas que o BNG lle foi poñendo na axenda pública, para a súa notoria incomodidade.  

Ser a alternativa 

O nacionalismo galego ten hoxe un reto principal. Ser capaz de pensar o país desde a Galiza realmente existente e propoñer unha alternativa inclusiva, desexable e beneficiosa para a grande maioría, situándose con absoluta nitidez fronte a quen defende que nada mude na base política e económica do país. Dito doutra maneira, debemos ser quen de ofrecer unha alternativa clara e recoñecible para a nosa sociedade.

O nacionalismo galego ten hoxe un reto principal. Ser capaz de pensar o país desde a Galiza realmente existente e propoñer unha alternativa inclusiva

Na mesa 5 do Proceso Adiante sinalámolo con claridade. O tempo que vivimos (orfos de certezas, carentes de seguridades vitais, sen oportunidades de desenvolvemento persoal e con amplos segmentos do noso pobo condenados á precariedade e a vivir con medo) non deixa moito lugar para ambigüidades retóricas. Tampouco, e é importante telo presente, para ideoloxismos ou cuestións que socialmente vaian ser percibidas como abstraccións. 

Lonxe diso, é o momento de propostas claras e vinculadas ás cuestións materiais, que trasladen en conxunto a idea dun novo país posíbel. Recuperar o noso aforro e poñelo ao servizo da creación de riqueza no propio país, estudar a nacionalización de infraestruturas básicas, decidir directamente sobre a xestión da nosa enerxía e recursos, intervir desde o poder político para garantir que os dereitos sexan tal e non ámbito de negocio para o lucro privado. Ou sexa, Banca Pública Galega. Tarifa Eléctrica propia. Transferencia da AP-9. Plan de industrialización. Garantía pública do acceso á vivenda, á luz, á saúde, á educación. Un novo país. 

É tarefa prioritaria lograrmos comunicar a nosa posición con absoluta clareza, e non desde o uso das palabras fetiche, senón desde a formulación compartida dun novo horizonte para a maioría, recoñecible na aposta central do nacionalismo galego polo desenvolvemento económico e a creación de emprego como prioridades, aquí e agora. 

É o momento de propostas claras e vinculadas ás cuestións materiais, que trasladen en conxunto a idea dun novo país posíbel

Ao tempo, fundamental: recuperar a batalla ideolóxica. Que guerra cultural nos levan décadas gañando para lograren asentar as ideas falsas da Galiza como país subvencionado e incapaz, do nacionalismo como opción insolidaria que pide privilexios fronte á cohesión interterritorial, da galega como unha sociedade menor de idade, que non se sabe responsabilizar de si propia? Quen colabora hoxe, e desde que espazos, no mantemento desas visións? Como imos facer para abrir o debate e socializar as nosas respostas, a nosa explicación do que acontece?  

A Asemblea Nacional do BNG, no marzo vindeiro, debera ser unha boa ocasión para avanzar no debate sobre estas e outras cuestións. Hai moita xente, fóra de nós, nacionalista ou non, que desexa albiscar unha saída, que precisa a esperanza, case a promesa,  dunha realidade diferente, dun punto de luz no escuro. Podemos chamarlle, tamén, dun país novo por gañar. 

Comentarios