Opinión

Decidamos

Se comprendermos Galiza como suxeito, como marco de referencia

Se comprendermos Galiza como suxeito, como marco de referencia, o proceso de construción dunha candidatura galega de unidade non debera resultar complexo de máis. Iso pensabamos moitos e moitas cando, nas semanas previas ao 25 de xullo, a proposta comezou a ser socializada desde diferentes espazos. Os puntos a acordar, en realidade, eran e son poucos: Galiza como suxeito político, representación parlamentar galega soberana, recoñecemento pleno do dereito a decidir dos pobos, defensa da capacidade produtiva de Galiza, políticas antitroika. Se estamos de acordo niso, o resto son fórmulas, metodoloxías, matices a considerar, mais sempre subordinadas ao cumprimento coa demanda maioritaria que a nosa sociedade nos fai: sumar para sermos alternativa real, sumar para mudar as cousas, sumar para defendérmonos como pobo e recuperarmos o dereito a unha vida digna como persoas, na nosa Terra. 

No BNG fomos claros e responsábeis para o facer posíbel. Expuxemos a nosa proposta de candidatura nacional galega, aberta a quen quixer participar nela, sen apriorismos. Manifestamos a nosa vontade de renunciar á sigla propia para favorecer a creación, xunto con outros e outras, dunha identidade electoral nova. E participamos dos espazos sociais e foros cívicos que nos convidaron a explicar a nosa posición: a necesidade dunha ampla confluencia de persoas, colectivos e forzas políticas ao servizo do noso pobo. Nesas seguimos, porque esa é a nosa aposta. Que Galiza poida ter unha voz soberana nas Cortes españolas, capaz de participar e de condicionar un escenario estatal que pode poñer en causa a arquitectura institucional dos últimos 35 anos. Por certo, a través da loita dos pobos pola súa soberanía. 

Son as loitas dos pobos polo exercicio pleno do dereito a decidir quen están a desatar o nó do réxime do 78

O 27S axudou a resolver ese debate, pola vía dos feitos. As posibilidades reais de ruptura democrática e de apertura de procesos constituíntes non van vir da man dun hipotético cambio no Goberno do Estado, cada día máis improbábel  ao albor dos resultados das eleccións andaluzas e catalás. Son as loitas dos pobos polo exercicio pleno do dereito a decidir quen están a desatar o nó do réxime do 78. Desde elas, a mudanza é posíbel. Sen elas, como acaba de quedar demostrado en Cataluña, no Estado non haberá nin cambio nin recambio. 

Neste contexto, para Galiza é fundamental contarmos cun grupo parlamentar galego propio, soberano, que non diga unha cousa aquí e vote outra en Madrid. Sábeo o naval galego, que ollou a PSOE e IU tombar iniciativas do BNG no Parlamento español. Sábeno as nosas flotas pesqueiras ou o noso sector agrogandeiro, condenados á inanición e ao desmantelamento por deseños alleos aos nosos intereses. Sábeno os nosos servizos públicos, necesitados dun novo sistema de financiamento que garanta a nosa capacidade como país para desenvolver políticas sociais de calado. E sábeno e recoñéceno os propios partidos españois: pódese ver nas redes ao antigo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, explicando como lle botaban para atrás iniciativas galegas en favor doutros territorios. Non é iso o que Galiza precisa. Precisamos reforzar e ampliar o traballo de defensa do país que o BNG leva facendo 20 anos no Parlamento español. Precisamos dun grupo parlamentar galego potente e ao servizo unicamente dos intereses do noso pobo. 

Hai quen está a avanzar nunha dinámica diferente á das iniciativas sociais

Mais para facelo posíbel todos temos que querer, e semella que hai quen non está polo labor. As últimas semanas visualizaron preacordos entre as cúpulas dalgunhas forzas políticas e mostraron que hai quen está a avanzar nunha dinámica diferente á das iniciativas sociais que, como a Iniciativa pola Unión ou o Encontro pola Marea Galega, están a promover procesos abertos e de base para a construción da unidade popular. Descoñecemos se esa decisión é definitiva ou aínda modificábel. Mais o tempo remata e esas forzas, coma todos os demais actores, terán que escoller. Ou facer posíbel unha candidatura unitaria galega ou integrarse nunha lista con centro de decisión alleo a nós. Ou axudar a construír un espazo político galego, plural e con lealdade exclusiva aos intereses do noso pobo ou converter Galiza en celeiro de votos para estratexias deseñadas na capital do Reino. En definitiva, erguer desde a pluralidade unha ampla e potente #candidaturagalega ou ser o apéndice do guión dunha candidatura Podemos -“otra cosa”. 

Decidamos. 
 

Comentarios