Opinión

Acto de memoria e de xustiza

É de xustiza recoñecer, agradecer e honrar publicamente a quen defendeu coa vida a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos. Iso xustamente, un recoñecemento público, foi o que o BNG organizou en Ribadeo o domingo 18 de agosto, cun sinxelo mais moi emotivo acto no que participaron unhas trescentas persoas.

É de xustiza recoñecer, agradecer e honrar publicamente a quen defendeu coa vida a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos. Iso xustamente, un recoñecemento público, foi o que o BNG organizou en Ribadeo o domingo 18 de agosto, cun sinxelo mais moi emotivo acto no que participaron unhas trescentas persoas.

Foi un acto político, desde logo. Político e ao tempo cívico, dúas palabras que van intimamente ligadas e que cómpre poñer en valor nestes tempos de absoluta subordinación das persoas e do ben común ao capital e aos intereses económicos.

Porque todo é política, tamén a memoria, que é preciso recuperar e poñer negro sobre branco para que os que aínda hoxe presumen de apego ideolóxico ao franquismo saiban que non van poder reescribir unha vez máis a historia ao seu dictado.

"É preciso recuperar a  memoria e poñer negro sobre branco para que os que aínda hoxe presumen de apego ideolóxico ao franquismo saiban que non van poder reescribir a historia" 

Foi un acto, tamén, partidario, organizado polo BNG, mais ao tempo intencionadamente aberto a todas as sensibilidades, a toda a veciñanza que se sentía chamada a honrar ás mulleres e homes que conformaron na nosa vila a lista de nomes da dignidade. Máis de 150 persoas foron nomeadas, unha a unha, por teren padecido asasinato, persecución, exilio, represión, ... simplemente polas súas ideas democráticas. Como nacionalista galego, como militante do BNG, sinto e fago miña toda esa tradición de defensa da liberdade, da xustiza social e da igualdade que representaron, desde a súa pluralidade e diferenzas, todas esas persoas nacionalistas, socialistas, comunistas, anarquistas, republicanas. Sanz, Cardoso, Pérez Prieto, Margolles, os da Lejía, Navarret, Torviso, ... moitos homes e mulleres, moitas familias, que foron, á marxe das súas adscricións ideolóxicas, luz e humanidade en tempos de escuridade e de terror.

A nivel persoal, desde logo, foi un orgullo ver tantas e tantos ribadenses de toda condición no acto do Cantón dos Moreno, sentir a emoción das familias na Praza de Abaixo, participar do canto colectivo e final do himno galego, ollar despois como tanta xente maior se sacaba fotos ao carón da praca colocada na casa do que foi alcalde republicano de Ribadeo, Rafael Fernández Cardoso. (Hai que lle agradecer, por certo, e queremos facelo tamén desde aquí, ao actual propietario da vivenda a súa xenerosidade e disposición ao permitir a súa colocación).

Lembro cando miña avoa, ao saber que eu participa do BNG, me dícía sempre “por que serás tan político?”. Nesa pregunta subxacía a experiencia do medo vivido, a certeza de que ter ideas era perigoso, de que era mellor non participar en nada, calar a boca, asumir como bo o que dicía o poder, que sempre era alleo ao pobo, aos humildes. O propio Franco dicía aquilo de “haga como yo y no se meta en política”. Facer política, pois, pasaba a ser algo propio dos que combatían a orde establecida. Os que gobernaban, pola contra, non a facían: simplemente exercían o poder. Gobernaban porque si, porque era o normal, o establecido, o lóxico, o bendecido mesmo por Deus e pola Igrexa católica que foi parte central do aparato represor e ideolóxico franquista.

"Nun tempo no que vemos de novo mostras desacomplexadas de orgullo franquista en representantes políticos é absolutamente necesario estarmos dispostos a non calar e a non mirar para outro lado"

Nos bares adoita berrar moito, para que o escoiten todos, quen pensa que a súa opinión é “a normal, a que debe ser”. Cada vez soporto menos esa actitude maleducada, autoritaria e incapaz de manter unha conversa desde os argumentos.

Nun tempo no que vemos de novo, a través dos medios, mostras desacomplexadas de orgullo franquista en representantes políticos, nun tempo no que se está roubando ao pobo dereitos e consecucións históricas, nun tempo no que se empobrece ás maiorías sociais facéndolles pagar a factura do furado inmenso que deixou a especulación masiva da banca, neste tempo, en definitiva, é absolutamente necesario estarmos dispostos a non calar e a non mirar para outro lado, en todas as ordes da vida.

A miña forma de facelo é participando activamente en espazos partidarios, culturais e sociais que defenden os valores nos que creo –a igualdade, a xustiza social, a liberdade e as ideas republicanas, de esquerda e soberanistas que fago miñas. Desde eses valores e desde esas ideas é que se organizou, para quen as comparte e para quen non, o acto público do 18 de agosto na memoria das e dos ribadenses que defenderon a democracia no 1936. Síntome ben orgulloso diso e de ter estado alí, compartindo a emoción vivida con tanta xente.

Comentarios