Opinión

15 de setembro, por unha Galiza soberana

Nun exercicio realmente contundente de protagonismo e autoconstitución popular, as e os cataláns celebraron o pasado mércores unha Diada

Nun exercicio realmente contundente de protagonismo e autoconstitución popular, as e os cataláns celebraron o pasado mércores unha Diada que marca o inicio da conta atrás para a súa consulta pola soberanía, prevista para 2014. O seu proceso pola independencia leva anos en marcha, impulsado tanto por forzas políticas como por colectivos de carácter social e cultural, que souberon nestes últimos anos articular un discurso convincente, rigoroso e cheo de razóns para faceren medrar socialmente o desexo de se constituíren nun Estado propio. É a sociedade catalá quen esixe, quen se move, quen empurra hoxe pola toma de decisións, arrastrando consigo a forzas políticas reticentes ou de tradición especulativa neste tema. Dous artigos publicados estes días desde a propia Catalunya son de especial interese, acho, para nos achegarmos á cuestión: Catalunya, de Andreu Buenafuente, e Las izquierdas y el 11-S, de Jaume Asens e Gerardo Pisarello.

Galiza precisa soberanía

Catalunya avanza cara á independencia porque a precisa, e porque sabe e sente que ten dereito a ela. Hoxe a grande maioría do pobo catalán quere construír un Estado soberano, e –dato moi revelador!- mesmo nin tod@s os que o desexan son votantes nacionalistas. Non se trata nin sequer diso: trátase de estaren fartos desta España incapaz de comprender e respectar a diversidade, de estaren decididos a preservar a súa lingua, cultura e forma de estar no mundo, de estaren convencid@s de que sendo unha nación independente só teñen cousas a gañar, no económico e no social. Sábense un pobo de seu e queren actuar por si propios. Calquera demócrata, estea ou non de acordo, gústelle máis ou menos, debería cando menos respectalo.

A soberanía é hoxe -fronte ao capitalismo globalizado e as estruturas políticas ao seu servizo- condición indispensábel para o desenvolvemento económico e a xustiza social

Mais vén a conto o introito “catalán” pola reflexión que me producía a exhibición de forza da Diada en relación ás necesidades de soberanía de cada nación. Se Catalunya precisa hoxe de soberanía, que poderiamos dicir de nós mesmos?

A nosa realidade é, hoxe, a dun país ao borde do precipicio. Un país que está a ver como queda sen entidades financeiras, como avanza o desmantelamento industrial, como se impide, condiciona ou limita -desde Madrid e desde Bruxelas- a capacidade para xerar riqueza e emprego dos seus sectores produtivos, como se venden as súas principais empresas a capital estranxeiro, como a mocidade ten de emigrar na procura de traballo fóra, como se despoboa o territorio e avanza o avellentamento demográfico... Somos un país, en resumo, cada día máis dependente, máis subordinado, con menos capacidade para reaxir e para saír adiante. A pregunta é: son ou non son todas estas cuestións consecuencias directas da nosa falta de poder político para nos defender, para nos facer valer, para mirar polo noso? Son ou non, en definitiva, consecuencias directas da nosa falta de soberanía?  

A crise combátese desde a soberanía

23% de paro, 50 % de paro xuvenil, recorte de servizos e dereitos, estafas bancarias, desafiuzamentos, medre das desigualdades e da exclusión social... A prioridade para o BNG é combater a crise, unha crise que é roubo aos pobos e ás clases populares. Por iso, xustamente, levamos meses traballando na rúa e nas institucións coa campaña Non é unha crise, é un roubo. Por iso estivemos e estamos coas e cos aforrafores estafados nas preferentes e subordinadas, cos emigrantes retornados, coas persoas desafiuzadas e os movementos sociais de resposta, coas plataformas de defensa do ensino e da sanidade públicas, co sindicalismo nacionalista e os traballadores e traballadoras de cada unha das empresas afectadas por peches ou por ERE´s, co movemento feminista na resposta á ofensiva ideolóxica da dereita, co mundo da cultura na defensa do seu valor social e da súa propia supervivencia, … E por iso esiximos neste momento, de forma clara e contundente, soberanía.

Porque a soberanía é hoxe -fronte ao capitalismo globalizado e as estruturas políticas ao seu servizo- condición indispensábel para o desenvolvemento económico e a xustiza social. Soberanía nacional e popular. Vermella. Precisámola para tomarmos o control dos nosos recursos e poñelos ao servizo da xeración de emprego e de riqueza no propio país. Precisámola para decidirmos sobre a nosa economía, sobre o noso aforro, sobre os nosos impostos, sobre o noso territorio. Precisámola para dar volta á crise: capacidade para dicir non ás políticas europeas e estatais que nos limitan e empobrecen e para, fronte a elas, tomarmos as decisións que máis conveñan aos nosos intereses como pobo.

Soberanía para o desenvolvemento económico e a xustiza social

Podermos vivir e traballar dignamente na propia terra, sen explotación, con igualdade, con xustiza social. Iso queremos. Iso quixo sempre o nacionalismo galego. Para o conseguirmos, precisamos capacidade real para decidir libremente sobre os nosos asuntos en función dos nosos intereses. Iso, e non ningún fetiche ideolóxico, é a soberanía.

Desde o BNG temos que ser, nisto, especialmente claros e pedagóxicos.  Os problemas de Galiza non comezan coa actual crise. Tamén antes padeciamos vetos e impedimentos para producir, explotación colonial dos nosos recursos, emigración ... A crise veu a agudizalos, e a poñer aínda máis en evidencia a raíz profunda do problema. Os problemas que condicionan o desenvolvemento da sociedade galega son problemas de soberanía: están enraizados na nosa dependencia económica e na nosa subordinación política, e non terán solución real ata que rompamos esa dependencia e esa subordinación.

Hai soberanía cando sobre os asuntos galegos mandamos as e os galegos e non a UE ou os poderes políticos e económicos alleos a nós

Que teñamos capacidade real para poñer a producir o país nos seus sectores máis competitivos –gandeiría, agro, pesca, naval, enerxía, acuicultura, ...- ou que sigamos limitados pola UE e por España, é un problema de soberanía. Que teñamos capacidade de decisión e control real sobre o noso solo e subsolo, sobre as nosas rías e a nosa costa, sobre os nosos recursos naturais, ou que todos eles sexan explotados por multinacionais que depredan o territorio e drenan cara fóra os beneficios, é un problema de soberanía. Que a produción de enerxía que sae dos nosos montes inzados de eólicos e dos nosos ríos inzados de centrais hidroeléctricas repercuta en beneficio do desenvolvemento do país ou continúe a ser expoñente claro da explotación colonial que padecemos, é un problema de soberanía. Que contemos cun sistema de financiamento propio, no que poidamos xestionar nós os nosos impostos, ou nos sigan a enlamar no mito da Galiza incapaz de se valer por si mesma e precisada da falsa solidariedade centralista, é un problema de soberanía. Que decidamos poñer en marcha unha banca pública galega, centrada no apoio á economía real para a creación de emprego, ou que quedemos sen sector financeiro de noso, é un problema de soberanía. Que poidamos decidir como se organizan os nosos concellos e comarcas e orientalos á prestación duns servizos de calidade e de proximidade ou que padezamos reforzada a estrutura decimonónica e clientelar das deputacións, é un problema de soberanía. Que poidamos decidir como invisten e se endebedan as nosas institucións, empregando os recursos públicos con honradez e eficacia para combater a crise e confrontando deste xeito as imposicións da UE e do goberno español, é un problema de soberanía. Todos eses problemas son reais, concretos, afectan directa e gravemente ás posibilidades de desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza e ás nosas condicións de vida como galegos e galegas.

Desde o BNG convocamos para esta data a manifestación nacional Por unha Patria Soberana, cun chamamento explícito a unha grande, ampla e plural mobilización

Nada máis transformador para Galiza, pois, que reclamar a soberanía. Nada máis de esquerdas que defender os intereses do pobo galego, das maiorías sociais, fronte a quen os traizoa en beneficio das oligarquías financeiras. Nada máis de esquerdas que tomar o control dos propios recursos para os poñer ao servizo do desenvolvemento económico e da xustiza social.

Soberanía é democracia
Cando falamos de soberanía falamos, pois, das cousas de comer. Mais soberanía é tamén cuestión de democracia e de dereitos. Hai soberanía cando mandan os pobos e non as elites oligárquicas, hai soberanía cando as decisións as toman os gobernos e non a grande banca e os grandes lobbys económicos, hai soberanía cando sobre os asuntos galegos mandamos as e os galegos e non a UE ou os poderes políticos e económicos alleos a nós.

O 15-S tócanos a nós
Falabamos ao comezo da Via Catalana, e da demostración de forza que supuxo a nivel estatal e internacional. É froito dunha sociedade moi articulada internamente e con capacidade e resortes incuestionábeis para se facer valer. Nunca gostamos de comparacións entre os procesos galego, vasco e catalán, porque as realidades e dinámicas de cada país son absolutamente diferentes e responden á súa historia particular. Mais aínda así é certo que, dalgunha forma, este domingo 15 de setembro, en Compostela, tócanos a nós.

Desde o BNG convocamos para esta data a manifestación nacional Por unha Patria Soberana, cun chamamento explícito a unha grande, ampla e plural mobilización de defensa dos nosos dereitos nacionais e sociais. Queremos convidar á participación activa na mesma de todos os sectores sociais agredidos polas políticas da UE e do PP. Fronte á corrupción, a destrución de emprego, o recorte de dereitos e o empobrecemento social imposto desde poderes políticos e económicos absolutamente deslexitimados, é preciso responder na rúa, con contundencia, colectivamente. É preciso rebelarse, por necesidade e por dignidade. E é preciso facelo reclamando abertamente a soberanía, porque ela é a chave da nosa saída desta crise, porque precisamos de soberanía para desenvolver o país, conquistar a xustiza social e construír a democracia.

O 15-S vémonos en Compostela, por unha Galiza soberana.

Comentarios