Opinión

Zacande

Ben podería ser un acampamento sioux, dos western de John Wayne. Mesmo o reino dunha raíña moura. Ou o título dun clásico, tipo Mogambo. Pero, non. É unha aldea, podería ser unha de tantas, unha das nosas. Só que cando volvemos a ela, volvemos a Zacande.

Ben podería ser un acampamento sioux, dos western de John Wayne. Mesmo o reino dunha raíña moura. Ou o título dun clásico, tipo Mogambo. Pero, non. É unha aldea, podería ser unha de tantas, unha das nosas. Só que cando volvemos a ela, volvemos a Zacande.

"É unha aldea, podería ser unha de tantas, unha das nosas. Só que cando volvemos a ela, volvemos a Zacande".

Como cómpre, temos de todo, como nunha canción de Sabina: equipo de fútbol, festa gastronómica , verbena coa Panorama e devoción á virxe do Carme. Sitúase nas terras do Salnés, pero, fuxidía, non é doado encontrala, esquiva aos indicadores de estrada e ás coordenadas de GPS. Non convén dar pistas. Só a quen a procura de verdade, se lle aparece: utópica e ucrónica.

É Macondo, onde, terra de feirantes, non poden nacer fillos con rabo de porco, pero cada día descubrimos admirados o xeo. Tamén as sagas debuxan unha xeografía humana que apenas muda, que se apiña e quere, alicerzada tamén nos vellos rancores e disputas seculares. No vello taller, antiga carpinteira, correos e ágora a un tempo, ecoan aínda as voces, como en Comala, entre a ferralla e as máquinas de serrar, que parecen revivir aínda nas mañás frías de inverno. Mañás de barullo de bidóns de leite e dun tráfico de coches que comezaba a despuntar. 

"Sabedores de que nas nosas lendas orais, agóchanse verdades coma puños, as historias de Carlos Blanco asentan nunha Zacande que xa foi e que resistimos a que deixe de ser"

Non tivemos un Cunqueiro que contase as historias de feiras e gando, mas os nosos feirantes xa contaban as épicas travesías en motora pola Ría -volta do Caramiñal-, antes de lermos Romance de lobos. Pero os comediantes modernos non se esquecen de ficcionarnos.  Sabedores de que nas nosas lendas orais, agóchanse verdades coma puños, as historias de Carlos Blanco asentan nunha Zacande que xa foi e que resistimos a que deixe de ser e ata Avelino González nos atribúe un seseo que non temos.

Agora que somos viaxados, poñemos picas en Flandes e estamos abonados ao low cost, non é que volvamos, é que sabemos que sempre estivemos. Que a cartografia non deixa de ser un espellismo. Procurando o universo en diversas latitudes, decatámonos que alí estaba tamén, nun punto utópico e ucrónico do Salnés, mítico, como en Mogambo, e alegórico como os poboados sioux. Alí, onde o mundo se chama Zacande.

Comentarios