Opinión

Xardín suspenso

Abriu o ano o Centro Dramático Galego cunha estrea que aposta de novo polo intercambio teatral con Portugal. Neste caso, unha obra, Xardín suspenso, do montealegrense Abel Neves, que se manterá en carteleira ata o vindeiro día 29 de marzo.

Abriu o ano o Centro Dramático Galego cunha estrea que aposta de novo polo intercambio teatral con Portugal. Neste caso, unha obra, Xardín suspenso, do montealegrense Abel Neves, que se manterá en carteleira ata o vindeiro día 29 de marzo. Acerta o CDG con esta obra que xa concitara a atención e interese da crítica e que obtivo en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva. A estrea, un ano despois, no Teatro D. Maria II confirma a centralidade do escritor na nova dramaturxia portuguesa e a súa proxección na literatura lusófona. É a segunda ocasión, de feito, que o público compostelán terá a oportunidade de presenciar unha obra de Neves, despois de que en 2013 o espectáculo da Companhia de Teatro de Braga levase ao Salón Teatro o Sabe Deus pintar o diabo, do dramaturgo portugués.  

"Abriu o ano o Centro Dramático Galego cunha estrea que aposta de novo polo intercambio teatral con Portugal".

Abel Neves aborda en Xardín Suspenso a nosa dificultade para domesticar os demos propios, aqueles que se agochan tras a nosa pax burguesa e que emerxen no momento menos esperado. O xardín, como metáfora, vainos descubrindo unha intriga cuxo desenlace imos adiviñando desde os primeiros compases, no entanto, como en García Márquez, a tensión dramática provén da espiral que vai paulatinamente envolvendo ás personaxes, desvendando aspectos intuídos e facéndonos partícipes dos silencios e omisións, nos que se apoia a fráxil e convencional felicidade familiar.

"A compañía do Teatro Nacional D. Maria II interpretará no palco lisboeta o Saxo Tenor, de Vidal Bolaño, o 7 de maio".

O percorrido teatral que a obra xa tivo anteriormente, permítenos valorar na xusta medida a óptima representación actoral e a posta en escena, que potencia as posibilidades dramáticas do texto. Dá boa idea das capacidades escénicas do noso teatro e supón un notable punto de partida para este intercambio teatral co Teatro Nacional D. Maria II, cuxa compañía interpretará no palco lisboeta o Saxo Tenor, de Vidal Bolaño, o 7 de maio.

O xenio creativo de Neves e a excelente dirección de Pazó conxúganse para dar corpo a esta peza que vai tecendo a rede, cada vez máis mesta, dos intercambios teatrais entre Galicia e Portugal, para dar conta en escena das nosas historias, dos nosos dramas.

Comentarios