Opinión

Telexenia

Comezar este artigo cun neoloxismo é xa unha declaración de intencións.

Comezar este artigo cun neoloxismo é xa unha declaración de intencións. O novo parece que se impón, tamén na actual hora política, segundo consenso case xeneralizado. Si, tamén eu concordo con que estamos a asistir a un renovado –e desexable- interese pola política e, xa que logo, talvez a unha maior conciencia da súa importancia para a construción da polis, ou da aldea, que diría Ignacio Vilar. 

Con todo, o contexto líquido co que nos movemos a nivel social, laboral ou ideolóxico, e de crecente individualización, paréceme que tamén está a condicionar a nosa relación coa oferta política e subseguintes mensaxes. Estamos a pasar páxina dun sistema político articulado en torno a propostas dirixidas a colectivos concretos, cun alto grao de cohesión e con intereses específicos, no cal o xogo electoral se concentraba na capacidade de articular ese núcleo compacto de votantes ou, en propostas máis arriscadas, conseguir certa transversalidade que ampliase a base electoral do voto.

Como nos aprenderon hai algún tempo, o medio é a mensaxe

A pulverización das identidades sociais, laborais ou ideolóxicas, daquilo que dimos en chamar a “xente”, fai que a matriz das novas mensaxes vaian máis dirixidas ao individuo que ao suxeito político. É por iso que, cada vez máis, en campaña mobilizamos emocións, conviccións rotundas e, na que nos toca, unha promesa de xuventude e remoción infinita de caras, estilos e siglas, a semellanza do penúltimo produto de fragrancia refrescante.

Isto fai, inevitablemente, da televisión un ágora imprescindible da actividade política e ideolóxica, convertida a miúdo en espectáculo. Como nos aprenderon hai algún tempo, o medio é a mensaxe. Así é como chegamos a aplaudir a contumacia dos slogan claros e reiterados, a axilidade na reposta, a fluidez de verbo, o dato infalible a punta de lingua, a cita irrefutable. Da tertulia ao mitin sen apenas transición, e viceversa. Con crecente empeño, os programas de debate electoral van innovando no grao de dificultade e vistosidade espectacular: de pé, sen atril, sen apoios tecnolóxicos. O político (que se lle supón sosego, estudio e reflexión para propostas rigorosas) sen rede, coidado que non vacile, esa gota de suor que se lle escapa e penaliza, a linguaxe corporal, ese dato dito con pouca convicción (que sexa certo ou non, pouco importa). Todo por pasar unha velada divertida con pizza e cacahuetes.
 
Co 20D como escusa, ficamos expectantes pola vindeira aposta televisiva. Por se acaso, e se esgotaron as ideas, eu deixo aquí a miña humilde contribución: que no seguinte encontro electoral –o aínda máis difícil- debatan a ritmo de regueifa.  
 

Comentarios