Opinión

Sísifo nos Celga

Cando hoxe se abran ás 8:45 as portas das Escolas de Idiomas para unha nova convocatoria dos Celga, non poderei reprimir unha sensación de nostalxia e tristura. O primeiro porque tiven a sorte e o privilexio de facer parte, ata o ano pasado, do (excelente) equipo que puxo a andar o proxecto. A ilusión e experiencia acumulada noutras lides fixo que case en tempo récord se montase unha proba cunha facturación técnica (deseño da proba, procedementos e instrumentos de avaliación...), que en nada envexaba aos outros sistemas de certificación de linguas, cuxas dotacións de recursos humanos, materiais e económicos eran considerablemente superiores. 

Cando hoxe se abran ás 8:45 as portas das Escolas de Idiomas para unha nova convocatoria dos Celga, non poderei reprimir unha sensación de nostalxia e tristura. O primeiro porque tiven a sorte e o privilexio de facer parte, ata o ano pasado, do (excelente) equipo que puxo a andar o proxecto. A ilusión e experiencia acumulada noutras lides fixo que case en tempo récord se montase unha proba cunha facturación técnica (deseño da proba, procedementos e instrumentos de avaliación...), que en nada envexaba aos outros sistemas de certificación de linguas, cuxas dotacións de recursos humanos, materiais e económicos eran considerablemente superiores. De feito, cómpre subliñalo, a avaliación centrada en competencias -audaz e case inédita naquel momento- terminou tornándose un patrón estable  nas maioría das probas de dominio das linguas europeas.

"O galego, como calquera das demais linguas, debe contar cun sistema válido e fiable para avaliar e certificar o nivel de competencia lingüística dos usuarios, dentro dun marco referencial estable"

Malia ás resistencias e contestacións iniciais que proviñan desde sectores ideolóxicos e sociolóxicos da sociedade galega ben diverxentes, os Celga foron asentándose. Mesmo porque algunhas das observacións que a miúdo se fan (se os galegos deben ser ou non avaliados, se os niveis son altos ou baixos...), non deben pór en causa o feito de que o galego, como calquera das demais linguas, debe contar cun sistema válido e fiable para avaliar e certificar o nivel de competencia lingüística dos usuarios, dentro dun marco referencial estable (o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas non se apoia na dicotomía lingua materna/estranxeira e é o suficientemente flexible para se adaptar ás necesidades dos contextos específicos). Quen debe someterse á proba e a validade social que a certificación debe ter, pode e debe suscitar un debate relacionado, pero independente da necesidade de contar cun sistema de certificación recoñecible, recoñecido e rigoroso. 

"Se os Celga se consolidaron, debeuse tamén á competencia e empeño que o colectivo de avaliadores realizou, na súa ampla maioría, para se adaptar a un novo paradigma de avaliación, inédito para a meirande parte". 

Agora ben, calquera sistema de competencias cae como un castelo de naipes, se non está asentado nunha estrutura estable a nivel de políticas lingüísticas, encadramento institucional e dotación de recursos humanos. Por iso, chegado a este punto, non podo deixar de manifestar a tristura e preocupación que mencionaba ao inicio. Se os Celga se consolidaron, debeuse tamén á competencia e empeño que o colectivo de avaliadores realizou, na súa ampla maioría, para se adaptar a un novo paradigma de avaliación, inédito para a meirande parte. 

Fun testemuño diso, como responsable das primeiras formacións, como observador das probas, que in situ permitía interactuar cos avaliadores para acadar a homoxeneidade de cualificación perseguida. De modo que, cando hoxe non estean nos corredores e aulas das Escolas de Idiomas, non podo deixar de compartir con eles a miña preocupación (pola situación persoal, polo impacto na calidade...) e este apuntamento de gratitude pola contribución á materialización deste sistema que entre a ilusión e traballo de todos fomos construíndo. Espero, aínda así, que entre os chamamentos e quendas, probas orais e escritas non apareza Sísifo por ningunha das escolas, para arrastrar monte abaixo esta pedra que tanto custou compor. 

Comentarios