Opinión

Ilusións en precario

Entre o rebumbio informativo post-electoral, chegáronnos os pálidos ecos dun estudo que noticiaba a precaria situación dos actores. A só o 8% lle alcanza a vivir da súa profesión.

Non se corresponde o escaso interese que suscita o desmembramento das industrias culturais e creativas co notorio peso que teñen no PIB de calquera economía. Por situar a cuestión unicamente no terreo numérico. Non vaiamos avivar inquietacións.

Empatizamos pouco con quen nos fai rir, chorar ou pensar. A menos que desfile por unha alfombra vermella, claro

Tampouco co peso que teñen nas nosas actividades de ocio. Empatizamos pouco con quen nos fai rir, chorar ou pensar. A menos que desfile por unha alfombra vermella, claro. Talvez porque pensamos que a entidade corpórea que se agocha detrás dunha personaxe se evapora con ela. Ou que é tan volátil e instantánea como o click da descarga. Mesmo adoitamos a prolongar a ilusión da butaca, ao apreciar o parecido entre aquel secundario e quen nos serviu a copa na véspera, no local de moda.

Bracea a industria cultural, sen unha alarma social que clame por ela, como ocorrería se vendese zapatos ou automóbiles. Acertaron os ingleses a designar como mesmo verbo play “actuar” e “xogar”. Ambos, ao que parece, conxugan sempre mal coas cousas do comer.  

Texto aparecido no blogue do autor.

Comentarios