Opinión

Cadencias outonais

Chegou, por fin, o outono. Con esa confortable reiteración das rutinas cotiás. Con aquela folla de xornal que nos trae a noticia, que pasado mañá será intranscendente, pero hoxe se torna impreterible. Nada máis actual que a páxina do día, e nada máis caduco que a  amarelada da antevéspera. 

Chegou, por fin, o outono. Con esa confortable reiteración das rutinas cotiás. Con aquela folla de xornal que nos trae a noticia, que pasado mañá será intranscendente, pero hoxe se torna impreterible. Nada máis actual que a páxina do día, e nada máis caduco que a  amarelada da antevéspera. 

No xornal, onde pasamos dun lado a outro do mundo, cun simple compás, como na acuarela de Toquinho.

"Sumouse a lingua galega, como convidada estelar ao evento, na espera de que o outono traia as primaveras desexadas ao carón do portugués, cunha vocación Atlántica que xamais se debeu perder".

En Portugal chegou o enésimo orzamento rectificativo do goberno de Passos Coelho -puntual como un anticiclón das Azores- e o PS comeza a moverse cunhas primarias apoteósicas. Procurando a solución a unha crise que se pode contar como unha historinha de siglas de PEC´s, FMI, UE, debates na AR, liortas PSD-CDS, entre si e co mundo... sen predicado e sen fíos conexos. Talvez porque non é posible facelo doutro xeito. Como no final de Altazor, cunha linguaxe onomatopeica. 

A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), que nestes días celebrou na Universidade do Minho o seu congreso anual, debatendo o futuro da lingua ou como atallar a diglosia que nas ciencias e outros campos posterga o portugués, para maior louva do inglés. Desde a platea pedíase menos debate e máis acción. Sumouse a lingua galega, como convidada estelar ao evento, na espera de que o outono traia as primaveras desexadas ao carón do portugués, cunha vocación Atlántica que xamais se debeu perder. A xeografía poucas veces engana.

"Vivimos con angustia as décimas que suben e baixan, como un obrigado tributo a quen coida aos que coidaron, como unha solidariedade, sempre incompleta, que tece un fío de afecto entre Freetown e Becerreá". 

Tampouco na mediterránea Catalunya, onde se aveciña un outono quente, que discute se a tortilla se fai rompendo os ovos ou sen rompelos. Como as latitudes son as que son, e Cadaqués estará onde está, como Almendralejo, Santo Domingo de la Calzada ou Mojácar, cómpre reconducir afectos e diálogos, independentemente de onde se asinen os decreto-lei no futuro. Para que unha onda de incomprensión non eleve paredes infranqueables.

Como o medo, aquel que intuímos nos ollos de Teresa. Así merece ser mencionada, e non por categorías xentilicias, profesionais ou circunstancias, tan do gusto da linguaxe mediática. Vivimos con angustia as décimas que suben e baixan, como un obrigado tributo a quen coida aos que coidaron, como unha solidariedade, sempre incompleta, que tece un fío de afecto entre Freetown e Becerreá. 

Aínda ben que nos Ancares xa recende a castaña, e se albiscan os ventos do Atlántico que anuncian o corazón do outono.

Comentarios