Opinión

O belén

Envío estas liñas nas vésperas do Nadal. Do Nadal brasileiro, de impoñente sincretismo cromático, cultural e relixioso.

Envío estas liñas nas vésperas do Nadal. Do Nadal brasileiro, de impoñente sincretismo cromático, cultural e relixioso. Referentes moi afastados dos usos e imaxes aos que acostumamos polas latitudes setentrionais. Compartimos, non obstante, simboloxías como a árbore, as cintas de cores ou o belén (magnífica unha mostra artesanal na catedral carioca).

Este ano, porén, non teremos a representación do pesebre na nosa praza do Obradoiro, que tanto universaliza estas prácticas natalicias. Ás veces, percibo un certo localismo, tanto a favor como en contra, no avivamento destes debates, lembrando un pouco aqueles de principio de século (o do XX, claro). Santiago, en ocasións, continúa parecendo un gran casino.

O caso é que, así como os espazos públicos consagran o seu uso a diferentes expresións colectivas (sociais, políticas ou mesmo deportivas), sen comprometer a neutralidade pública debida, non parece ser un gran problema que tamén sirva para vehicular a relixiosa (sexa ela da condición que for). Máxime cando, neste punto que nos ocupa, conforma a memoria colectiva ou cultural de boa parte de nós, á marxe da relación coa transcentalidadade que cada quen teña (non tela tamén esixe grandes doses de fe e disciplina dogmática).

Non sei se me chocou menos a árbore de Nadal no ceo despexado de Belo Horizonte ou aquel solitario carrusel colocado a desmán no Obradoiro, como se fose unha praza maior, orfa de verbenas. Non hai nada máis contracultural que un neno galego a lombos dun cabalo de plástico con bufanda e luvas, afeitos a brincar medio verán nas festas (de verdade) populares.

Entre tanto, en canto o mundo xira e xira, como a atracción compostelana, entretémonos con estas nosas disputas, cun certo aquel de sobreactuación, que me retrotrae aos sempre entrañables barafustes de miña avoa cando batían á porta profetas de esotéricas crenzas: non fose ser que me chegasen a convencer.

Bo Nadal e mellor 2016.

Comentarios