Opinión

E ti, de quen ves sendo?

E ti, de quen ves sendo? Aos que somos da Galicia rural e mariñeira esta pregunta sóanos. A todos nola teñen feito algunha vez. É o xeito de saber quen é quen, de coñecer os teus antecedentes. Así, se me preguntan en Muros, para os máis vellos do lugar sería o neto de Manolé o fillo de Consuelo da Roseta. En Carnota sería o neto de Domingo do Ghrilo ou de Lola da Pegha, e en Noia sería o neto de Maruxa da Berbecha. Unha árbore xenealóxica en toda regra. Con iso xa calquera da zona sabe se son boa xente ou non, se son de fiar ou non. Ou polo menos pode sospeitalo.

Agora, fieis ao mellor das nosas tradicións, a Consellería de Cultura a través do Decreto 52/2019, polo que se declara Ben de Interese Cultural Inmaterial as técnicas de construción naval en madeira, vaille preguntar ás nosas embarcacións, e ti, de quen ves sendo?

Para que unha embarcación sexa considerada unha embarcación tradicional galega terá que cumprir as seguintes condicións:

Terá consideración de embarcación tradicional galega toda a construída en madeira antes do ano 1950 nalgún obradoiro, carpintaría ou estaleiro situado en Galicia e que responda a algún dos modelos tipolóxicos de embarcacións tradicionais galegas recoñecidas, sempre que non sufrisen modificacións substanciais que alterasen as características esenciais da devandita tipoloxía.

Terá tamén a consideración de embarcación tradicional a construída posteriormente por algún mestre carpinteiro de ribeira recoñecido, sempre que fose realizada en Galicia e construída segundo algún dos modelos tipolóxicos recoñecidos.

Para ser unha embarcación tradicional galega non chegará con ser unha dorna ou unha gamela, senón que terá que ser nacida en Galicia e feita por un carpinteiro de ribeira. A pregunta que nos facemos moitos é que vai pasar coas embarcacións orfas? Aquelas que recuperamos dunha xunqueira, dun galpón ou que sacamos directamente dunha fogueira en San Xoán.

Como imos contestar ao de quen ves sendo? 

O primeiro que ten que ocorrer é que se nomee a comisión asesora do órgano de salvagarda, tal e como recolle o D52/2019 (parece que xa está en trámites, non era sen tempo). Esta comisión terá que determinar os modelos tipolóxicos: dorna, buceta, gamela, galeón, lancha... así como os seus subtipos dornas polbeiras, cordeleiras, xeiteiras...

Toda vez que ese traballo estea feito, o titular dunha embarcación poderá solicitar a inclusión da mesma no censo de embarcacións tradicionais galegas. E aquí veñen os problemas, non pensemos xa no caso extremo de que unha embarcación sexa construída por un particular en Noruega e agora estea amarrada en Galicia. Poñámonos nalgúns casos máis próximos, por exemplo: que vai pasar cun bote de Ribadeo construído en Vegadeo, será unha embarcación tradicional galega? Si? Non? Ou unha embarcación que se recuperou dun galpón e non hai constancia de quen a construíu. E todas aquelas embarcacións feitas por particulares?, como se acreditará a condición de carpinteiro de ribeira dun afeccionado, como se considerará o taller do baixo da casa ou do garaxe do amigo onde se fixo o barco?

Esaxerando un pouco, ou non, como se acredita que a Marina, a derradeira lancha do xeito, recuperada en Caldebarcos e exposta no Museo Massó en Bueu, é unha embarcación tradicional galega? Non teremos dúbidas do seu modelo tipolóxico, pero como acreditamos o seu nacemento? Non hai documentación, as testemuñas da súa construción seguramente xa non estarán entre nós... Vaia, a máis insigne das nosas embarcacións tería complicado acreditar a súa orixe, mentres a súa réplica e construcións posteriores si terían a consideración de embarcacións tradicionais galegas.

Cónstame que esta cuestión se tratou de arranxar no proceso de alegacións do D52/2019, e que se aportaron definicións alternativas para non deixar fóra da cobertura do decreto as embarcacións citadas, pero a Consellería de Cultura deixounas sen resposta e non accedeu á modificación da definición.

Agardemos que a comisión asesora sexa receptiva e manteña todas estas embarcacións orfas dentro das embarcacións tradicionais galegas e que se recoñeza o esforzo dos seus propietarios por mantelas vivas e e en uso, porque do mesmo xeito que eu son eu e non a miña árbore, xenealóxicaunha dorna é unha dorna veña de quen veña sendo.

Comentarios