Opinión

Xosé Chao Rego e San Paulo de Catabois

Non hai moito deixounos D. Xosé Chao Rego, Pepe, o amigo da alma. Moita da miña vida estivo moi próxima a el. Por iso sempre falarei del con gratitude e entusiasmo.

Non hai moito deixounos D. Xosé Chao Rego, Pepe, o amigo da alma. Moita da miña vida estivo moi próxima a el. Por iso sempre falarei del con gratitude e entusiasmo. Porque eu de Pepe Chao só podo estar agradecido. Desde 1955, sen ser eu un dos seus “escollidos” si que fun sempre un dos que máis se “achegou”. Nós somos unha diocese pequena, un seminario pequeno. Pero tivemos catro ou cinco figuras fóra de serie: Chao, Cuco, Gabriel, Porta, García Amor, etc. E non debemos esquecer a sorte que tivemos con dous bispos: Argaya e Araújo.

Por iso se non te “achegas” aos “mestres” de vida e esperanza, perdes as poucas oportunidades que tes de formarte en serio. Sempre me seduciu a súa creatividade, o saber rexurdir dos contratempos saíndo sempre cara adiante. Aprender que vale máis acender luces que  perder o tempo en maldicir as tebras. Eu a Chao débolle formación, estudo serio, espiritualidade, amor á vida, crer nas persoas, non ser nunca rancoroso, ser respectuoso, apaixonarse pola verdade, pola bondade esencial, pola beleza da vida e do cosmos. A vida vale a pena se nós facemos que valla a pena no tempo que nos toca vivir. “Se deixas detrás de ti amor, bondade esencial, verdade e beleza no teu ser e no actuar. No compromiso vital. Iso é vida”.Téñollo escoitado a miúdo.

San Paulo de Catabois é unha das etapas silenciadas. Tamén S. Mateu. Quero falar algo delas

Cando eu cheguei a Catabois, 1959, oía falar moito de D. José. Tiñan por el verdadeira veneración. San Paulo de Catabois é unha das etapas silenciadas. Tamén S. Mateu. Quero falar algo delas.

O bispo Argaya tomou en serio a Ferrol e a súa problemática social, humana, económica, obreira, militar.Os migrantes de acollida do rural e tamén cara a fóra. A presenza da Igrexa estaba moi reducida ao culto e ao caritativo. Pero el soñaba cunha transformación total. Necesitaba unha presenza de igrexa distinta nesta bisbarra de Ferrolterra.Era sabedor de que tiña un clero moi ruralizado, con pouco dominio  do mundo urbanita, con reparos e medos do mundo obreiro como clase e das mesmas persoas destes ambientes. Por iso creou novas parroquias e foi metendo en Ferrol curas novos, con inquedanzas pastorais e entrega seria e con formación axeitada. Pepe Chao veu a Ferrol co encargo de abrir camiños novos nestes eidos. Estaba nomeado para O Rosario. O Párroco antigo ten o dereito a elixir entre a parroquia matriz, Santa Mariña do Vilar ou a nova: O Rosario. E escolleu o Ensanche, nas contornas do Estadio do Club Ferrol, totalmente urbanizada. Pepe tivo de ir para Santa Mariñacontra todos os plans. Tres estradas de paso. O resto eran corredoiras, camiños e carreiros. A poboación era principalmente advenediza. Logo había unha barriada de casas baratas da Obra Sindical do Fogar “As Sindicais de Catabois do ano 1954”, Foran adxudicadas sen servizos socias ningún. Sen beirarrúas. A luz fallaba moito por non teren un transformador apropiado. A auga non chegaba e grazas a dúas fontes que había alí ao lado. Sen escolas,  nin médicos, etc.  Nun estudo sociolóxico serio contabilizaron 850 nenos en idade escolar. Nada. Xente chegada de diversos orixes sen convivencia comunal previa. Moi boa xente. Pobres. Moi pobres en xeral. E empezaron a xurdir “pandillas” de xoves e adolescentes. Eles mesmos se denominaron:“Sindicales: “La Ciudadsinley”, tomado dunha película da época.San Paulo de Catabois- Ferrol  é unha desas parroquias de Chao da que nunca se fala.

Como “apousou” aquí Pepe Chao? Non había casa parroquial  e foi vivir unha tempadiña en cada núcleo principal: Xoane, As Sindicais e Casquido. Así facíaseaxiña coa xente e coñecíadirectamente as familias na súa verdadeira realidade.

O pobo tamén empezabaa cambiar no contacto con el. Pero foi o pobo quen o cambiou decisivamente a el

Conseguiu nas “Sindicais” un local multiusos, incluídas as misas de domingo. Aquí xermolou e conformouse en serio o Pepe Chao que logo fomos coñecendo. Aquí a pobreza era moita.  Ao ir vivir á barriada  xa a tiña metida na súa casa e na súa vida.Xa non sería para el un discurso teórico. Foi carne da súa carne. Encarnouse nel e el nela. Entendeu desde aquí todas as pobrezas do mundo. Tentou acender luces creando condicións de posibilidade. Abriu o corazón á xente, á solidariedade e á loita pola xustiza. O pobo tamén empezabaa cambiar no contacto con el. Pero foi o pobo quen o cambiou decisivamente a el.

Analicemos, baixando ao concreto, algún signo que nos mostre esa “encarnación”. Visitaba enfermos a cotío e acompañaba, día e noite, nas horas da enfermidade e da morte. As casas eran tan pequenas que non collía nin unha cadeira. D. Xosé, pequeno e delgado, adoitaba sentarse sempre na beira da cama, collendo a man do doente. Quería transmitirlles neses intres vitais que non lle facía ascos nin á enfermidade nin á pobreza. Consolaba. Emocionábase con cada un que partía. Doíanlle.  Xa eran dos seus. Como di o Principiño: Xa o meteran na casa, na “domus”. Xa se crearan lazos. Xa se deixara “domesticar” por eles. Xa vía cos ollos do corazón. Logo o enterro e funeral non era un rito do libro. Era una adeus dorido por unha irmá ou irmán benquerido.

Un feito real. Aquela muller aínda nova sabía ben que estaba nas últimas.

  • “D. Xosé: Pídolle un favor. A min fáltanme poucas horas e voume cunha pena moi grande. Que vai ser deste meu filliño. Míreme por el. Só me ten a min.
  • Prométoche que cando ti faltes recollerei o teu neno para a miña casa comigo. Finou con moita paz. Creu nel.

Aos dous días, desde o cemiterio, o neno xa foi con Pepe. Todos o coñeceron sempre como “O fillo do cura”, sabendo moi ben o que dicían. E todos na parroquia axudaron no proceso educativo daquela crianza, que pasou a ser un pouco irmán de todos. Hoxe é un home con dona e fillos. 

Sería igual Pepe Chao se non estivese nestas parroquias? Seguriño que non

Sería igual Pepe Chao se non estivese nestas parroquias? Seguriño que non. Deus escribe recto con regos torcidos. As circunstancias axudan a conformar as persoas. Pepe influíu en infinidade de homes e mulleres de todas as contornas de Ferrolterra e logo o seu nome xa pasou ao mundo. Escribiu libros, moitos libros, e estudou moitísimo millenta de realidades. Pero antes asentou na máis pura realidade da vida.

A D. Xosé fíxoo a vida de Santa Mariña, S. Mateu, e As Sindicais, ás que el denominou San Paulo de Catabois. Aquí viviu de bocadillo eu diría que anos enteiros e sei ben o que digo porque o compartín con el. Estou ben seguro. Sería outro home.

En S. Paulo precisaban un cura de seu con dedicación plena e a tempo completo. Por iso creou a Parroquia. E Antonio Martínez Aneiros fíxoo excelentemente ben. Logo seguimos unha saga xeitosa de cregos. Hoxe está Alfonso Gil.

Esta experiencia que xa  moi poucos lembramos de pertiño, merece ser posta no seu haber con letras grandes, relatala con testemuños polo miúdo e de completo, antes de que desaparezamos os poucos que temos aínda a memoria viva de daquela. Penso que vale a pena. Irimia, por exemplo, pode tirar da idea publicando unha daquelas “Angueiras” monográficas. Porque se as cousas non se concretan cando é hora, logo xa nunca se farán.

Dá mágoa saber que este bispo que se foi se anoxou cando conseguimos facerlle ese monólito de honra en Santa Mariña do Vilar: “Es un cura secularizado”. Como di o Evanxeo: “Polas súas obras coñecerédelos”. Eu quérome coas de Pepe Chao, por evanxélicas. Xa tivésemos na diocese moitos Pepes Chao!

“Os días, cos seus gozos e as súas penas, deixaron, ao pasar, marcas na alma. E abrollaron das silveiras dos camiños pequenas flores brancas de esperanza, onde non afogaron as espiñas a tenrura, nacida do amor que as chamara”. (Himno de vésperas).

Comentarios