A nosa Igrexa Vella coas arquivoltas da porta principal cheas de signos de historia antiga. E tan antiga! O documento escrito de máis antigüidade de todo Ferrol é xustamente o que fai referencia a esta capeliña. Igrexa da que fala o Padre Sarmiento nos relatos das súas viaxes pola Galiza. Igrexa que foi queimada no 1936 e que Pepe Chao restaurou, seguindo os planos do Arquitecto Rodolfo Ucha Donate, para dedicala a servizos sociais da parroquia, porque na escola nacional nacía a auga onde os nosos nenos de daquela puñan os pés todos os días. Posteriormente serviu para introducir nas letras aos nenos xitanos que acababan de asentárense para deixar a transhumancia secular.
Hoxe, devolta de novo ao culto, o seu destino orixinario, onde algúns que aínda vivides viñestes prometer nos anos vinte o voso amor. Preguntádello a Maruja Purriños.
Mas por riba das pedras e de todo está o traballo humano de D. Xosé. A súa entrega polas persoas, a súa dedicación sen límites a todos nós, o seu testemuño de fe cristiá e a loita pola xustiza que lle custou, xunto con Vicente Couce e moitos outros, persecucións varias naqueles tempos da longa noite de pedra incluída a cadea. Pepe Chao, o noso benquerido D. Xosé, ficará así sempre connosco e para a posteridade co seu nome imperecedoiro.
Mas por riba das pedras e de todo está o traballo humano de D. Xosé. A súa entrega polas persoas, a súa dedicación sen límites a todos nós
Teño, como promotor principal, que mostrar agradecementos a D. Amable Dopico pola súa axuda silenciosa, eminentemente eficaz. A cantos nos ofreceron as súas incondicionais sinaturas para acompañármolas ao expediente preceptivo nestes casos. Tamén á Corporación Municipal, que unanimemente aceptou esta proposta. A D. Vicente Irisarri, o noso Sr. Alcalde que con toda honra para todos nós os veciños, presidirá, sen dúbida, o acto de inauguración.
Non teño palabras suficientes para Dona Mercedes Carbajales. Acollida, desvelos, preocupación, visitas a ese lugar, consellos, facilidades, orientacións, o corrixir erros, fallos ou defectos, o interés pola tramitación seria e rigorosa no proceder, sen pausas no tempo. Mercedes, para ti o noso inmenso recoñecemento.
A D. Javier, o Párroco actual, e a toda a parroquia de Santa Mariña, que se vos pode dicir? Tendes o corazón a flor da pel pola sorte de vivirmos este intre co noso Pepe Chao Rego e a súa dona Sari.
Queremos poder dicirlle con grito forte e sincero: GRACIÑAS, PEPE, POR TODO. AD MULTOS ANNOS VIVAS, DOMINE JOSEPH!”.
Pasaron cinco anos. Hoxe, 28 de novembro de 2015, querido Pepe Chao Rego, coma nunca: GRACIÑAS, MESTRE DE VIDA E AMIGO. Encheremos a cotío de flores frescas o monumento á túa memoria, mentres che falamos desde o corazón.
Sempre teu.