Opinión

Confinados. Sen-finados. Sempre sós

Hai unha soidade positiva que buscamos e necesitamos para realizarnos na propia persoa en harmonía e con autonomía. Para a reflexión e o estudo. Para facérmonos adultos e medrarmos. Ata para atoparnos co transcendente. Hoxe non falo desta.

Nunca sufriches a perda dun amigo ou amiga que, ao irse e desaparecer da nosa esfera afectiva a vida xa perdeu o sentido? Como pode faltar despois de nos querer tanto? A pobreza de agarimo ou amor que se sente nas perdas arrinca bágoas amargas e as pegadas emocionais son profundas. Anda un vagando sen saber cal sexa a utilidade do propio futuro. Vivir en soidade non é vivir! Para que vivir?

A soidade dos vellos, así falamos, viña sendo clamorosa. Era xa noticia a cantidade de persoas soias que aparecían mortas na rúa ou nas casas. Só se soubo da súa existencia polo fedor do cadáver. E, daquela, socialmente só interesa que o retiren axiña de diante. Molesta. E aí finou esa vida. Que triste!

A fenomenoloxía da soidade veu mudar coa Covid-19: Confinados legalmente, ficamos illados. Eles e nós. Pasa a primeiro plano a dor pola separación do “apestado” en vida. Como doe! Nin despedidas, nin unha aperta, nin un bico. As portas das residencias pechadas. Infranqueábeis: “Xa dispomos nós. Non poden estar aquí. Váianse!”

A escena repítese no tanatorio e no cemiterio. Sempre lacónicos: Non preguntan como quería ser tratado o corpo. A incineración é forzosa. Cinco persoas, máximo. Todos distanciados. Non ritos funerarios, nin civís nin relixiosos. O que urxe e desfacerse axiña do cadáver, incluso sen agardar 24 horas. Por veces cruzando España, de noite, ata un lugar cun oco para a cremación.

Pero aló, moi fondos, xorden interrogantes vitais que ninguén nos vai responder nin poderemos nunca comprobar: E os restos? De quen? O corpo de quen? Como acreditar iso? E estaría xa morto cando o retiraron? Quen certificou? Como foron os momentos finais? Tivo algunha palabra minimamente amorosa de alguén?

A perda dun ser querido deixa un baleiro inmenso. Unha grande soidade e desafecto. Cando un amigo/amiga se nos vai, morre moito aló na alma. Quen nos pode responder de forma críbel ás innúmeras dúbidas e preguntas? As feridas da alma son profundas a máis non poder.  E doen laiando.

 “Que soíños fican os mortos!”. Son testemuña desas despedidas en profunda soidade. E que inmensamente sós ficamos os vivos. Rompidos na alma. A afectividade desequilibrada. A emotividade, afogada, ao non poder expresala precisamente coa persoa amada e só con ela. Non pode ser substituída por ninguén nin tampouco nós podemos ser anulados. E o sentido da vida, do amor, do respecto persoal, da espiritualidade e das relacións humanas ? Máis ben todo é un sen sentido.  

Canto mal trato! Non dos traballadores que, en xeral, son outras vítimas. A responsabilidade está máis arriba. Nos que nunca vemos nin dan a cara. Nas institucións. Nos que converten impunemente os anciáns en obxectos de mercadoría nun pingüe e voraz negocio: máximo lucro, mínima inversión, mínimo de coidadores, máximo estrés. Secretismo absoluto. Inspeccións aparentes. Informes que son papel encubridor. Paripé!

Descubrimos a soidade afectiva de todos os que experimentan que a vida non importa? Quen estará disposto a arriscar o máis mínimo por media hora de escoita activa e mostrarlle un mínimo de consideración positiva?

A súa persoa é dese terzo da desfeita e lixo do que falou M. Thatcher. Canto antes desaparezan, menos consumo, menos gasto inútil e menos sufrimento para eses desgraciados que viñeron á vida fóra de programa por un fallo do sistema. Sobran. Sobran das rúas de Madrid, dixo Esperanza Aguirre: molestan aos turistas. E é verdade. A pobreza sempre molesta aos ollos da cara e do corazón. “Dan mala imaxe”. Que morran! E iso xa é cousa deles. Que non nacesen.

Se non se fai unha terapia adecuada, pódenos levar anos situarnos de novo na vida e con sentido. Apréndese duramente o que é sufrir. Ata nos pode volver duros, ata o punto de caermos na tentación de alegrármonos de que aos outros lles pase algo parecido. Para que saiban o que é sufrir! Sóache?

Quo vadis, humanitas?

Comentarios