Opinión

Apólogo: papá, devólvoche o móbil

APÓLOGO, (s. m. Sinónimo: fábula). Relato ou composición literaria en prosa ou en verso que proporciona unha ensinanza ou consello moral.

Este de hoxe pode representarse. Vale para o Nadal, xa que regalamos móbiles.

(Escena: Aparece o despacho familiar dun executivo de crase media. Case sempre está ausente, de talante algo impositivo e con mando en praza. Na mesa, un móbil e unha carta aberta nun atril para acentuar a súa visibilidade e para que a poida ler calquera que entre. O envelope fica na mesa ao ladiño. Toda unha mostra do distanciamento relacional).

(Personaxe central: Só a carta, en moi letra grande, en espera de ser lida. O escenario está baleiro e só se oe unha voz en off, a do autor, que repasa o texto. Corresponde a un xoven con personalidade ben estruturada, acorde coa súa idade).

“Meu! Desde hoxe deixarei de usar e portar comigo o móbil que un día me deches.

Verás. Tiven un profesor de relixión que nos falou moito do proceso de facerse persoa. Descubrín que, como din os antropólogos e psicopedagogos, unha das dimensións importantes da persoa é a relacional. Vivimos nun mundo onde as outras persoas,  toda a ecoloxía e mesmo o cosmos universal, ben ou mal, entre todos  estamos interactuando continuamente e debémonos respecto mutuo nun estilo dialóxico que dentro das diferenzas debe ser construtivo e cordial.

Aprendín que o móbil pode estar activo, modo avión, sen voz, fóra de cobertura, sen batería ou mesmo apagado. Pero en todos eles sigo sendo controlado por elementos totalmente estraños á miña autodeterminación

A comunicación debe ser algo normal e cotián coidando moito iso que agora se deu en chamar a intelixencia emocional porque, como dixo Álvaro Paradela, nós somos seres senti-pensantes.

Dentro dese proceso integral ocupa lugar moi principal a educación para a liberdade e o seu uso responsábel.

Dito isto, quero expresarche sen acritude e dado que non che é doado que teñas tempo para falarmos persoalmente, que non quero o móbil que me deches e vouche dicir por que:

1º.- Aprendín que o móbil pode estar activo, modo avión, sen voz, fóra de cobertura, sen batería ou mesmo apagado. Pero en todos eles sigo sendo controlado por elementos totalmente estraños á miña autodeterminación e, cando lles pareza ben, déixanme sen servizo, cóbranme o mesmo e non dan explicacións. Tampouco me permiten que eu as pida fóra de pórme  cun disco pregravado que me sume no ninguneo máis absoluto. Poden silenciarme totalmente e para iso é mellor non ter móbil.

2º.- Por ese enxeño ou arteluxio  éntranme, sen eu querelo, WhastsApp, facebook, twitter, internet e propagandas que se non teño coidado me van deformando ou mesmo poden ser delictivas e incorro en responsabilidade.

3º.- Na relación asimétrica que nos caracteriza, tamén na familia, o móbil ven ser un elemento de control perenne e total a xeito de GPS que me sigue a todas partes. Un “gran hermano” que me deixa totalmente nu e espido sen dereito nin ao máis mínimo pudor.  E ti, meu benquerido, sen decatarte estás a caír e estás nese sistema de control despersonalizador. Chillas, controlas, das ordes, pero nos tes tempo para falarmos, dialogar, contármonos as alegrías, ou proxectos e tamén as penas que ti tamén tes por moito que nolas disimules.

Na relación asimétrica que nos caracteriza, tamén na familia, o móbil ven ser un elemento de control perenne e total a xeito de GPS que me sigue a todas partes.

4º.- A meirande parte do tempo todos nós estamos en silencio ou fóra de cobertura. Abóndanos saber polo móbil que fisicamente respiramos e pouco máis. E resúltame absolutamente difícil ter que aturar que cando comemos ou nos actos de familia cadaquén está “enganchado” a non sei que asuntos máis importantes sen gozarmos da presenza de nós mesmos. Somos a xeración “mobilópata”, absolutamente alienados e dependentes. E logo iso repítese no médico, no autobús, no traballo, nas aulas, nas igrexas, nos cines e teatros, etc. Imos como autómatas que chocamos coas farolas o nos paramos nos pasos de cebra.

Non. Decididamente non quero o móbil xa que nos está a converter nuns illados idiotizados en todas partes.

Pois por todo iso e por outras cousas que falaremos, se algún dia somos capaces de vérmonos en persoa, aínda que só sexa para perdermos o tempo contemplando unha superlúa, coma cando eu era neno, por todo iso entrégoche o móbil. Se algunha vez somos capaces de falar, que sexa con calma, mirándonos á faciana, que xa nin a coñecemos. Que sexa de nós e do mundo marabilloso que hai en nós e nos das nosas contornas.

Nese proceso de ser persoa tamén aprendín de Xesús de Nazaré que o meu reino non é “deste mundo”, como explicaba González Ruíz: O meu reino no é deste sistema, deste tinglado, deste armadillo. Por iso reivindico e quero ter unha parcela para ser eu mesmo. Xa me chega coas cámaras instaladas en cada rúa ou en cada entidade que me vixían coma no panóptico de Jeremy Bentham.

Quero aprender a vivir con normalidade, cos medios cos que vive a xente normal, sen ter que estar continuamente escravizado aos eventos onde sempre hai un dedo apuntando. E onde ademais temos que estar tributando unhas peaxes que no fondo son autodestrutivas. “Por que gastades diñeiro no que non alimenta ou o salario no que non dá fartura? (Is 55, 2). Isto tamén o aprendín en relixión.

Meu¡ Valoro o moito o que te preocupas por nós e sei que o pasas mal. Tal vez tamén ti teñas que deixar o móbil e sacar tempo para falarmos en persoa e de paso te deas conta que nós xa medramos e que non somos uns escachapedras calquera. Que podemos confiar mutuamente na vida e en nós.

E quero darlle as grazas ao profesor de relixión que soubo ensinarnos e respectar en nós o proceso de facérmonos persoas e nos tratou como adultos, incluso cando nos equivocamos todos. E soubo acompañarnos na soidade. Moitas veces.

E, se os negocios non te afogan, cando poidas, fala algo coa familia. Unha aperta.

Sempre teu.”

(Cae o pano).

Comentarios