Opinión

Non construír o presente sen coñecer o pasado

A música tradicional é a forma de expresión musical colectiva dunha nación, pobo ou cultura diferenciada como é a nosa, que vai pasando de xeración en xeración de xeito oral durante séculos, e que na actualidade tamén se combina co ensino en centros especializados (asociacións, escolas de música, centros de ensino de música tradicional, conservatorios…).

Polo tanto ese gran tesouro patrimonial que os galegos temos aínda moi vivo é froito do traballo de miles de persoas e asociacións culturais que todo os días do ano dedican o seu esforzo e traballo á pervivencia da nosa cultura musical para que continúe a cadea do traspaso xeracional.

A nosa asociación, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), aporta o seu traballo no colectivo, tendo en conta que sen a labor de centos de asociacións máis, coas que contamos no país, non tería sentido ningún a nosa existencia.

A AGG ten os seus inicios nos anos 70 do século pasado, nas primeiras xuntanzas de Ortigueira, onde moitos se daban cita para ver de mellorar a situación da música tradicional e en particular da figura do Gaiteiro.

En Melide a finais dos anos 80, logo de varias xuntanzas de persoeiros da gaita, elaboran os principios fundacionais da asociación e escollen como presidente da xestora a Ricardo Portela. Firme defensor da gaita e da figura do gaiteiro, el sempre se negou a tocar nunha festa se o seu nome non aparecía no cartel e ao mesmo tamaño que o das orquestras. Como dicía o mestre, “O gaiteiro é o interprete das esencias máis enxebres da música de Galicia, ten nas súas mans o instrumento representativo dun pobo”. 

Todo este proceso culmina coa Asemblea fundacional da Asociación de Gaiteiros Galegos, no ano 1989, cuxa finalidade tiña a do estudo, fomento, divulgación e defensa da cultura da gaita galega, sendo unha asociación sen fins lucrativos, e o ámbito territorial de acción abranguía toda Galiza.

Foi fundamental a visión colectiva que tiñan os fundadores e a necesidade de ter unha ferramenta de traballo para que a nosa música tradicional teña o lugar que lle corresponde na nosa sociedade. 

Naqueles tempos os gaiteiros nin aparecían nos carteis, ou de aparecer ficaban ao final da lista como “gaitas del país”. Esa ridiculización ten levado a máis dun gaiteiro a deixar de tocar. Mesmo nos seus inicios a Radio Galega fixera unha propaganda cuxa lenda dicía “Deixémonos de Gaitas...”

Non debemos permitir que coa receita da invisibilidade volvamos aos tempos nos que os gaiteiros vaian tocar polo bocadillo

Nos anos 90 inzouse o país de escolas e asociacións centradas en que os máis novos seguiran a tradición musical e evitar que se rompera a transmisión xeracional, foi impresionante a cantidade de xente e a calidade das agrupacións resultantes, incrementáronse tamén os obradoiros artesáns, os festivais, entra o ensino da gaita nos conservatorios.

Semella que está todo feito, mais aínda queda moito por facer: eliminar actitudes machistas e mellorar e normalizar o papel da muller nas agrupacións de gaitas; rematar coa invisibilidade da música tradicional nos medios de comunicación tanto públicos como privados; que nas festas das aldea e vilas as comisións de festas garden un espazo para a nosa música tradicional; que os prezos dos gaiteiros deixen de ser os máis baixos de calquera formación musical, e que sexa remunerado de maneira oficial e conforme á legalidade; que nas festas das cidades a música de gaita deixe de estar relegada a un pasarrúas dos grupos locais o día do Patrón; que sexa a música inicial na aprendizaxe dos nenos e nenas no ensino regrado; que, nas institucións e administracións competentes, se contemple unha programación estable para que os grupos poidamos tocar durante todo o ano por todo o país; que cando algún músico tradicional morra, teña a merecida lembranza e homenaxe nos medios de comunicación e recoñecemento social, igual que moitos outros artistas que viven a centos de kms. 

Non podemos seguir a construír o presente sen coñecer o pasado, non debemos permitir que coa receita da invisibilidade volvamos aos tempos nos que os gaiteiros vaian tocar polo bocadillo, ou simplemente non vaian, tal e como aconteceu este ano Xacobeo no que non houbo programación de música Tradicional Galega.

Comentarios