Opinión

A música e o baile de tradición teñen que estar

As xentes da música e baile tradicional comezamos o ano coa lóxica preocupación de ver moi lonxe a saída desta maldita pandemia que veu a cambiármonos o xeito de vivir, e que tanto sufrimento está a causar naquelas persoas contaxiadas que lles ataca sen compaixón, e tamén a todos aqueles que perderon a un dos seus, porque a Covid os levou por diante.

Mais é evidente que tamén está a traer consecuencias económicas en moitos sectores, que non poden desenvolver as súas actividades profesionais con normalidade, entre elas atopámonos as xentes que nos dedicamos ao baile e música tradicional como sustento de vida. O noso traballo está moi ligado á vida das Asociación Culturais e Folclóricas que teñen entre as súas actividades o ensino, divulgación e mantenza do noso xeito de tocar e bailar.

A situación lonxe de mellorar, a cada paso vai algo peor, o verán pasado non se puido levar adiante ningunha actuación, fundamentais para lograr ingresos que despois axudan a manter a actividade no inverno, diminuíron tamén os ingresos das cotas do alumnado, uns por precaución para evitaren contaxios e outros porque os concellos impediron as actividades nos locais municipais que se usan para dar as clases. 

Somos conscientes de que a situación é moi complexa, e que o ano non está para festas tal como as entendemos ata o de agora, pero non por iso temos que deixar de buscar saídas para un sector con pouca visibilidade nos medios, pero cunha actividade transversal en todo o noso País e fundamental na transmisión da nosa expresión musical como pobo. 

É indiscutible a utilidade social do traballo dos centos de asociacións culturais espalladas na en todos os concellos galegos, como tamén é indiscutible que non podemos mirar para outro lado e asubiar, pensando que as cousas van poder ser como ata o de agora, e agardar a ver que pasa. 

Non podemos permitirnos como sociedade que este traballo deixe de facerse por mor de non telo en conta, ou consideralo como un algo pequeniño, prescindible, e recuemos no tempo 30 anos e volvamos aos tempos nos que na transmisión do folclore non había un medio de vida para ninguén.

É cuestión de manter viva a obra de creación colectiva que é a nosa música e baile tradicional transmitida a través da oralidade e que temos a obriga de seguir transmitindo, se queremos aportar a nosa particularidade como pobo ao conxunto das culturas da humanidade.

Ata o de agora fixémolo sen moita axuda da administración, mais veñen tempos nos que como non se teña en conta esta realidade é posible que moitas asociacións e agrupacións de música e baile tradicional non resistan esta situación. 

Ata o de agora a Consellaría de Cultura non fixo nada específico para este sector da cultura de base, que aínda non sendo parte da chamada Industria Cultural Galega, si é fundamental no conxunto da Cultura Galega. 

Mais aínda está a tempo de facelo, acaba de anunciar o inicio do ano Xacobeo 2021 e van gastar unha chea de millóns de euros en actividade e espectáculos culturais.

É unha oportunidade histórica para que a Xunta teña en conta na súa programación cultural aos milleiros de persoas que en Galiza formamos parte de grupos de baile, de pandeireteiras, de gaitas, de murgas, de requintas, de zanfonas. 

Sabemos que este ano non vai poder ser co formato do Programa “Vai de Camiño”, que a sociedade de Xestión do Xacobeo levou adiante durante anos, facendo posible que centos de actuacións de música tradicional amenizaran aos habitantes dos concellos por onde pasa algún camiño. Somos conscientes que este ano ten que ser doutro xeito, e seguro que atopamos con facilidade o formato acaído para esta situación.

Mais para facelo ten que haber a intención da Xunta de contar connosco, aínda non sabemos nada, se realmente queren que o Xacobeo sexa un investimento de país e non un gasto, teñan en conta esta nosa realidade.

A AGG non imos quedar calados vendo como se dilapidan cartos a esgalla en artistas alleos, e non conten coa música e baile de tradición, que estamos a atravesar o peor momento dos últimos 30 anos.

Comentarios