Opinión

Instituto da música e do baile de Galiza

Comezamos un novo ano deixando atrás dous anos de moita dificultade para a música e o baile tradicionais. A pandemia provocou un parón da actividade importante, apenas se puideron manter as clases nas asociacións, xa que a moitas delas non lles permitiron os concellos facer as aulas nos locais municipais por cuestións da Covid. Mais todo isto do que falamos son percepcións persoais de conversas que temos entre nós, pois non hai ningunha institución que contemple o estudo e seguimento do impacto económico que a música e o baile tradicional teñen no noso País. O día que se faga, a sorpresa para algúns dirixentes vai ser maiúscula, pois sumando orzamentos de máis de 350 asociacións folclóricas, ingresos de centos de grupos de gaitas, de pandeireteiras, máis de 80 artesáns de instrumentos, máis de 200 profesores o montante económico seguro que é incríbel e terán que ternos en conta, pero non só por todo o diñeiro que se move ao noso arredor, senón polo valor patrimonial que teñen a nosa música e baile tradicionais. 

A pandemia mudou o que viña sendo o día a día no artístico, formativo e profesional, e aínda non recuperamos o rumbo que tiñamos.

Fíxose fincapé en que era un sector non profesionalizado, iso é discutible, pois aínda que o peso da cultura de base recaia en asociacións sen ánimo de lucro, as asociacións no momento en que teñen actividade económica deben de funcionar como empresas, nós mesmos, por poñer un exemplo, na AGG que contamos con 11 asalariados, temos as mesmas obrigas fiscais e laborais que calquera empresa. Mais a Xunta non mobilizou ningún recurso específico para que estas asociacións sufriran o menos posible as consecuencias económicas.

É moi necesario e fundamental a creación dun observatorio que recompile anualmente todos os datos de carencias, fortalezas e necesidades de todos os ámbitos nos que se moven a música e o baile tradicionais, para saber con certeza as actuacións máis necesarias e aportar recursos suficientes á creación dun Instituto da Música e o Baile de Galiza, para que as administracións se impliquen na súa protección e divulgación.

Daquela puxémonos de acordo entre varias asociacións e persoas e elaboramos un documento que asinaron mais de 350 entidades da música e o baile tradicionais que contemplaba medidas enfocadas a paliar as perdas xeradas pola pandemia.

Estas medidas comprendían:

—Crear un plan de subvencións para a promoción da contratación de profesorado por parte das asociacións que permita a regularización da situación laboral de ditas traballadoras e traballadores.

—Crear un plan de axudas económicas ás asociacións para manter e aumentar a actividade cultural de eventos artísticos e formativos.
—Crear un Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega que recolla anualmente datos de tipo económico e social, o que permitirá coñecer a repercusión do sector no conxunto do tecido cultural e económico.

—Fomentar proxectos de investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial dentro de conservatorios superiores, profesionais e universidades de Galiza en colaboración co tecido asociativo e a Administración.

—Incluír nos departamentos de Normalización Lingüística de centros de ensino público, concertado e privado un espazo para a dinamización da cultura tradicional galega, que permitirá traballala tanto de xeito transversal como específico dependendo do tipo de centro.

—Centros de Educación Primaria e Secundaria: fomentar contidos de música, baile e artesanía galega nas materias de Educación Física, Música e Plástica. Poderíase así establecer un convenio con asociacións próximas ao centro, sendo as mestras e mestres de ditas asociacións quen se encargasen de impartir estes contidos.

—Escolas de música e conservatorios: garantir a oferta formativa de instrumentos tradicionais de Galiza en todos os centros públicos.

—Escolas e conservatorios de danza: medidas encamiñadas á regularización do ensino do baile tradicional.

Aínda non perdemos a esperanza de que todo isto se leve a cabo e  vexamos unha Xunta de Galicia colaborando co pobo en seguirmos existindo como tal.

Comentarios