Opinión

O baile e a música tradicional deben ser declarados BIC

Este patrimonio cultural inmaterial é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función da súa contorna.

O pasado 16 de marzo de 2018 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoa o expediente para declarar Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego, que é o primeiro paso para poder presentar á Unesco a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Este documento tiña eivas e erros importantes, o que motivou a presentación de numerosas alegacións ao texto por varias ducias de persoas individuais e colectivos vinculadas ao baile, a antropoloxía, a etnomusicoloxía e á música tradicional.

No expediente que presentou a Xunta, o concepto de PCI estaba errado, disociaba o baile da música como elemento cultural, non describía correctamente a comunidade, e non presentaba un plan de salvagarda, polo que parece, non entendeu a definición que a Unesco fai do mesmo, establecida na convención de París do 17 de outubro de 2003, segundo a que "enténdese por 'patrimonio cultural inmaterial' os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes- que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.

Este patrimonio cultural inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función da súa contorna, a súa interacción coa natureza e a súa historia, infundíndolles un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo así a promover o respecto pola diversidade cultural e a creatividade humana. Aos efectos da presente Convención, terase en conta unicamente o patrimonio cultural inmaterial que sexa compatible cos instrumentos internacionais de dereitos humanos existentes e cos imperativos de respecto mutuo entre comunidades, grupos e individuos e de desenvolvemento sostible".

Non é moi difícil facer unha correcta definición do elemento a declarar PCI, simplemente hai que relatar a realidade cultural do país. Débese ter en conta que o baile e a música tradicionais galegos pertencen ao ámbito das tradicións e expresións orais, entendendo a nosa lingua como vector do PCI, as artes escénicas, as prácticas sociais, rituais e actos festivos, e tamén aos saberes ligados ao artesanado tradicional. Tampouco resultará difícil demostrar que a comunidade recoñece este tipo de baile como propio e pertencente ao seu PCI e que se transmite de xeración en xeración sendo constantemente recreado en función da interacción co medio e o contexto histórico e social. E tamén é fácil demostrar que nos infunde un sentimento de continuidade temporal como comunidade cunha cultura propia.

Por este motivo, no seu momento a AGG foi un dos colectivos que presentou unha alegación, en primeiro lugar parabenizando a iniciativa e reclamando, ademais, que se modificara a declaración.

Considerabamos que o expediente debera ter en conta as alegacións presentadas, e en todo caso revisar, reiniciar ou facer unha moratoria do procedemento, para así poder iniciar un diálogo con todo o sector implicado para que no documento resultante nos sentísemos todos representados, e que recollera as seguintes cuestións: o elemento PCI debe ser correctamente descrito, para o cal debe pedirse a colaboración de expertos; a música e o baile non son separables a efectos culturais; a comunidade debe ser correctamente descrita e dar o seu consentimento tanto para a incoación do expediente, como para o establecemento de medidas de salvagarda; o plan de salvagarda debe estruturarse cientificamente e coa participación máis ampla e representativa posible da comunidade.

En marzo fará catro anos da publicación, e non recibimos contestación ningunha, nin tampouco soubemos de que houbese ningún movemento na Consellería para retomar e rectificar este expediente e encamiñar esta declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial, que faría xustiza á realidade do país. Nós habemos de seguir a tocar e a bailar en galego e a transmitirllo aos mais novos.

Comentarios