Opinión

A educación que non serve

Os romanos eran tremendamente supersticiosos e consideraban que dependendo do día en que estaban, era fasto, isto é, axeitado para os negocios e as festas, ou nefastos, xusto todo o contrario. Un día nefasto declarábase porque nesa data ocorrera unha desgracia, por exemplo, un magnicidio, unha dolorosa derrota nunha batalla... Loxicamente nisto evolucionamos moito como sociedade e agora non temos eses criterios. De todos os xeitos hai un día que deberiamos seguir considerándoo coma nefasto. Este día debería ser ese no que se decidiu que habería que vincular educación con mercado laboral.

Houbo un día no que unha mente dixo iso de "tes que estudar porque, se non, non serás nada na vida". E cando se refería a ser algo facía referencia a unha profesión ou un oficio. Dende entón todos escoitamos algunha vez esta expresión e se cadra aínda a pronunciamos.

Dende entón, o sistema educativo tivo o importante labor de preparar traballadores e traballadoras. Esta asociación cada vez é máis fonda e todo o mundo estuda para acadar un título que o habilite no mercado laboral.

Quen isto escribe é profesor neste sistema educativo e pasa moitas horas no mundo do ensino secundario rodeado de adolescentes. Pertenzo ao ámbito das humanidades, polo cal, de cando en cando teño que responder á pregunta: "Isto para que serve? ".

A pregunta ten o seu aquel. Saber as características da obra de Celso Emilio vaime facer máis rico? Coñecer as causas da revolución industrial será unha ferramenta práctica no meu traballo?

Sen dúbida neste ámbito utilitarista investir tempo en aprender este tipo de coñecementos é algo a desterrar. Amais de tempo queima neuronas que deberían ser aproveitadas para os ámbitos tecnolóxicos e para a aprendizaxes deses idiomas que abren portas.

O peor é que esa mentalidade foi enchoupando a toda a sociedade e aqueles estudantes que optan por aprender historia, literatura, arte... son os rariños de letras ou, peor aínda, aqueles que non valen para outra cousa. As orientacións do bacharelato sempre van nestas direccións. Os moi bos estudantes para as enxeñerías ou medicina e os mediocres ao outro lado do corredor dos nosos centros educativos.

De feito unha boa educación debería desvincular a dicotomía ciencias-letras que serve coma pretexto para cousas que, de non ser reais, serían ben choqueiras. Xa teño escoitado falar de crianzas en sexto de primaria que din que non saben os verbos porque son de ciencias. Ou para que van estudar matemáticas se eles van ser avogados.

A educación, a de verdade, ten que valer para formar cidadás e cidadáns críticos, autónomos, creativos, solidarios, transcendentes... Non pode reducirse a facturar man de obra. O sistema ten moito interese en reducir o sentido crítico e apoiar iniciativas que reduzan o coñecemento á utilidade. Ser algo no canto de ser alguén. Valer oito horas ao día cinco días á semana e o resto do tempo ser consumidores é o paraíso social para o que se nos está preparando.

Dende esta perspectiva enténdese o interese da nosa clase política por cambiar de lei educativa cada tres ou catro anos. Inxenuamente pensan que cambiando algo as leis educativas conseguen formar activos ou pasivos votantes. Ao final o sistema que pretende a utilidade no ámbito educativo é tan poderoso que as reformas só sexan pequenas maquillaxes: o valor da materia de relixión, introducir novas materias que parezan modernas e pouco máis. O profesorado cargado con máis burocracia e, ao final, acabamos cos mesmos contidos cada vez máis reducidos para evitar que haxa alguén que quede sen o seu título que cada vez demostra menos capacitación.

O cristianismo rachou coa existencia de días fastos e nefastos. Nos días nefastos os romanos non traballaban. Os primeiros cristiáns consideraban que os días onde deberiamos descansar son os festivos, aqueles nos que había que celebrar algo. Eu non quero velo todo escuro. Ante tanta situación nefasta nos nosos centros hai motivos para a festa. Son as pequenas aldeas galas que están nas nosas aulas. Son aqueles alumnos e alumnas que optan por estudar grego clásico, latín, literatura ou belas artes. Son estes que cando lles preguntas por que o fan dinche cun sorriso malicioso e revolucionario: "Porque me peta". Viva a festa.

Comentarios