Opinión

A tradición musical, verdadeira ferramenta de integración

Unha cuarta parte do meu alumnado ten raíces alleas a Galicia (eles ou algún dos seus pais naceron fóra). Non é raro que algún me chegue a dicir nalgunha clase que mellor outra canción que non estea en galego, incluso a preguntarme por que me expreso en galego na aula. Isto é unha realidade total que eu observo dende hai anos e que me doe. Esa dor non ten por que ser tan mala, faite cavilar sobre o que podemos facer para canalizar unha situación que a medio prazo pode significar o deserto para a tradición galega do futuro e polo tanto para conservar a nosa propia identidade diferenciada e a nosa proposta xenuína, válida e necesaria para esa globalidade ben entendida na que todos aportamos riqueza e diversidade. 

Pode haber dúas posturas ben distintas da xente cando chega a vivir a unha cultura que non sente como a súa propia: a primeira pode ser a de enrocarse nunha burbulla impermeable na que só queira vivir a súa cultura de orixe aínda que resida noutra parte do mundo. A outra, quizais menos frecuente pero para min a máis intelixente e desexable, sería a de non renunciar, por suposto, á cultura orixinal da que provén, pero manter paralelamente un desexo, interese e ata paixón por integrarse tamén nesta nova cultura que a está acollendo.

Debemos facer plans e políticas de integración social a partir de recursos tan amables, pertinentes e efectivos como o baile e a música tradicional

Teño que facer unha paréntese porque pode haber no noso país unha postura intermedia que observo en alumnado de fóra de Galicia que quere ser moi español pero que se nega a ser galego. É dicir, séntense novos españois pero exclúen a posibilidade de sentirse galegos. Non é unha mera opinión. Non é raro que algún destes alumnos amose a bandeira española en símbolos externos ou incluso no seu perfil nas redes sociais...

Este é o panorama da moita xente nova que sen malicia algunha desembarca nunha terra e cultura que ten todos os distintivos dunha cultura diferenciada dentro do estado español. Pois ben, despois de meditalo penso que unha das claves para conseguir que os novos galegos que non teñen aínda raíces na nosa cultura as vaian collendo, é que opten pola segunda vía comentada, o que supón varias cousas da nosa parte.  

Primeira: a de recoñecerlle e valorar a súa propia procedencia e cultura e tela sempre moi en conta. Para alguén que vén doutra cultura é esencial que de primeiras sinta que o valoramos como o que é, en positivo, e que apreciamos de verdade ás súas raíces e cultura, tamén que agradecemos que estean colaborando na construción do noso país e formando xa parte do seu presente e futuro.

Segunda: a de ofrecerlle a posibilidade dunha integración profunda e verdadeira na cultura galega, non só por medio da aprendizaxe do idioma, senón, e sobre todo, polo acceso a actividades e contextos máis galegos que propician o demais... E aquí chegamos á tradición musical, verdadeira ferramenta de integración. Se conseguimos que alguén baile unha muiñeira, toque unha gaita ou pandeireta, cante a rianxeira ou forme parte dunha agrupación da tradición galega teremos conseguido unha inmersión verdadeira e perenne na cultura galega que vai permanecer nesa persoa xa para sempre.

As políticas de integración social teñen que contar coa tradición cultural dos pobos, non podemos contentarnos só con nos defender

Estou convencido de que se somos quen de actuar dese xeito na integración da xente que dende outras culturas vén vivir con nós o futuro da tradición e da cultura galega estará máis garantida e non condenada a subsistir en redutos cada vez máis limitados a modo de reserva cultural. Pero ademais, conseguiremos que os novos galegos manteñan e aprecien como calquera a cultura do noso pobo sentíndose parte dela.

As políticas de integración social teñen que contar coa tradición cultural dos pobos, non podemos contentarnos só con defendernos, pode ser un erro irreversible.

Así que dende concellos, centros educativos e institucións de todo tipo vexo claro que debemos facer plans e políticas de integración social usando ferramentas tan amables, pertinentes e sobre todo efectivas como a tradición musical galega. 

Que tal a gratuidade para iniciarse en calquera actividade da tradición (musical) galega como parte dunha política de integración social? Só unha idea.

Comentarios