Opinión

Onde os coidadores da cultura tradicional galega?

Cando alguén pasa por unha mala época  é cando pode decatarse de a quen ten de verdade. Estamos pasando unha boa época para comprobalo en tódolos campos e de seguro que aprenderemos mais dunha cousa despois desta pandemia. 

A educación despois dun primeiro momento de moita incerteza foise salvando e grazas a iso seguimos cara a adiante coa actividade aínda que sexa disfrazados antes e despois do Entroido e gastando a roupa de inverno o dobre do habitual. O eido da cultura non tivo tanta sorte e despois de certo optimismo no inicio do verán tivemos que ir vendo cancelacións impulsadas polo medo a unha situación descoñecida dos que promovían este tipo de actos pero especialmente da política aplicada, que na meirande parte dos casos decidiu un lavado de mans para non programar nada novo e desprogramar o pouco que se tiña feito. Os centros culturais de moitos concellos pecharon as portas  e as limitacións para reunións de non conviventes impediron calquera tipo de iniciativa noutro senso. A cultura pechaba a porta unhas semanas, uns meses...todo tipo de festas e acontecementos do ciclo do ano que significaban reunións de xente foron suprimidas unha tras outra como xa sabemos. 

Estando de acordo en que a saúde é o prioritario e de que non quedaba máis remedio que limitar eventos de moita xente, sobre todo en espazos pechados, mais co paso do tempo síntome orfo deses proxenitores da cultura, que non están en ERTE e que teñen unha responsabilidade local, autonómica ou nacional -tanto ten- e que na miña opinión non foron quen de traballar o suficiente para atopar  alternativas ou mesmo para manter as ilusións deste sector que nos fai vivir mellor e que contribúe tamén de xeito evidente á saúde dos pobos. Pode ser que haxa excepcións a este comentario, pero por desgraza son iso, excepcións. A cultura precisa incentivos xa non económicos, que tamén, claro, senón de sentirse coidada ou atendida e non do contrario como está a pasar, e se concretamos na cultura tradicional e popular todo o falado é máis pertinente. 

Por exemplo, que eu saiba non houbo un plan autonómico de reactivación  da cultura tradicional galega impulsando iniciativas locais ou provinciais, por suposto tampouco coñezo plans das deputacións ou dos concellos decididos neste aspecto, pero é que cada entidade das que falamos ten persoas en nómina case sempre, con esa responsabilidade. 

Non vexo cal é o impedimento para facer canles propias de cultura que poidan estar presentes nas redes sociais e que sigan a organizar eventos, ou que se incentiven creacións audiovisuais cos materiais existentes que poñan en primeiro plano o traballo feito polas distintas agrupacións, ou certames de composicións ou creacións, ou de fotografías, ou investir cartos en axudar a equipar as agrupacións para o futuro, ou en facer publicacións pendentes ou investigacións posibles, ou plans de formación en liña que ocupen a profesorado da cultura e ao alumnado dela... o que sexa pero dar ilusión e poñer en valor o feito preparándose para o que veña.

Parece que alguén tiña que decatarse de que o público pode volver dun día para outro pero non así a cultura que precisa un esforzo constante e perseverante para manter ao día e a punto a música, o baile, o teatro ou calquera produto artístico susceptible de ser aplaudido nun directo. Ninguén pensou en que a cultura hai que mantela cunha temperatura axeitada para que poida haber lume e non apagala ou mesmo botarlle auga enriba agardando o milagre de que resucite como se nada.

Agora mesmo respiramos un aire moi pouco osixenado, moito desánimo e a sensación de que a cultura e a música tradicional é totalmente prescindible para as administracións.

Con máis perspectiva analizaremos mellor todo isto, pero non vai ser fácil xustificar a parálise de tantos meses daqueles que tiñan a posibilidade e a responsabilidade de coidar e animar a cultura galega cando máis o necesitaba. 

Que ninguén pense que a resurrección da actividade cultural perdida poderá amañarse nunha semana por moito que a santifiquemos.

Comentarios