Opinión

O gaiteiro do Fragoso (Vigo 1930-2013): memorial virtual ou a virtude da memoria

O próximo sábado 18 de Abril fanse sete anos do pasamento do noso querido mestre Henrique Otero Covelo, un símbolo histórico do ensino oficial da gaita en Galicia e do músico gaiteiro na nosa historia máis recente.

Este sétimo memorial ía ter un fío condutor da súa extensa obra de case trescentos temas, a Danza. Un dez por cento das súas obras teñen no título precisamente ese reclamo : Danza dos palillos, Danza das Penlas, Danza dos Mariñeiros…pero as formas populares da música galega sabemos que en gran proporción nacen tamén da propia danza, así Muiñeiras, Xotas, Rumbas ou mesmo os Pasodobres invitan a mover o corpo ao seu compás.

Neste Memorial, que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos e conxelado no tempo, hai que destacar o compromiso de agrupacións como Fiadeiro, Tres Pes, Ventos de Comesaña, Corisco e Cans de Palleiro que por vez primeira participarán neste evento cando sala o sol. Outras agrupacións seguen co seu compromiso perenne que fai que case todos os anos contemos con eles : Noitarega, Breogán, Carunchos, Abóbriga, Moañesa, Raigames…as circunstancias fan que teñamos que lembrar doutro xeito ao mestre neste VII Memorial reconvertido, pero curiosamente pode ser e será o Memorial máis lembrado da historia, o Memorial que fixemos dende a intimidade da nosa casa.

Tamén é momento de recoñecer tantos músicos e agrupacións- ademais dos comentados- que xenerosamente foron acudindo ás convocatorias do memorial dende o ano 2014. Cantares do Brión, coro Mariñeiro do Berbés, Coro Galego do Abrente de Mos, Terribles de Donas, Contracocheno, Folk de Coiro, Lembranzas Galegas, Conservatorio Mayeusis e os moitos alumnos e profesorado do Conservatorio Superior e Profesional que participaron Como Alejo Amoedo ,Beatriz Riobó , Pablo Diago,Xosé Miguélez... e quero facer mención dunha participación moi especial, a de Manolo Solla, membro histórico dos Cruceiros que tamén quixo estar como intérprete nun deles.

Deste xeito o sábado 18 de Abril teremos un motivo extraordinario para erguernos pola mañá, para facer dun día máis un día inesquecible e de paso seguir lembrando os referentes da música tradicional galega que nos sitúan nesta vida.

Temos infinidade de enlaces na web que nos levan ao mestre Otero, dende o programa monográfico do Alalá que lle fixeron en vida ata multitude de momentos coa súa música, a Asociación de Gaiteiros Galegos porá en circulación gravacións en vídeo que materialicen este Memorial tan especial .

Agradecemento obrigado para os fillos de Henrique Kiko e Meli e ás súas familias, tamén para- as institucións que o apoian dende sempre : Conservatorio Superior de Música de Vigo (que é a colaboradora principal e sede do evento), Radio Galega, Deputación de Pontevedra e a outras que tamén están realizando homenaxes ao mestre como a asociación Breogán de Moaña, Conservatorio profesional de Vigo ou Conservatorio profesional de Ponteareas. E a todos os que colaboraron dalgún xeito.

Hai poucos meses a editorial Dos Acordes tamén editou parte do seu catálogo dedicado ás obras para gaita solista, sobre trinta obras. A nosa disposición. Sen dúbida unha boa nova para a difusión deste patrimonio musical galego.

Quizais esta circunstancia de excepción fainos valorar con outra perspectiva o valor do patrimonio inmaterial da música tradicional de todos e para todos en calquera situación sen depender de case nada máis que da nosa vontade por revivila cando precisemos. A música en xeral e a tradición en particular forma parte das mellores ferramentas para a supervivencia en tempo difíciles por iso os que dedicamos as nosas enerxías por mantela estamos contribuíndo a un mellor futuro para todos porque depender do que se fai fóra non será xa nunca máis para os que vivimos este 2020 unha opción mellor que apoiar o que facemos aquí. E como xa nos advertía esta copla popular: Non hai cantiga no mundo / Que non teña o seu refrán / Nunca ninguén faga conta / Máis do que teña na man.

Comentarios