Opinión

O xuíz Thomas Griesa e os corsarios

Ano 1944. En Bretton Woods representantes das principais potencias capitalistas democráticas deseñan o sistema financeiro.

Ano 1944. En Bretton Woods representantes das principais potencias capitalistas democráticas deseñan o sistema financeiro que organizará a economía mundial despois da vitoria sobre o fascismo. John Maynard Keynes, no nome da Gran Bretaña, propón a creación dunha moeda mundial, o bancor. Harry Dexter White imporá a vontade da nación que emerxe como potencia absoluta. Estados Unidos resérvase o poder de emitir unha moeda de aceptación universal, o dólar, sen ningún tipo de límite. Giscard D´Estaing, con precisión cirúrxica, falará de Exorbitante Privilexio. A nova potencia imperial garante a completa conversión do dólar en ouro cunha paridade de unha onza, trinta e cinco dólares. O deseño de Bretton Woods funciona durante dúas décadas. Nos anos sesenta aparecen os primeiros desaxustes. A crecente competitividade das economías europea e xaponesa e o enorme gasto militar converten a economía estadounidense en deficitaria. A solución, imprimir dólares, papel que debe ser aceptado en pagamento de mercadorías reais ou que financiará adquisicións e investimentos das multinacionais norteamericanas por todo o mundo.

"O imperio impón unha lei e decide, soberanamente, cando a incumprir. Un goberno democrático debe someterse ao ditado dun xuíz que pon por diante a chantaxe dun grupo de mafiosos sobre as necesidades dun pobo"

Ano 1971. 70.000 millóns de dólares xiran na economía mundial contra 12.000 millóns de reservas de ouro en Fort Knox. A desconfianza no valor do dólar esténdese. Georges Pompidou, presidente da República Francesa, manda aproar un destrutor cara a New Jersey. Vai cargado de dólares. A misión, traelos a Francia convertidos en ouro. Edward Heath, primeiro ministro británico, fai unha solicitude semellante. O presidente estadounidense Richard Nixon non dubida. A soberanía nacional é innegociábel. O 15 de agosto anuncia a suspensión unilateral do compromiso adoptado, voluntariamente, 27 anos antes. O dólar xa non será convertíbel en ouro. Estados Unidos non honrará os seus compromisos. En 1979 a onza de ouro vale 455 dólares.

Ano 2001. O pobo arxentino esgotado por dúas décadas de neoliberalismo ocupa as rúas. A represión policial deixa case 40 mortos. En dez días sucédense 5 presidentes. A débeda externa, impagábel, ascende a máis de 80.000 millóns de dólares. Arxentina declara a suspensión de pagamentos. Anos despois Néstor e Cristina Kichner negociarán a reestruturación. Conseguen unha quita histórica do 75% da débeda orixinal. Os acredores que aceptan o pacto posúen o 93% da débeda total. Queda un 7% cuxos propietarios non aceptan o pacto. Dous fondos voitre, Aurelius e NML Capital, presentarán unha demanda nun tribunal neoiorquino na que esixen o pagamento integro da súa parte de débeda.

Ano 2014. O xuíz Thomas Griesa acepta os argumentos dos voitres, e inmobiliza 539 millóns de dólares depositados por Arxentina nun banco con sede con sede en Nova York. Estaban destinados aos pagamentos aos acredores que si aceptaran o acordo de reestruturación. Griesa falla que Arxentina non poderá dispor dos 539 millóns mentres non pague a débeda en mans dos fondos voitre. Agora a vontade dos usureiros imponse sobre a soberanía dun pobo. Setenta anos despois do compromiso de Bretton Woods un xuíz decide, desde o centro do imperio, sobre os compromisos financeiros libremente decididos por un goberno en representación de máis de 40 millóns de seres humanos.

A asimetría é absoluta. O imperio impón unha lei e decide, soberanamente, cando a incumprir. Un goberno democrático debe someterse ao ditado dun xuíz que pon por diante a chantaxe dun grupo de mafiosos sobre as necesidades dun pobo. Vivimos na era do absolutismo financeiro e baixo a lei do imperio promotor das finanzas. A orde financeira mundial debe ser reconstruída e a soberanía dos pobos sobre os corsarios financeiros restaurada. A escolla é ou civilización ou barbarie.