Opinión

Teimuda defensa da unidade popular

Nas últimas semanas fixéronse públicos varios chamamentos a prol de candidaturas unitarias da maioría social. Uns son colectivos como Marea Atlántica de A Coruña, Candidatura Vigonovo, Ames Novo, Somos Maioría, Manifesto Miñor

Nas últimas semanas fixéronse públicos varios chamamentos a prol de candidaturas unitarias da maioría social. Uns son colectivos como Marea Atlántica de A Coruña, Candidatura Vigonovo, Ames Novo, Somos Maioría, Manifesto Miñor. Outros son chamamentos individuais como a proposta de Aymerich de candidaturas abertas e unitarias ou as declaracións de Verao no mesmo sentido. Suso de Toro foi candidato do BNG nas eleccións europeas e defende unha e outra vez a necesidade dunha forza política nacionalista o que non lle impide escribir que Están a nacer iniciativas xustas e acertadas no esencial que todos debemos partillar. Eu mesmo ao día seguinte das eleccións propuxen un acordo tripartito de cara ás eleccións municipais e autonómicas. 

 "Como construírmos as candidaturas da maioría social para as eleccións municipais de 2014?"

Os chamamentos expresan distintos graos de amplitude. Desde a proposta do Manifesto Miñor de Rexenerar a democracia nos tres concellos miñoranos para acabar coa corrupción sistémica nos concellos e a falla de transparencia até a vontade de Somos Maioría de facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir. Entendo que todos responden á percepción de que a maioría social agredida necesita unha alternativa que lle permita defenderse, saír do recuncho, deixar de recibir golpes e contraatacar contra os que queren acabar co ensino e a sanidade públicos e universais, co dereito das mulleres a decidir sobre a súa capacidade reprodutiva, co dereito d@s traballador@s a negociar as condicións laborais, contra os que desexan un reparto da renda e a riqueza cada vez máis desigual. Remato aquí a enumeración que podería prolongarse indefinidamente. Trátase de defender as conquistas da civilización humana, nosoutr@s defendemos a civilización humana. E de recuperarmos a esperanza de que a maioría igualitaria pode derrotar a minoría inxusta e deshumanizadora.

Mais a pregunta que debemos facernos é: como construírmos as candidaturas da maioría social para as eleccións municipais de 2014? AGE en 2012 e Podemos en 2014 souberon utilizar uns liderados recoñecidos, os de Beiras e Pablo Iglesias. Guanyem Barcelona xúntase ao redor da poderosa figura de Ada Colau. Penso que esta metodoloxía non serve para as municipais en Galiza. Até onde eu coñezo non existen nos concellos galegos personalidades que puidesen concitar unha aprobación colectiva coma as tres citadas. Non debería subestimarse a dificultade de organizar candidaturas que poidan ser percibidas polo bo pobo que ama a liberdade e a igualdade, como realmente unitarias.

"Existe a posibilidade certa de pormos fin ao devalo e de traermos de volta as mareas vivas da liberdade e a igualdade".

O que se faga en cada concello será necesariamente diverso. Cada realidade imporá unha solución. Mais, na miña opinión, un acordo formal entre as principais forzas políticas anti-Troika facilitaría moito as cousas. Este acordo non debería substituír os procesos abertos que cómpre impulsar en todos os concellos onde for posíbel, mais contribuiría a facelos máis doados. Falo de AGE, Podemos e BNG, aínda que calquera outra achega sería benvida, por seren as tres formacións que recolleron o voto do descontento. Un seu acordo, difícil, moi difícil, sería unha proclama da esperanza. E necesitamos tanto a esperanza. A política dos de arriba é esencialmente unha técnica do poder. Necesitamos unha política d@s de abaixo. Unha política que é unha arte e ao tempo unha ética e que non despreza as prosaicas, mais necesarias, cuestións de organización.

Existe a posibilidade certa de pormos fin ao devalo e de traermos de volta as mareas vivas da liberdade e a igualdade. O pobo está a clamar pola organización da esperanza. Agora boa parte da responsabilidade está nas mans das minorías máis interesadas na práctica política. Estaremos a altura do desafío?

Comentarios