Opinión

Con Siryza, coa democracia

As eleccións do 25 de xaneiro supoñen unha oportunidade para combater a política austericida en Grecia e abrir unha brecha no dominio neoliberal en Europa. As políticas de austeridade e reformas antisociais son para Grecia un fracaso económico absoluto. 

As eleccións do 25 de xaneiro supoñen unha oportunidade para combater a política austericida en Grecia e abrir unha brecha no dominio neoliberal en Europa. As políticas de austeridade e reformas antisociais son para Grecia un fracaso económico absoluto. O PIB por persoa reduciuse desde un máximo de 21.600 euros en 2008 até 16.500 euros en 2013. Unha caída do 31%. Esta destrución da capacidade produtiva é superior á acontecida na Guerra Civil española. Sánchez Asiaín calcula que o descenso foi dun terzo entre 1936 e 1938. Mais, contra 1939 xa se recuperara até o 80% do PIB. Cómpre lembrar que o pretexto para as políticas impostas pola Troika fora garantir o pagamento da débeda. Pois ben desde 2006 até 2013 a débeda pública aumentou un 70 por cento pasando do 103 ao 175 por cento do PIB. A taxa de paro superaba o 27 por cento e máis do 58 por cento entre os máis novos. Son datos oficiais da Comisión Europea que se poden consultar en Eurostat.

"As eleccións do 25 de xaneiro supoñen unha oportunidade para combater a política austericida en Grecia e abrir unha brecha no dominio neoliberal en Europa". 

A destrución da economía produce destrución da sociedade e sufrimento dos seres humanos vivos. Sobre un total de pouco máis de 11 millóns de habitantes, 3 millóns carecen de seguro médico, superando así a desprotección sanitaria existente en USA. O ar da capital faise no inverno tóxico, os atenienses queiman móbeis vernizados para se queceren, o gasóleo é un luxo inalcanzábel. Hai unhas semanas a Troika esixiu novas reformas, subir o IVE dos medicamentos e un outro recorte das pensións.

O fracaso económico e o sufrimento social só se poden entender como unha política sádica de castigo. A advertencia atribuída ao ministro alemán de Finanzas, Wolfang Schauble, “Ímoslles dar unha lección aos gregos, abusaron e ímoslles zoupar” (febreiro de 2010) materializouse no golpe de estado financeiro de novembro de 2011 e en brutais plans de axuste. Os azoutes no corpo social grego son un aviso a todos os pobos do sur de Europa de eles non aceptaren a única política económica posíbel.

"Unha vitoria de Siryza o 25 de xaneiro abriría un espazo para unha confluencia dos pobos do sur de Europa contra as políticas de desigualdade e regresión social". 

Deica o 25 de xaneiro as ameazas sobre os electores e a campaña de intimidación non vai ter límites. Os precedentes non deixan lugar á inxenuidade. En outubro de 2011 o primeiro ministro Geórgios Papandreu decidira someter a referendo as condicións do segundo rescate aprobado por Bruxelas. Non durou dez días no cargo. Foi obrigado a renunciar á consulta e dimitir. O seu substituto non electo Lucas Papademos traballara en Goldman Sachs. A democracia, a capacidade de decidir sobre política económica, é incompatíbel co neofeudalismo financeiro e a arquitectura procapital europea.

Unha vitoria de Siryza o 25 de xaneiro abriría un espazo para unha confluencia dos pobos do sur de Europa contra as políticas de desigualdade e regresión social. O último ciclo de loitas, repetidas folgas xerais en Portugal, Grecia e Reino de España, 15-M, acampada na praza Syntagma, Geraçao á Rasca, sinalaba a urxencia dunha estratexia popular supraestatal. A falta de conciencia sobre o carácter internacional da ofensiva financeira impediuno. As mobilizacións nunca superaron as fronteiras estatais. O pobo grego necesita sentir que defendemos o seu dereito a decidir, a súa soberanía, a dos seres humanos vivos fronte ao capital morto. É necesario erguer unha campaña europea en defensa da democracia grega.

Comentarios