Opinión

Perigo: 400 partes por millón

En maio de 2013 os sensores instalados no volcán Mauna Loa de Hawai mediron durante todo un día unha concentración de CO2 superior ás 400 partes por millón en volume (ppmv). A información foi difundida pola Administración Nacional de Océanos e Atmosfera de Estados Unidos. Segundo a comunidade científica, esta concentración non se acadaba desde hai máis de 3 millóns de anos. A concentración de CO2 chega ao seu máximo anual no mes de maio. O Panel Intergobernamental da Mudanza Climática (IPCC son as siglas inglesas) calcula que superará as 400 ppmv de media anual a máis tardar en 4 anos.

En maio de 2013 os sensores instalados no volcán Mauna Loa de Hawai mediron durante todo un día unha concentración de CO2 superior ás 400 partes por millón en volume (ppmv). A información foi difundida pola Administración Nacional de Océanos e Atmosfera de Estados Unidos. Segundo a comunidade científica, esta concentración non se acadaba desde hai máis de 3 millóns de anos. A concentración de CO2 chega ao seu máximo anual no mes de maio. O Panel Intergobernamental da Mudanza Climática (IPCC son as siglas inglesas) calcula que superará as 400 ppmv de media anual a máis tardar en 4 anos.

A temperatura media que corresponde ás actuais concentracións de CO2 manifestarase no futuro, sufrirana @s nos@s fill@s.

A concentración de CO2 na atmosfera era de 280 ppmv antes do inicio da Revolución industrial e chegou a 379 ppmv en 2005. Segundo un informe presentado en 2007 polo IPCC, o incremento medio anual foi de 1,4 ppmv entre 1960 e 2005, e de 1,9 ppmv entre 1995 e 2005. As emisións de CO2 aceléranse.

Adoitase pensar que reducir as emisións evitará o aumento da temperatura media do noso planeta. Porén, “a temperatura actual corresponde á composición da atmosfera de hai entre 5 e 50 anos” ou aínda máis segundo algúns expertos1. Os océanos e as grandes masas de xeo, cunha elevada inercia térmica moderan, aínda que só temporalmente, a temperatura global. A temperatura media que corresponde ás actuais concentracións de CO2 manifestarase no futuro, sufrirana @s nos@s fill@s. Para evitar unha subida dramática da temperatura sería necesario que as emisións deixasen de crecer e despois reducilas rapidamente, até unha décima parte das actuais, un obxectivo dunha dificultade extraordinaria.

O CO2 emitido permanece na atmosfera decenas de miles de anos. Para eludir consecuencias catastróficas, por exemplo a fusión das grandes masas de xeo que faría subir o nivel do mar até 75 metros asolagando todas as ribeiras, sería necesario retirar da atmosfera o exceso de carbono xa acumulado. Puig Vilar cita un informe do meteorólogo xefe da NASA, James Hansen, que propón, entre outras medidas, reforestar todos os espazos deforestados nos últimos 150 anos e mudar as actuais prácticas agrícolas moi emisoras de gases de efecto invernadoiro.

A crise financeira e económica rebaixou o interese, xa antes insuficiente, polos problemas ecolóxicos. O quecemento do planeta é o problema máis importante que debe afrontar a nosa especie. 

O presidente de Ecuador, Rafael Correa, propuxo hai anos renunciar á extracción do petróleo do Parque Nacional Yasuní, en troco dunha compensación que pagaría a comunidade internacional. O goberno ecuatoriano conformábase con recibir só a metade do valor do petróleo que ficaría baixo terra. Dos 6.300 millóns de dólares solicitados, só se reuniron 13,3 millóns e outros 116 millóns en compromisos de países europeos e organizacións ecoloxistas. O goberno de Ecuador decidiu autorizar a extracción. O carbono do petróleo de Yasuní pasará do subsolo á atmosfera.

A crise financeira e económica rebaixou o interese, xa antes insuficiente, polos problemas ecolóxicos. O quecemento do planeta é o problema máis importante que debe afrontar a nosa especie. Quizais aínda esteamos a tempo de actuar, mais para o facermos eficazmente deberíamos mudar o obxectivo case universalmente aceptado do crecemento indefinido. A adaptación do sistema produtivo aos límites do planeta sería o esforzo colectivo de, como mínimo, unha xeración.

-----------------------------

1-Ferran Puig Vilar, ¿Reducir emisiones para combatir el cambio climático? Depende, revista Mentras Tanto, nº 117. É, tamén, moi interesante o blogue do autor, http://ustednoselocree.com.

Comentarios