Opinión

Marchas pola Dignidade. Agora, agora e agora.

A manifestación do 22 de marzo foi unha mobilización xigantesca. Centos de miles de persoas ocuparon o centro de Madrid. Unha confluencia de boa parte das forzas políticas, sindicais e movementos sociais que claman por unha política antagónica á da Troika. Aquí estamos, nós tamén existimos, non nos rendemos dicían os berros e mais a linguaxe non verbal d@s manifestantes.

Non houbo nunca máis principio que agora,
Nin máis xuventude nin vellez que agora;
E non haberá máis perfección que agora,
Nin máis inferno, nin ceo que agora.
Impulso e impulso e impulso,
Sempre o impulso xerador do mundo.

Walt Whitman, Canto de min mesmo.

A manifestación do 22 de marzo foi unha mobilización xigantesca. Centos de miles de persoas ocuparon o centro de Madrid. Unha confluencia de boa parte das forzas políticas, sindicais e movementos sociais que claman por unha política antagónica á da Troika. Aquí estamos, nós tamén existimos, non nos rendemos dicían os berros e mais a linguaxe non verbal d@s manifestantes.

"Os medios de persuasión de masas conseguiron escurecer un acto político dunha enorme importancia focando a atención popular nos enfrontamentos entre un pequeno grupo de manifestantes e a policía".

Os medios de persuasión de masas conseguiron escurecer un acto político dunha enorme importancia focando a atención popular nos enfrontamentos entre un pequeno grupo de manifestantes e a policía.
No comezo da Gran Recesión os dirixentes do capitalismo occidental (Bush, Sarkozy, Díaz Ferrán) estiveron seriamente preocupados durante uns meses, e chegaron a propor publicamente reformar o capitalismo. Porén, ao se decataren da falta de resposta popular significativa, decidiron radicalizar o proxecto neoliberal.

Desde as medidas adoptadas por Zapatero en maio de 2010 o saqueo dos dereitos laborais e sociais no Reino de España non cesa. O Partido Popular, dirixido por Mariano Rajoy, está a aplicar o seu programa máximo como non se atrevera a facer Aznar. O nivel de destrución social en Portugal e Grecia é aínda superior.

"As Marchas pola Dignidade foron un intento de agrupar todas as forzas antiTroika para reactivar o espírito da rebeldía e abrir un novo ciclo antagonista".

As manifestacións do 15M en 2011 abriron un ciclo de loitas, ao que se sumou a mobilización sindical. A folga xeral de novembro de 2012 representou o seu apoxeo e, tamén, o comezo da desmobilización popular. As clases traballadoras, a cidadanía, a multitude sabían que a mobilización impactaba nun poder aínda plástico, moldeábel. O 14 de novembro de 2012 aprenderon que o poder da Troika é ríxido, impasíbel, xordo, e deduciron que a mobilización xa non serve.

A decepción-Hollande en Francia e a non esquerda-Renzi en Italia reiteran que a socialdemocracia realmente existente non é unha alternativa. As Marchas pola Dignidade foron un intento de agrupar todas as forzas antiTroika para reactivar o espírito da rebeldía e abrir un novo ciclo antagonista. Fican pendentes tres tarefas: dar continuidade á mobilización e traballar por a estender, canalizala politicamente e ampliar o ámbito da mobilización a todo o sur de Europa. O desafío, enorme, é organizar un contra-poder efectivo á Europa do capital, a que antepón a acumulación de activos financeiros á vida digna dos seres humanos. Debemos facelo. Agora, agora e agora.

Comentarios