Opinión

Os lobos de Wall Street non son frikis, son señores (os nosos)

Vin esta fin de semana O lobo de Wall Street. As imaxes son poderosas, a interpretación de Di Caprio, moi convincente. Intúo que a unha parte do público o protagonista lle produce máis fascinio que repulsión. Fiquei co desexo de repasar algunha escena, a última, Jordan Belfort a seducir un auditorio expectante, como nas modernas escolas de negocios, coa relixión verdadeira e máis poderosa da época do capitalismo triunfante, todo pode ser mercadoría, a empezar polo ser humano. E ser modern@ é apertar o pensamento positivo, se queres estarás entre @s triunfador@s. Antes do filme o anuncio de Banco Santander a rematar cunha moza puño en alto. A gran banca a vender revolución?

Vin esta fin de semana O lobo de Wall Street. As imaxes son poderosas, a interpretación de Di Caprio, moi convincente. Intúo que a unha parte do público o protagonista lle produce máis fascinio que repulsión. Fiquei co desexo de repasar algunha escena, a última, Jordan Belfort a seducir un auditorio expectante, como nas modernas escolas de negocios, coa relixión verdadeira e máis poderosa da época do capitalismo triunfante, todo pode ser mercadoría, a empezar polo ser humano. E ser modern@ é apertar o pensamento positivo, se queres estarás entre @s triunfador@s. Antes do filme o anuncio de Banco Santander a rematar cunha moza puño en alto. A gran banca a vender revolución?

"E ser modern@ é apertar o pensamento positivo, se queres estarás entre @s triunfador@s. Antes do filme o anuncio de Banco Santander a rematar cunha moza puño en alto. A gran banca a vender revolución?"

Scorsese retrata os magos das finanzas como frikis e ao final, perdedores. No contexto da crise financeira, lemos que a especulación é unha patoloxía individual argallada por un fato de pailáns atolados. A Xustiza, o FBI, faralles pagar a súa culpa. Os especuladores traballan á marxe do sistema. Segundo vía o filme, tres desacordos me bulían na testa.

Primeiro. Os actores do capital financeiro non son excéntricos ao sistema, constitúen o seu cerne. Henry Paulson dirixiu Goldman Sachs (GS) antes de ser nomeado Secretario do Tesouro dos EUA. Os tres anteriores presidentes de GS traballaron para o Estado ao deixaren o banco. Corzine como senador e gobernador de Nova Jersey, Friedman como presidente do Consello Nacional Económico (NEC) do presidente e Rubin como presidente do directorio do NEC e máis tarde Secretario do Tesouro do Presidente Clinton. A presenza de ex-directivos de Goldman Sachs na política pública chega a Europa con Mario Draghi, ex-presidente de Italia e Papademos, ex-presidente de Grecia, ambos os dous impostos pola Troika en senllos golpes de estado financeiros. De Guindos, ministro de Economía, foi membro do Consello Asesor de Lehman Brothers en Europa. A listaxe completa sería interminábel.

"A  presenza de ex-directivos de Goldman Sachs na política pública chega a Europa con Mario Draghi, ex-presidente de Italia e Papademos, ex-presidente de Grecia, ambos os dous impostos pola Troika. De Guindos foi membro do Consello Asesor de Lehman Brothers"

Segunda. As finanzas non son controladas pola política, son as finanzas as que producen a política, e primordialmente a política económica. A derrogación da Lei Glass-Steagall (por Bill Clinton en 1999) que desde 1933 afastaba a banca convencional da banca de investimento despois de 30 anos de campaña dos grandes bancos estadounidenses é un exemplo. A anulación en xaneiro de 2010 polo Tribunal Supremo dos EUA da Lei Tillman que limitaba fortemente as achegas das empresas ás campañas electorais e que fora aprobada en 1907 baixo a presidencia de Teodoor Roosvelt, outro. Robert Kapito, presidente de Blackrock, a primeira xestora de fondos do mundo declara este domingo “Todo o tempo facemos suxestións aos Gobernos de parte dos nosos clientes”. Suxestións que son tidas moi en conta.  É a Troika a que impón aos gobernos a política económica que deberán aplicar no sur de Europa.

Terceira. As práctica ilegais ou mafiosas das finanzas só son castigadas excepcionalmente. As sancións, case nunca penas, non son disuasorias. Deutsche Bank, Royal Bank of Scotland, Société Général, JPMorgan, Citigroup e RPMartin foron condenados en decembro a pagaren 1.700 millóns de euros por manipularen o euribor. Só no terceiro trimestre de 2013 Citi declaraba uns beneficios de máis de 3.000 millóns de dólares. Esta práctica fraudulenta coa que estafaron decenas de millóns de europe@s entre 2005 e 2010 reportoulles varias veces en beneficios o importe da multa. O banco suízo UBS debería pagar 2.500 millóns, mais se zafa por ter denunciado a estafa o mesmo que Barclays. A Fiscalía federal chega a acordos con Bank of New York Mellon despois de que este estafase nas taxas de troco que ofreceu a fondos de pensións públicos e privados durante máis dunha década. Acordos semellantes benefician Bank of America e JP Morgan en relación coa venda de subprimes. Os responsábeis nunca van ao cárcere, as súas cuadrillas de avogados fan preferíbel para a Fiscalía o acordo antes que enfrontar un xuízo. E iso no país coa maior porcentaxe de poboación no cárcere do mundo. Unha lei para os poderosos e outra lei para os pequenos delincuentes, para o pobo.

"As práctica ilegais ou mafiosas das finanzas só son castigadas excepcionalmente. As sancións, case nunca penas, non son disuasorias".

No filme está ausente a economía real e @s traballador@s das que extraen as finanzas os seus beneficios. Concordo aquí con Scorsese. Case 7 anos despois do comezo da crise, os pobos son aínda os grandes ausentes no teatro político do capitalismo occidental. Os lobos de Wall Street, e da City londinense, non son frikis, son os señores do novo feudalismo financeiro. En 1525 a guerra do campesiñado alemán abalou o poder feudal. Decenas de miles de campesiños derrubaron castelos e estenderon o temor entre a nobreza. Abraia a lucidez da “Carta dos artigos” que esixía acabar con todas as cargas feudais polas boas “o que, de resto, é imposíbel”, ou pola forza, e que se abandonasen castelos, igrexas e mosteiros para que os nobres, os curas e os monxes se trasladasen a vivendas comúns como as do pobo. A revolución, adiantada ao que a época permitía, foi derrotada, como 50 anos antes o fora a dos Irmandiños, e @s rebeldes pagaron un terríbel tributo de represión.

Impera un novo feudalismo, arestora financeiro. Os príncipes alemáns foron os principais beneficiados da derrota do campesiñado alemán. As finanzas, causantes da crise, están a aproveitala para radicalizaren a hexemonía neoliberal, para desposuíren os poderes públicos de calquera autonomía. O actor pobo aínda non subiu ao escenario. A nacionalización da banca  (Novagalicia Banco privatizada); a recuperación da soberanía monetaria, control democrático ou abandono do euro; a supresión ou embargo dos paraísos fiscais; o estabelecemento duns impostos expropiadores sobre os altos beneficios e patrimonios; taxas disuasorias sobre a especulación financeira farán parte dunha nosa “Carta dos artigos” para o século XXI. Porque os especuladores non son frikis, son a xente respectábel, son os nosos príncipes, os nosos amos.

Comentarios