Opinión

Para defendermos as pensións públicas

Lin con interese o artigo publicado por Xabier Pérez Igrexas sobre a defensa do sistema público de pensións (SPP). Concordo en que esa defensa non pode reducirse á denuncia das inaceptábeis subas do 0,25%. Porén, loitar por romper ese tope salarial, xa que o autor conceptúa as pensións como salario diferido, é hoxe imprescindíbel e urxente, da mesma maneira que é imprescindíbel e urxente, na negociación colectiva, a loita por aumentos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido. Así o entenderon as traballadoras de Berskha e as traballadores e traballadores da xustiza. Dúas folgas exemplares. A primeira, vitoriosa, e agardamos e desexamos que o sexa a segunda.

Mais, non podo senón discrepar doutras afirmacións que inclúe o artigo. Colaboro con MODEPEN  [Movemento Galego pola Defensa das Pensións] desde hai meses e, xunto con Victoria Portas e outros activistas, impartín numerosas charlas sobre o sistema público de pensións por todo o país. Podo dar, e dou fe, de que teimosa e insistentemente denunciamos a reforma de 2013 aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy e a de 2011 impulsada polo Goberno de Rodríguez Zapatero.

MODEPEN non é franquía ningunha de Comité ningún, senón unha organización soberana

 

Como se pode ler no manifesto público de MODEPEN, “O posible descuberto económico da Seguridade Social, ten doada solución, mais se sitúa trincado pola perversa asociación de intereses entre elites económicas e políticas, cuestión que nada ten de novidosa, cando son precisamente os intereses de banqueiros, patronal e políticos afíns os que atenazan e se poden, estrangulan as fontes de financiamento da Seguridade Social. Esa é a forma natural e histórica coa que este ruín sistema capitalista vén actuando dende hai séculos e, día si e outro tamén, intenta pasarlle a factura das súas tropelías á clase traballadora". O subliñado é meu e con el quero salientar a nidia orientación de clase deste movemento que defende o poder adquisitivo das pensións e o mantemento dun sistema público que garanta as pensións futuras. A MODEPEN interésalle a situación da clase traballadora, polo que, no mesmo manifesto, cualifica de “infame reforma laboral” a aprobada en 2012. MODEPEN non é franquía ningunha de Comité ningún, senón unha organización soberana que participa en pé de igualdade na Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións.

Pensións. Cotizacións sociais ou impostos?

Respecto do financiamento das pensións existe unha ampla marxe para aumentar os ingresos por cotizacións sociais. 1) Recuperar a participación dos salarios no PIB ao nivel de 2009 implicaría que a clase traballadora percibise en 2016 36.409 millóns de euros máis. A cotización social correspondente ascendería a 10.304 millóns de euros. 2) Eliminar ou subir os topes das bases de cotización achegaría até 7 mil millóns. 3) Eliminar as bonificacións e deducións á contratación, que non serven para crear emprego, máis de 3.700 millóns. Non son as únicas medidas que se poderían adoptar, mais estas abondarían para equilibrar o déficit actual. Pois, o déficit do sistema é, en último termo, o resultado da política económica ineficaz e inxusta imposta pola Troika e aplicada, con entusiasmo, polo PP. Agora ben, en tanto non se apliquen estas medidas, debemos esixir que o déficit do SPP se cubra con ingresos procedentes dos Orzamentos Xerais do Estado en forma de achega e non de préstamo (1).

E como defender o SPP?

Xabier Pérez Igrexas considera inviábel “artellar unha ampla unidade de acción na loita en defensa das pensións” xa que CCOO e UGT asinaron a reforma laboral de 2011. Ben, a unidade de acción é imposíbel para denunciar esa reforma. Porén, considero que se debería explorar a posibilidade dunha unidade de acción máis modesta, para restaurar o vínculo entre a suba anual das pensións e o IPC. Conseguilo sería unha gran vitoria para as clases traballadoras, a primeira en moitos anos. As forzas políticas, sindicais e sociais que propoñen derrogar as reformas de 2011 e 2013 poderían continuar a traballar por ese obxectivo. Paralizar as ofensivas do capital, e o intento de reducir as pensións públicas para deixar espazo para os fondos privados é unha desas ofensivas, só se pode facer despois de agrupar o máximo de forzas posíbel. S.O.S Sanidade Pública é un exemplo magnífico. Se este movemento de movementos non existise, estariamos hoxe a nos laiar da construción dun hospital semiprivado na cidade de Pontevedra ao estilo do Álvaro Cunqueiro. Foi a ampla unidade popular que S.O.S. articula a que paralizou o proxecto do PP. Na manifestación máis multitudinaria das convocadas o día 22, a de Bilbo, na que participaron decenas de milleiros de xubiladas, estiveron presentes dirixentes de organizacións sindicais, EH-Bildu, Podemos e PSOE.

Debería explorarse a posibilidade dunha unidade de acción sindical máis modesta, para restaurar o vínculo entre a suba anual das pensións e o IPC

 

Cada posición ocupada, un novo hospital semiprivado, un aumento da porcentaxe de postos escolares concertados, un servizo de recolleita do lixo ou subministración de auga privatizados, uns centos de traballador@s convertid@s en fals@s autónom@s, aumenta o poder do capital e debilita a posición das clases traballadoras, ademais de espallar desconfianza na utilidade da mobilización. Agora que existe un estendido malestar pola ridícula suba do 0,25% temos a oportunidade de dar e gañar unha batalla. Debemos facelo.
 

Comentarios