Opinión

25 de maio de 2014: unha análise electoral e unha proposta política

Os resultados das eleccións autonómicas de 2012 e das eleccións europeas de 2014 obrigan a unha reflexión das forzas políticas que non aceptan a desigualdade crecente, que non se resignan a aceptar o dominio da inxustiza.

Os resultados das eleccións autonómicas de 2012 e das eleccións europeas de 2014 obrigan a unha reflexión das forzas políticas que non aceptan a desigualdade crecente, que non se resignan a aceptar o dominio da inxustiza. Nós, mulleres e homes libres, temos a responsabilidade de pór a nosa intelixencia e a nosa vontade ao servizo dunha política emancipadora. Poderiamos perdoarnos a derrota, mais sería imperdoábel que a mesquindade nos impedise dar as batallas que o neoliberalismo reclama. E temos desexo de vencer.

As eleccións autonómicas de 2012 e as eleccións europeas ofrecen sinais abondos sobre os sentimentos e as esperanzas do pobo antineoliberal. 

"Nas eleccións autonómicas de 2012 o PP obtivo 654 mil votos fronte a 639 mil de PSOE, AGE e BNG. Esta diferenza deulle a maioría absoluta. Mais nas cidades e nos concellos máis poboados a esquerda superou claramente a dereita"

Primeira lección, outubro de 2012

Nas eleccións autonómicas de 2012 o PP obtivo 654 mil votos fronte a 639 mil de PSOE, AGE e BNG. Esta diferenza deulle a maioría absoluta. Mais nas cidades e nos concellos máis poboados a esquerda superou claramente a dereita. A esquerda derrotou o PP en todos os concellos de máis de 30.000 habitantes, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Narón, Oleiros, Arteixo, Carballo, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A diferenza chegou ao 12 por cento en Pontevedra e a máis do 19 por cento en Vigo. A xestión dun goberno nacionalista e nidiamente de esquerdas en Pontevedra e a mobilización social continuada en Vigo explican os resultados. Esta derrota da dereita nos núcleos de poboación máis dinámicos indicaba a existencia dun descontento social profundo que podería ser a base dunha derrota da dereita antisocial  en todo o pais.

Ademais e por segunda vez na historia desta democracia (en 1997 o BNG agrupando todo o voto da esquerda nacionalista e radical convertérase na primeira forza da oposición) a esquerda alternativa superaba, na Galiza, os votos do Partido Socialista. AGE e BNG obtiveron case 52 mil votos máis que o PSOE. Dos 12 concellos máis poboados só en Ourense o PSOE obtivo máis votos que a suma das outras dúas forzas políticas. En Santiago de Compostela e Pontevedra quedou 14 e 13 puntos porcentuais por debaixo.

AGE adiantou claramente o BNG en apoio popular, 200.000 votos fronte a 145.000. AGE soubo transmitir dúas ideas forza que o pobo de esquerda, da liberdade e da igualdade, ama, a de oposición aos poderosos, Beiras, dálles caña!, e a defensa da unidade das clases subalternas, conscientes da súa debilidade. A experiencia institucional do BNG prexudicouno. Para unha parte da poboación o BNG facía parte da vella política do sistema. AGE conseguiu aparecer como unha forza política sen responsabilidade ningunha co pasado. A superior capacidade organizativa e de mobilización do BNG non impediu que quedase en cuarto lugar. Poderiamos dicir que o BNG, e sobre todo a CIG, mobilizaban e que AGE conseguía condensar unha parte do descontento xerado en votos.

Segunda lección, maio de 2014

Nas eleccións europeas o Partido Popular baixa 15 puntos porcentuais na Galiza. Co 35,16% dos votos non podería gobernar. Son os peores resultados desde que Fraga Iribarne chegara á Galiza. Feijoó e as políticas da Troika que asumiu con fervor son os grandes derrotados do 25M.

"Nas eleccións europeas o Partido Popular baixa 15 puntos porcentuais na Galiza. Co 35,16% dos votos non podería gobernar. Son os peores resultados desde que Fraga Iribarne chegara á Galiza".

O PSOE perde case 14 puntos. O PSOE xa non é a referencia do pobo de esquerda, do pobo que quere a igualdade e defender as conquistas históricas das clases traballadoras.

A suma de PP e PSOE pasa do 85,30% ao 56,89% dos votos, 28 puntos porcentuais menos. A derrota do bipartidismo é a segunda grande nova das europeas.

AGE consolídase como terceira forza política, aínda que perde máis de 3 puntos porcentuais con respecto ás autonómicas de 2012, pasando do 13,99% ao 10,52%.

A grande novidade é a irrupción de Podemos que obtén a cuarta praza con máis do 8 por cento dos votos. Podemos representa unha ruptura xeracional e política. O seu rostro público, Pablo Iglesias, diríxese á xente que esta farta de "la casta". Podemos semella o precipitado electoral da ira e rebeldía da mocidade precaria expresada no 15M.

O BNG baixa algo máis de 2 puntos porcentuais con respecto ás autonómicas, rozando o 8% dos votos. A estrutura organizativa e a capacidade de mobilización do BNG non se traduce nun apoio popular proporcional. O BNG continúa a queda comezada en 2001. Mentres o nacionalismo avanza en Cataluña e Euskadi, semella recuar na Galiza, polo menos na versión que defende o bloque.

O voto de esquerdas supera amplamente o do Partido Popular, a diferenza é de máis de 13 puntos porcentuais ou de case 135.000 votos. Repitámolo nos centros de traballo, nas fileiras do paro, nas redes sociais: é unha derrota histórica de Feijoó e da Troika na Galiza!

Por segunda vez consecutiva a esquerda radical e nacionalista supera o PSOE. AGE, Podemos e BNG suman 5 puntos porcentuais e 51.000 votos máis que os "socialistas".

"O voto de esquerdas supera amplamente o do Partido Popular, a diferenza é de máis de 13 puntos porcentuais ou de case 135.000 votos". 

Todas estas tendencia se amplían se focamos o obxectivo nas 7 vilas galegas, as de poboación máis nova, dinámica e con maior capacidade de mobilización. A diferenza entre a esquerda e o PP é de “só” 15 e 17 puntos porcentuais en Ourense e Lugo. Nas outras 5 cidades supera os 20 puntos, 25 en A Coruña, 26 en Pontevedra e case 30! en Vigo.

A distancia entre a esquerda anti-Troika e o PSOE é maior nas cidades que no conxunto do país. En Ourense o partido socialista aínda a supera nun punto porcentual e en Lugo queda 3 puntos por detrás. En A Coruña a suma de AGE, Podemos e BNG sobrepasa en 8 puntos o PSOE, en Ferrol, Pontevedra e Vigo ao redor do 10 por cento e chega a case o 15 por cento en Santiago de Compostela.

Resumamos. Derrota do bipartidismo. Perda da maioría absoluta do PP. Vitoria da esquerda antiTroika. 

Conformismo ou rebeldía

Estes resultados abren dúas vías para a esquerda anti-Troika e o nacionalismo de esquerdas. A primeira aceptar a hexemonía do PSOE na oposición ao PP.  A política redúcese á alternancia. O máximo obxectivo debilitar o PP até a perda da maioría absoluta. Despois gobernos de coalición dirixidos polo PSOE. A política fica limitada ao espazo determinado pola configuración neoliberal da UE. Os instrumentos principais da política económica, en mans de Madrid, Berlín e Frankfurt, sobre todo Berlín e Frankfurt. A segunda estratexia, máis ambiciosa, apunta a participar na constitución dun terceiro polo na Galiza, no sur de Europa e na Unión Europea, un polo popular oposto ao neoliberalismo das finanzas e a desigualdade. O primeiro movemento desta aventura pasa por constituír unha fronte na Galiza ao redor de dous eixos, o social e o nacional, que aspire a derrotar o PP, mais tamén o PSOE, o partido que mudou o artigo 135 da Constitución Española para estabelecer a supremacía dos intereses dos rendeiros sobre os dereitos dos seres humanos vivos.

"Por segunda vez consecutiva a esquerda radical e nacionalista supera o PSOE. AGE, Podemos e BNG suman 5 puntos porcentuais e 51.000 votos máis que os "socialistas".

En 2015 celebraranse eleccións municipais, en 2016 eleccións autonómicas. É posíbel que a esquerda antiTroika e o nacionalismo de esquerdas contribúan de xeito decisivo á perda da maioría absoluta do PP. É posíbel que a esquerda antiTroika e o nacionalismo de esquerda se convertan na forza hexemónica na alternativa ao PP.

Estado de excepción ou hipérbole?

É necesario apostar decididamente por articular unha fronte ampla que inclúa todas as forzas antineoliberais, en primeiro lugar para organizar a oposición popular ás políticas antisociais promovidas pola Troika e aplicadas polo Partido Popular, mais tamén para constituír unha alianza electoral para promover alcaldías contra a austeridade e para levar un/ha president@ antineoliberal e que defenda os intereses nacionais do pobo galego á Xunta de Galicia. A esixencia desta fronte ampla derívase do radicalismo da ofensiva das clases dominantes que estar a reverter o pacto social estabelecido na Europa despois da derrota do fascismo. Non é hipérbole, vivimos nun verdadeiro estado de excepción financeiro que a elite corporativa europea tenta facer constitución a través de innovacións legais como o Regulamento relativo á prevención e corrección dos desequilibrios macroeconómicos ou o tratado Asociación Transatlántica de Investimento e Comercio. No Reino de España Rajoy muda, non paseniño, paseniño, senón, vivace, vivace, a sociedade. Cada unha das reformas laborais que hoxe pasan case desapercibidas serían, antes da crise, motivo da convocatoria dunha folga xeral. A privatización da sanidade e o ensino público avanzan. A reforma das pensións de decembro de 2013 non provocou case contestación social. A nova interpretación do artigo 315 do Código Penal para encarcerar sindicalistas xunto coa proposta de Lei de Seguridade Cidadá apuntan a unha criminalización da resistencia mesmo pacífica. Si, estado de excepción que chegou ao seu máximo cando se nomearon presidentes por cooptación en Grecia e Italia. O capitalismo desatadado non ten límites. Impuxéronllos noutrora o movemento operario organizado, a soberanía e a democracia.

Crear unha, dúas, tres Siryzas é a palabra de orde

Trátase, non de sumar, senón de crear un lugar para a esperanza d@s de abaixo, d@s que desexan, mais non cren, que os intereses da maioría subalterna poidan dominar sobre da minoría cleptocrática financeira, eses canallas. Ese lugar para a esperanza pasa hoxe pola maior confluencia social, política e electoral das forzas que defenden a igualdade. As súas expresión electorais son a Alternativa Galega de Esquerda, Podemos e o Bloque Nacionalista Galego. Mais debería abranguer o espírito de confluencias como a Alianza Social Galega e a Columna Galega das Marchas pola Dignidade, a loita sindical, e o espírito que reflicte a colaboración en Vigo de CCOO, CIG e UGT no combate democrático polo indulto para Carlos e Serafín, sen esquecer ese novo agrupamento do sindicalismo alternativo, CUT, CGT, STEG, Sindicato Ferroviario, os movementos en defensa da lingua e das persoas perseguidas por a defenderen, os novos movementos contra os desafiuzamentos, as cláusulas abusivas da banca, das persoas defraudadas coas participacións preferentes, da mocidade precaria, o herdo do espírito do 15 M. Aquí non sobra ninguén, aquí faltan tantas mans, tanta vontade de resistencia, tanta determinación para defender os intereses e as esperanzas d@s máis como poidamos xuntar. Aquí fai falta que nos miremos aos ollos e decidamos partillar a loita común.

"Ese lugar para a esperanza pasa hoxe pola maior confluencia social, política e electoral das forzas que defenden a igualdade. As súas expresión electorais son a Alternativa Galega de Esquerda, Podemos e o Bloque Nacionalista Galego"

Abrollan por Europa intentos de contestar as políticas do austericidio, a servidume pola débeda e a desigualdade. PCP e Bloco de Esquerda en Portugal, e Geraçao á Rasca e Que se lixe a Troika. Siryza e KKE en Grecia. A Fronte de Esquerdas en Francia. O Partido Socialista en Holanda, Bildu en Euskadi, as CUP en Cataluña, Die Linken en Alemaña... son síntomas da necesidade das clases subalternas de artellaren expresións políticas propias eficaces na defenda dos seus intereses. A socialdemocracia semella esgotada e incapaz de se ceibar da aperta do oso neoliberal. Hollande e Renzi confírmano. Agora correspóndelle á outra esquerda demostrar que posúe a intelixencia, a audacia e a xenerosidade de crear unha opción política nova, entendendo por novo o que expresa unha necesidade profunda da sociedade, dunha parte maioritaria da sociedade. Noutrora as clases subalternas construíron con grandes esforzos forzas políticas e sindicais socialdemócratas e comunistas. En Latinoamérica as novas organizacións amplas e moi diversas entre si permitiron enfrontar o paradigma neoliberal e o Consenso de Washington. Que forma lle daremos nosoutr@s á nosa necesidade?

A situación de emerxencia social, o aumento da pobreza e a exclusión, a crecente desigualdade na distribución da riqueza e a renda, o intento decidido dos poderosos para aumentar e consolidar o seu poder e limitar a democracia a unha representación formal sen substancia, esixen a construción dunha capacidade suficiente de resposta. Traer a esperanza á maioría e traspasar o medo d@s excluíd@s á minoría avarenta e inxusta. É a nosa responsabilidade. Non a podemos trasladar a outro lugar, a outro tempo. Farémolo? Fagámolo.

Para que gobernar?

 "Un goberno galego de esquerda radical podería ser outro pé dun movemento que rompese o illamento de Siryza para derrotar o neoliberalismo de vez". 

Propuña máis arriba que debemos tentar levar un/ha president@ antineoliberal e que defenda os nosos intereses nacionais á Xunta de Galicia. Para que? Corresponderíalle desenvolver dúas tarefas. A primeira pór todos as competencias que recoñece o Estatuto de Autonomía ao servizo dunha política favorábel á maioría social. Desde logo na defensa dos servizos públicos, sanidade e educación, mais tamén impulsando os de dependencia. Reforzando políticas estratéxicas como o Banco de Terras e unha decidida de promoción da investigación científica e técnica e das enerxías renovábeis. Recuperando as políticas promovidas polo bipartito de defensa dos dereitos da muller. Volvendo impulsar a normalización da lingua nacional e a promoción dunha industria cultural. Estudando a serio a capacidade de recuperación e/ou promoción dun sector financeiro público. Mais, moi probabelmente estas política baterían cos límites do Estatuto e, sobre todo, cos límites da camisa de forza da construción europea neoliberal. De que magnitude serían os ataques que recibiría un goberno decidido a crear unha banca pública galega? Recuperar a soberanía coido que esixe un acordo internacional para virar o carácter da Unión Europea. Un goberno galego de esquerda radical podería ser outro pé dun movemento que rompese o illamento de Siryza para derrotar o neoliberalismo de vez. 

Ambicioso? Difícil? Si, moi ambicioso. Si, extraordinariamente difícil. Mais, gozamos dalgunha liberdade que non proveña dunha ambición desmesurada e dun desafío sen esperanza?

Cal foi a desmesura de Rosalía a escribir en galego, un dialecto desprezábel, ela muller na metade do século XIX? Como de insensata Rosa Parker, muller e negra, a se negar a deixar o seu asento a un home! e branco! Que ausencia de cálculo había nos máis de 10 mil operarios que en 1972 se declararon en folga e baixaron de Beade, Matamá, Cabral, Bembrive, Lavadores a ocuparen o centro de Vigo, a se enfrontaren coa policía política e os grises de Franco? E quen somos nós para negármonos a aceptar a poderosa orde neoliberal e o capitalismo desatado no seu vitorioso paseo de 30 anos? Mais si, queremos facelo. Imos facelo. Pola nosa dignidade de seres humanos. Por que non sabemos non ser. Por que nunca nos rendemos. Por que iso é o que somos. Humanos.Vigo, 26 de maio de 2014

     

Comentarios