Opinión

1º de Maio de 2014, existen, aínda, as clases sociais?

De facérmoslles caso á provocación de Warren Buffet, un dos cinco homes máis ricos do mundo, si existen as clases sociais e máis a loita de clases "E é a miña clase, a dos ricos, a que vai gañando" (The New York Times, 26 de novembro de 2006). Mais podemos concretar algo máis sobre a composición de clases da sociedade actual? Dous estudos recentes ofrécennos un retrato das clases sociais no comezo do século XXI.

De facérmoslles caso á provocación de Warren Buffet, un dos cinco homes máis ricos do mundo, si existen as clases sociais e máis a loita de clases "E é a miña clase, a dos ricos, a que vai gañando" (The New York Times, 26 de novembro de 2006). Mais podemos concretar algo máis sobre a composición de clases da sociedade actual? Dous estudos recentes ofrécennos un retrato das clases sociais no comezo do século XXI.

"Segundo Subirats a clase traballadora suma o 60 por cento da poboación total e as clases medias o 40 por cento". 

Marina Subirats estuda a evolución das clases sociais en Cataluña desde 1985 a 2006. A propiedade ou non de medios de produción, o nivel de ingresos, a posición xerárquica no proceso produtivo, mandar ou obedecer, definen dúas grandes clases sociais que ela denomina clase media e clase traballadora.

A clase media estrutúrase en empresarios con asalariados, empresarios sen asalariados e autónomos, nova clase media e xoves de clase media. A primeira camada é a denominada tradicionalmente “burguesía”. A segunda está, nos seus estratos inferiores, próxima ás clases traballadoras, mais tende a identificarse ideoloxicamente co empresariado. A nova clase media está formada por sectores de alto cualificación académica e técnica que lles permite ocupar postos de traballo ben retribuídos e con mellores condicións laborais cós da clase traballadora. Por último a clase media nova inclúe moz@s de familias de clase media que, afrontando peores condicións laborais cás das súa familias, poden vivir co estilo da clase media ao non se independizaren até idades avanzadas.

A clase traballadora componse de tres capas. A clase traballadora adulta e nova, con ingresos claramente inferiores aos das clases medias e ocupando postos de traballo dependentes e na súa maioría de baixa cualificación, que padece altas taxas de temporalidade e paro. A xeración anterior, a clase traballadora vella, está formada, na súa maior parte, por persoas xubiladas, con moi baixos ingresos. Por último a clase traballadora inmigrante ocupa os postos de traballo rexeitados polas persoas nativas e a súa situación social é aínda máis precaria.

Segundo Subirats a clase traballadora suma o 60 por cento da poboación total e as clases medias o 40 por cento. 

 "Os salarios e pensións galegos son inferiores á media estatal e aínda están máis lonxe dos niveis medios cataláns".

A clase dominante está ausente deste esquema xa que para a autora, representa unha pequena porcentaxe,  difícil de detectar ao levar un estilo de vida cosmopolita. Os seus integrantes son directivos das grandes organizacións públicas e privadas, das multinacionais e transnacionais, dos organismos dirixentes da Unión Europea, do FMI, do BM, polític@s de alto nivel...

Antonio Antón, sociólogo como Subirats, estima que, no Reino de España, fan parte das clases altas ou dominantes entre o 2 e menos do 5 por cento da poboación, non chega a un terzo da poboación a pertencente ás clases medias e case o 70 por cento d@s habitantes inclúense nas clases traballadoras.

De aplicarmos os esquemas interpretativos de Subirats e Antón á Galiza coido que o peso das clases traballadoras aumentaría. Os salarios e pensións galegos son inferiores á media estatal e aínda están máis lonxe dos niveis medios cataláns.

Remato con dúas citas. “As clases sociais confórmanse nos procesos históricos coa participación no conflito social dos seus compoñentes máis relevantes. Teñen un carácter relacional: a configuración dun bloque social ou un campo sociopolítico xérase pola diferenciación social, cultural e política fronte a outro” (Antón) e “O que pasou na nosa sociedade non foi a desaparición das clases sociais, senón a ocultación dos seus signos máis evidentes... Algo que fai máis difícil que os afectados por estas divisións sexan quen de identificárenas e de tentaren eliminalas.” (Subirats).

Comentarios