Opinión

Vontade de sermos (diario)

Vai camiño de seis anos que a forza da vontade colectiva conxurouse até lograrmos o retorno da lingua galega aos quiosques. O nacemento de Sermos Galiza en maio de 2012 foi, sobre todo, un acto de autoestima. Un exercicio práctico das enormes potencialidades que ten o noso País. Daquela, cando o momento pintaba negro, a vontade e a determinación lograron converter os laios pola desaparición das últimas cabeceiras de prensa en galego nun proxecto xornalístico comprometido con Galiza e o seu pobo. Foi unha tarefa titánica, imposíbel de non ser polo compromiso de máis de 900 accionistas que con pequenas achegas financiaron esa empresa, e polos moitos centos de persoas máis que abrigaron desde o primeiro momento a iniciativa para a facer nacer e seguen a darlle vida. Así se aporta na illa Utopía. Trazando sen medos o rumo no mapa e bogando con forza e tenacidade até arribar lá. Hoxe, felizmente, a existencia nos andeis da prensa dun semanario galego e en galego é xa un acto de normalidade. Desa normalidade inda pendente de conquistar en tantos outros ámbitos. 

A ausencia dun xornal impreso galego, digno de tal cualificativo, e editado no noso idioma é unha tarefa pendente.

A ausencia dun xornal impreso galego, digno de tal cualificativo, e editado no noso idioma é unha tarefa pendente. Un déficit que non só fana sobremaneira a consolidación dun espazo comunicacional galego, senón que ademais priva o noso pobo dunha oportunidade para rachar co abafante oligopolio da mediática empresarial e sistémica e o seu monopolio discursivo. Para rachar coa caricatura colonial que retrata o seu relato “informativo”. Para dispormos dun facho de luz que acabe coa invisibilización do país real, o que latexa nas loitas sociais negadas, na cultura maltratada e que fala con lingua propia. Que dinamite o marco de dependencia apostando nunha axenda informativa propia, autocentrada. Por, desde e para Galiza. Esa é a tarefa que 175 persoas, referentes de diferentes sectores, queremos impulsar lanzando a iniciativa ao conxunto do noso pobo. Convocando nun sentido plural e amplo a quen se queira sumar.

A necesidade de nos dotar dun diario galego é tan evidente como partillada. Como evidente é a dificultade deste repto histórico, no económico, no empresarial e no xornalístico. Mais transformar a realidade pasa, inescusabelmente, por facer posíbel o necesario. Por combinar todas as capacidades nun esforzo partillado. Por sumar alento, intelixencia e forza. Por converter en práctica a convicción. Por lograr que o compromiso franquee as barreiras do pretensamente imposíbel.

"O diario galego" nacerá da man de milleiros de persoas que desde 2012 saben, sabemos, da inmensa forza que encerra a vontade de sermos

A iniciativa de promover o nacemento de “O diario galego” o próximo ano podería parecer un acto de tolemia. Unha arroutada. Un atrevemento temerario. Atrevernos a apostar no papel en plena crise da prensa escrita. Atrevernos a multiplicar a presenza do galego no medio desta vaga de brutal españolización. Atrevernos a tencionar romper co relato monocorde. A golpear con rigor, veracidade e pluralidade o discurso da artillería mediática do Poder. Atrevernos a crer no xornalismo fronte a propaganda. A contrapoñer análise, contexto e profundidade fronte a inmediatez oca e alienante. Atrevernos a dar voz a quen outros silencian. A contar a realidade sen excluír as mulleres, nin nos feitos, nin nas voces, nin na linguaxe. Atrevernos a poñer en primeira plana os conflitos, as mobilizacións e as loitas das clases populares e traballadoras que se revolven no cotiá fronte a inxustiza, a desigualdade e a explotación. Atrevernos a alentar a nosa creación cultural e artística face ao cosmopaletismo de importación. A tronzar o valado imaxinario que engaiola o noso medio rural. Atrevernos a afirmar Galiza como o noso marco, tamén na información. Eses son os atrevementos que farán latexar o proxecto de “O diario galego”. Os que o farán nacer da man de milleiros de persoas que desde 2012 saben, sabemos, da inmensa forza que encerra a vontade de sermos. De sermos Galiza.

Sexamos!
 

Comentarios