Opinión

Vinte anos do Euro

O 1 de xaneiro de 2002 comezaba a circular o Euro, a divisa comunitaria que no caso do Estado español substituía a peseta. Van xa dúas décadas da entrada en funcionamento da denominada moeda única, un período curto mais suficiente para poder abordar unha análise sobre as consecuencias que a mesma tivo para Galiza.

De entrada cómpre sinalar que durante estes vinte anos o Euro verificou a súa natureza. Non se trata dun instrumento neutro, senón que foi expresión dunha vontade política por profundar no proceso de integración capitalista no marco da Unión Europea. Como ben apuntaba hai uns anos o economista portugués Pedro Carvalho, o euro é nese sentido un "instrumento de clase", ao servizo, claro está, da concentración e centralización de capital en beneficio da oligarquía empresarial e financeira do centro do continente. 

A entrada do Euro non supuxo para a Galiza máis que unha aceleración e intensificación dos efectos negativos que xa tiña o seu forzoso encadramento no seo da UE

O Euro axe como unha potente panca dentro da engrenaxe económica da UE. Non falamos só da moeda en si propia, senón das políticas monetarias e económicas que impón. Neste sentido, foi moi ilustrativo o papel que a divisa desempeñou durante a crise do 2008. Daquela, os axustes draconianos impostos a territorios da periferia visaron a enorme potencia que a moeda única ten á hora de agudizar as contradicións centro-periferia, impoñendo un marco de inda maior dependencia aos territorios non centrais. 

Destarte, aplicar unha política monetaria única sobre un cadro de economías con distintos niveis de desenvolvemento e con estruturas produtivas diferentes como as que hoxe integran a zona euro (19 dos 27 Estados da UE e outros 6 territorios), atendendo ademais á evidente primacía dos intereses das principais potencias, acaba por se traducir no aumento das disparidades económicas, sociais e territoriais, en troca da falsamente prometida "converxencia" comunitaria. 

Fronte á propaganda oficial, e os coros do europapanatismo, a entrada do Euro non supuxo para a Galiza máis que unha aceleración e intensificación dos efectos negativos que xa tiña o seu forzoso encadramento no seo da UE. Entre as consecuencias salienta o agravamento do proceso de desertización produtiva que supuxo a destrución de boa parte do noso sector primario e tamén de importantes actividades industriais, xa que o abaratamento relativo das importacións acabou empurrando un vertixinoso proceso de terciarización da economía, isto é aínda maior predominancia do sector servizos. Estrangulando a base produtiva propia o único que se logra é cronificar a dependencia e impedir a posibilidade real dun desenvolvemento autocentrado.

As políticas económicas sobre as que opera o Euro supuxeron inda unha maior centralización e afastamento da toma de decisións, fanando a xa limitada soberanía formal dos Estados, e redobrando o efecto en territorios dependentes como a Galiza. De aí que da man do Euro a única política de axuste posíbel para enfrontar contextos económicos adversos sexan os recortes e o empobrecemento. 

Aliás, son manifestos os efectos que o Euro tivo tamén no plano social e laboral, impoñendo políticas que se traduciron na destrución de emprego, no aumento exponencial da precariedade, na xeneralización do empobrecemento e nun novo éxodo xuvenil á emigración. A perda de poder adquisitivo das clases populares e traballadoras ten sido unha constante nos dous últimos decenios. Os datos oficiais median nun 40% o incremento dos prezos, mais os salarios apenas terían aumentado en arredor da metade desa porcentaxe. Para alén dos datos macro, a economía corrente visa como o prezo de bens tan básicos como unha barra de pan ou un café con leite duplicaron o seu prezo. 

Vinte anos despois comprobamos como a entrada de circulación do Euro non foi unha boa noticia para Galiza, e moito menos para a súa maioría social. Moi ao contrario, a moeda única é para nós un evidente obstáculo para o desenvolvemento económico e produtivo. Unha camisa de forza que impón o recorte en dereitos sociais, o aumento da explotación laboral, degrada os servizos públicos, coloca a economía ao servizo dos intereses do grande capital europeo e condénanos a ser periferia dependente.

Comentarios