Opinión

A tripla crise que enfrontamos

Galiza enfronta unha tripla crise. A non superada, iniciada na altura de 2008, e cuxa resaca inda está moi presente. A desatada polos efectos que na inminencia tivo a pandemia da Covid. E a que virá, de non o evitarmos, da man do efecto combinado das dúas anteriores e mais as consecuencias das políticas de axuste que volven estar en axenda.

É no ámbito laboral e produtivo onde máis se está a facer notar e onde se agravará, de maneira aguda, nos vindeiros meses e anos. Así o advirte a última Enquisa de Poboación Activa, que recolle dous datos estarrecedores para Galiza: na altura do primeiro trimestre de 2021 inda estaban sen recuperar preto de 100 mil empregos desaparecidos desde o 2008 e nos últimos doce meses destruíronse 23.200 postos de traballo.

Cifras que trasladadas á realidade social debuxan un panorama desolador cun incremento brutal do empobrecemento e da pobreza, e que alentan a enxurrada migratoria que xa expulsou  á emigración a máis de 200 mil mozas e mozos na última década. A isto engádese o aumento exponencial da precariedade e dos niveis de explotación laboral, cunha eventualidade que xa é norma e cunha moi preocupante tendencia á predominancia de empregos a tempo parcial que non garanten a subsistencia material das traballadoras e traballadores.

Cidades como Vigo continúan con máis de 60 mil persoas, sob unha poboación total de 300 mil, en risco de pobreza e exclusión social. Unha realidade que se fai palpábel nas fileiras da fame que nin as sombras que deixan as propagandísticas luces de nadal son quen de ocultar.  A situación de Vigo e a súa comarca é sintomática do alcance do problema. Un dos principais pulmóns industriais do País aqueixa unha evidente insuficiencia respiratoria, provocada pola destrución, só no último ano, de 5.700 empregos industriais na cidade.

O proceso de desertización produtiva de Vigo, xunto a grave crise industrial que se vive no norte do País, debera ser motivo de especial preocupación, non só polos efectos inmediatos en forma de desemprego ou retroceso da actividade económica, senón porque de seguir avanzando inviabilizará unha recuperación real e efectiva. A base industrial é estratéxica e ademais non é doada de repoñer. Como exemplo de alcance temos o momento crítico que enfronta o sector da construción naval en Vigo. Unha actividade estratéxica e vital fica sob a ameaza real de desaparecer tal e como coñecíamos.  E diante deste cadro de situación, que sintomatiza o naval vigués, a deliberada inacción da Xunta de Galiza, cuxa única política económica é o monocultivo do Xacobeo, e a omisión cómplice do Goberno español, incapaces de despregaren unha tan imprescindíbel como urxente intervención pública que blinde o futuro do sector naval vigués.

Estamos atravesando tempos duros e os que veñen non se anticipan mellores. Non para a maioría social que representan as clases populares e traballadoras. E diante desta conxuntura cómpre defender con firmeza unha alternativa sólida, radicalmente comprometida cos intereses do pobo, que aposte polo noso dereito irrenunciábel a vivirmos con dignidade dun traballo na propia terra.  E iso pasa por robustecer a capacidade de resposta do propio pobo galego, en chave de mobilización e de conflito, como con afouteza está a facer o sindicalismo nacionalista e de clase. Mais tamén por despregarmos, de maneira desacomplexada, alternativas concretas que permitan artellar un parapeto social que impida que a factura desta tripla crise volva recaer na maioría social. Empurrando mudanzas políticas de fondo, que para alén de requirir botar abaixo as contrarreformas laborais impostas nos últimos anos (que o autodenominado Goberno máis progresista en Madrid perpetuou), frear calquera nova tentativa de recorte de dereitos (como o que se quere aplicar nas pensións públicas) ou confrontarmos o memorando regresivo que a UE quer impor na aplicación dos fondos Next Generation, precisa tamén de denunciarmos o efecto multiplicador da propia crise que ten para o noso País o papel dependente que se lle impón polo Estado español substanciando a necesidade de plena soberanía.

Comentarios