Opinión

Think tanks novos para vellas ideas equivocadas

Galiza non vai sobrada de espazos para o debate, para a análise ou para a reflexión colectivas. Certamente. Con todo, eu non penso alentar o retorno a vías mortas que xa transitamos a nivel discursivo, porque sería teimar no erro, abxurar da rectificación política que tanto custou (e inda custa) e sumar inda máis confusión e incerteza.

Galiza non vai sobrada de espazos para o debate, para a análise ou para a reflexión colectivas. Certamente. Con todo, eu non penso alentar o retorno a vías mortas que xa transitamos a nivel discursivo, porque sería teimar no erro, abxurar da rectificación política que tanto custou (e inda custa) e sumar inda máis confusión e incerteza.

Eu non penso alentar o retorno a vías mortas que xa transitamos a nivel discursivo

As falsas sinonimias que serven para tentar xuntar baixo un mesmo paraugas a concepcións ben diferentes (nacionalismo e “galeguismo”) e proxectos que a nivel estratéxico nada teñen a ver, non serven. Tampouco, insistirmos en que o grave problema, a enorme eiva, que para o noso povo representa a falla de soberanía nacional e popular pode resolverse cunha mellora do marco competencial nun reaxuste dun modelo autonómico que fica superado historicamente.

A nación galega non cabe en traxe estatutario ningún que a subordine como rexión española

Para racharmos coas políticas económicas, os recortes antisociais e as reformas antiobreiras que dita a UE ao servizo do capital e que executa o Estado español, de maneira cómplice, non abonda termos policía autonómica ou que se nos transfira non se sabe que competencia menor. A nación galega non cabe en traxe estatutario ningún que a subordine como rexión española.

O novo horizonte que anceia o noso povo, os cambios radicais que se precisan para o facer realidade, non pasan por un imposíbel acordo co Estado senón pola ruptura. Para decidirmos nós, o pobo traballador galego, e deixarmos de ser súbditas do capital e dos seus capataces, chámense Merkel, Rajoy ou Feijóo. Non é hora de recuncarmos en vellos espellismos xa descifrados, é hora de fortalecermos unha alternativa consistente, como xa apuntei hai uns días.

Non abonda con afirmar quen somos, senón o que e para que. 

Comentarios