Opinión

Temos todos os dereitos mais todos están postos en cuestión

    Na mesma semana en que a Galiza vive unha xornada de folga xeral celebra pleno de constitución o Parlamento saído das eleccións do 21 de outubro.

Na mesma semana en que a Galiza vive unha xornada de folga xeral celebra pleno de constitución o Parlamento saído das eleccións do 21 de outubro. Un e outro episodio teñen nesta ocasión algo de novidoso e tamén algo máis en común que a simples coincidencia temporal: a folga porque transcende o ámbito meramente laboral -por iso é unha folga xeral- por canto á convocatoria sindical se sumaron diferentes colectivos e movementos sociais e porque por primeira vez coincide a convocatoria, e en parte a motivación, con outras celebradas en Portugal, Italia, Grecia e a propia España; a constitución do Parlamento pola presenza dun novo grupo parlamentar, o de AGE, que se suma aos tres existentes durante os derradeiros anos, BNG, PsdG-PSOE e PP.

Dirixentes do Partido Popular quixeron presentar os resultados electorais como un aval ás súas políticas de socialización das perdas bancarias, ás políticas fiscais regresivas caracterizadas pola desfiscalización das rendas do capital e todos os demais recortes que motivaron a folga xeral do 14N. Sería un erro que o novo Parlamento, encargado de aprobar o orzamento que debe dar saída a toda a problemática social que motivou a greve xeral, e o novo goberno, encargado de presentar e executar ese orzamento, interprete os datos da folga en clave exclusivamente estadística ou de porcentaxe de cumprimento dos abusivos servizos mínimos e a valore, como está a facer o goberno en funcións, como un fracaso e, polo tanto como un elemento a non tomar en consideración á hora de aplicar as restritivas medidas que aínda están por chegar.

Secundar unha folga é un dereito tan lexítimo como acudir ás urnas mais é, ou pode ser, moito máis custoso

Hoxe na Galiza hai persoas que pouco máis poden facer que tentar sobrevivir cada día, unhas mellor, outras peor; e tamén as hai que pasan os días acumulando máis e máis recursos, nun constante incremento das desigualdades sociais. Os cidadáns da Europa, especialmente os dos estados da periferia, experimentamos un significativo retroceso nas nosas condicións de vida desde que comezaron a aplicarse políticas, en nome da recuperación económica, que só conseguiron empobrecer millóns de persoas. Segundo a Constitución española que, inamovíbel, nos rexe desde 1978, as galegas e os galegos temos dereito a saír libremente das fronteiras do estado, mais ese dereito axiña adopta a face da emigración forzada; temos dereito ao ensino, mais encarécese de tal xeito coa supresión de axudas e co incremento das taxas que o dereito se transforma en abandono; podemos exercer libremente o dereito a sindicarnos mais os sindicatos son presentados como os causantes de todo o mal que hai sobre a terra e as conquistas sociais conseguidas ou as melloras nas condicións de traballo son presentadas como inxustificábeis actos de insolidariedade; temos dereito ao traballo, mais non hai onde exercer tal dereito; temos dereito á negociación colectiva, mais as reformas laborais e a fixación dos salarios faise por decreto porque a contención do gasto é o valor que prevalece para que os máis ricos poidan levar máis tallada; temos dereito á protección da saúde, mais só se podemos pagar ou non morremos nunha interminábel sucesión de días de espera; temos dereito á vivenda e a non ser privados das nosas casas, sempre que unha entidade bancaria non estea polo medio.

Temos todos os dereitos mais todos están postos en cuestión: o dereito ao traballo, o ensino público, a sanidade pública, a cohesión social, a supervivencia dos máis pobres. Mesmo a democracia. Por iso secundar unha folga é un dereito tan lexítimo como acudir ás urnas mais é, ou pode ser, moito máis custoso e pode significar a perda doutro dereito, o dereito ao traballo.

Comentarios